Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 1995 Páx. 2.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 16 de febreiro de 1995 pola que se anuncian medidas de apoio ós corpos da policía local dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 148.1.22. da Constitución española establece, entre as competencias que poden asumi-las comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades en relación coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.

Se ben é certo que esta non é unha competencia especificamente recollida no Estatuto de autonomía de Galicia, a promulgación da Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade do Estado 2/1986, proporciónalle á Comunidade Autónoma de Galicia unha ampliación de competencias en materias non previstas no Estatuto e, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 13/1993, do 20 de xaneiro, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, corresponde a esta consellería, entre outras, a coordinación das policías locais.

Por medio da presente orde preténdese dar cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no senso de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos dos corpos de policía local, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en uso de vehículos todo-terreo ás concellos da Comunidade Autónoma galega que conten cos ditos corpos.

DISPONO:

Artigo1º. Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. A tal fin, cederá en uso vehículos todo-terreo ás concellos que conten con corpos de policía local, establecéndose, nos convenios, que se asinen para o efecto, entre a Xunta de Galicia e os concellos beneficiarios, os termos desta cooperación conforme as estipulacións que se detallan nos artigos 6º e 7º desta orde.

Artigo 2º. Beneficiarios.

Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten cun corpo de policía local, integrado, polo menos, por sete persoas, e

b) Que teñan entre 5.000 e 20.000 habitantes.

Artigo 3º. Crédito.

Á consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de cincuenta millóns de pesetas (50.000.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.624.2, Programa 123.A, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995, que se dedicarán á adquisición de vehículos todo-terreo, ostentando a súa titularidade a Comunidade Autónoma.

Artigo 4º.- Iniciación.

1. No prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ás que se refire o artigo 2º desta orde, e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

1.-Certificación expedida polo secretario xeral da cor poración relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Se acorde solicita-la cesión en uso regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Se faculte o alcalde do concello para acepta-la cesión en uso, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan establecidas por esta e para asina-lo convenio de cesión.

2.-Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

3.-Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta o corpo de policía local na actualidade.

4.-Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada a data de publicación da presente orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

5.-Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes contemplados nos presupostos municipais de 1995 destinados ó funcionamento do corpo de policía local, e por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

6.-Relación das funcións que exerce principalmente o corpo de policía local.

3. O defecto nas solicitudes seralles notificado, ás interesados, pola Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para corrixiren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º. Instrucción.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2.-O director xeral de Xustiza e Interior elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 6º. Resolución.

Trala proposta do director xeral de Xustiza e Interior e a fiscalización previa da Intervención Delegada da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, corresponderá ó conselleiro a resolución.

Artigo 7º. Notificación.

1.-A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en uso dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable, no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

2.-Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante e que serán incluídas no convenio: «Correrán a cargo dos concellos os gastos de matriculación, impostos municipais de circulación, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía e aqueloutros que se establezan nos convenios de colaboración que regula a cesión dos vehículos».

Artigo 8º. Aceptación.

1.-O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contado a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2.-Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la cesión en uso dos vehículos todo-terreo.

Artigo 9º. Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento de cadro de persoal.

c) Recursos materiais con que conta o corpo de policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material para o corpo de policía local con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinadas a gastos correntes vinculados ó corpo de policía local do concello solicitante.

e) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos de investimento vinculados ó corpo de policía local do concello interesado.

Artigo 10º. Control.

O incumprimento de calquera das condicións que se fixen nos convenios que se asinen ó respecto levará consigo a devolución, por parte da entidade local, dos vehículos cedidos en uso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais