Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 1995 Páx. 2.054

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 1995 pola que se convoca a sexta edición do curso superior de relacións laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo, para responder á necesidade de establecer canles institucionais de encontro e participación entre as organizacións representativas de traballadores e empregadores, ten, entre outras competencias atribuídas pola propia lei de creación e as súas normas de funcionamento interno, a de promover iniciativas que recollan estudios, debates e a difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral e a cultura do traballo.

Conscientes da demanda, pola sociedade galega, de ensinanzas do máis alto nivel no eido das relacións laborais, así como da necesidade de promover, nun mercado cada vez máis competitivo, a adaptación da xestión das empresas ó novo estilo de dirección de persoal que marca a política de recursos humanos e en virtude das facultades conferidas na disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do 15 de febreiro, pola que se establece o prezo privado que deberán satisfacer, en concepto de matrícula, os alumnos que realicen o curso superior de relacións laborais, procédese a convoca-la sexta edición do curso superior de relacións laborais que se desenvolverá segundo as seguintes bases:

1ª.-Obxecto.

O curso pretende ser un foro de exposición e debate sobre os profundos cambios producidos na ordenación das relacións laborais que afectan, non só o mercado de traballo, senón tamén a negociación colectiva, a representación dos traballadores na empresa, a seguridade social e á xestión de recursos humanos, en xeral.

2ª.-Destinatarios.

Diríxese o curso a cantos están interesados en adquirir unha especialización, perfeccionamento e/ou actualización profesional nas materias laborais e na xestión de recursos humanos e, en especial, ós licenciados ou diplomados en dereito, ciencias económicas e empresariais, ós responsables de recursos humanos ou xefes de relacións laborais da Administración e das empresas, ós asesores e cadros dos sindicatos e organizacións empresariais, etc.

3ª.-Contido e horas lectivas.

O curso contará con un total de 176 horas lectivas distribuídas nos seguintes módulos formativos:

Módulo I. Relación individual de traballo: 40 horas.

Módulo II. Relacións colectivas de traballo: 44 horas.

Módulo III. Dereito administrativo do traballo: 8 horas.

Módulo IV. Seguridade Social: 16 horas.

Módulo V. Dereito autonómico e comunitario do traballo: 16 horas.

Módulo VI. Política de recursos humanos: 36 horas.

Para as sesións inaugurais e de clausura, conferencias, mesas redondas e outros actos está previsto un total de 16 horas.

4ª.-Calendario.

A inauguración do curso terá lugar o día 5 de maio e rematará o día 1 de decembro de 1995.

Os días lectivos, normalmente 2 ou 3 por semana, figuran detallados no programa que se entregará ós alumnos. O curso suspenderase desde o día 29 de xuño ata o día 18 de setembro.

As clases impartiranse nas aulas da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela e o horario normal de actividades será en sesión de tarde, desde as 16.30 ata as 20.30 horas.

A dirección do curso poderá modifica-lo programa de desenvolvemento por circunstancias que afecten á súa organización. Estas variacións serán anunciadas ós asistentes con suficiente antelación. Cada mes natural entregarase unha relación dos temas que se van impartir e dos seus correspondentes relatores.

5ª.-Inscrición e solicitudes.

a) Información. Os alumnos que desexen matricularse no curso deberán poñerse en contacto coa Secretaría Técnica do curso, no Consello Galego de Relacións Laborais, Praza de Vigo, 2 baixo, 15701 Santiago de Compostela. Telf. (981) 57 29 00. Telefax (981) 57 29 29, que lles facilitará a información necesaria, o programa do curso e os modelos oficiais de solicitude.

b) Prezo. O prezo que deberán satisface-los alumnos en concepto de matrícula será de 215.000 ptas., segundo o establecido na orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 15 de febreiro (DOG 2-3-1995) que poderá ser aboado en calquera das entidades bancarias que figuran no impreso de pagamento de prezos privados que se facilita co programa do curso.

c) Número de prazas. O número de prazas que se convocan pola presente resolución é de 50.

d) Forma. As solicitudes de inscrición faranse por escrito, no modelo oficial que se facilita co programa do curso, que deberán ser remitidas ó Consello Galego de Relacións Laborais, xunto co xustificante de ter efectuado o pagamento do correspondente importe da matrícula.

e) Prazo. O prazo de admisión de solicitudes de matrícula comeza o día 27 de marzo e rematará o día 4 de maio de 1995, ou na data en que se cubra a totalidade das prazas ofertadas.

6ª.-Asistencia e diploma.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A asistencia quedará reflectida no correspondente parte, asinado polo alumno ó comezo e ó remate da cada sesión.

A asistencia regular ás ensinanzas programadas dá dereito á expedición do oportuno diploma pola Universidade de Santiago de Compostela e o Consello Galego de Relacións Laborais.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 20% das sesións académicas privará do dereito á obtención do diploma, sen prexuízo de que poida emitirse a correspondente certificación das sesións ás que tivera concorrido.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 1995.

Benigno Sánchez García

Presidente do Consello Galego de Relacións

Laborais