Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 1995 Páx. 2.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE de 1 de marzo de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen accións que supoñan melloras en materia de seguridade, hixiene e condicións de traballo en 1995.

O marco xeral das subvencións que no eido laboral convoca anualmente esta Administración autonómica está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, que recolle, no seu artigo 5, as destinadas a empresas con centros de traballo na nosa Comunidade Autónoma que realicen accións que supoñan unha mellora efectiva en materia de seguridade, hixiene e condicións de traballo.

A Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, na sección 13 -Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais-, Servicio 03 -Dirección Xeral de Relacións Laborais-, programa 214 B capítulo VII, artigo 77, conceptos 770 e 771 recolle un crédito para transferencias de capital a empresas privadas en materia de seguridade e hixiene no traballo

O artigo 78.1 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, establece que as subvencións con cargo a créditos dos capítulos de transferencias correntes e de capital se outorgarán baixo os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e con sometemento ás normas nel contidas.

Na súa virtude, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para os fins para os que foron establecidos, e oído o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-

1.-A presente orde ten por obxecto incentiva-la realización de accións que supoñan unha mellora efectiva da seguridade, hixiene e condicións de traballo que determinen unha protección colectiva ou individual dos traballadores, de conformidade co programa de axudas previsto no artigo 5 do Decreto 106/1994 do 21 de abril, sobre subvencións a empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de seguridade e hixiene e condicións de traballo.

2.-As citadas subvencións destinaranse a proxectos e/ou investimentos que deberán versar, preferentemente sobre:

-Control de contaminantes de natureza química, física e/ou biolóxica dentro do centro de traballo.

-Deseño e adaptación de sistemas de seguridade no traballo.

-Organización e métodos de traballo.

-Ergonomía de postos de traballo.

-Substitución de procesos de traballo e/ou equipos que impliquen riscos para a seguridade e saúde no traballo.

-Programas integrais de prevención de riscos para sectores productivos e/ou actividades económicas.

Todo proxecto deberá incluír un programa de investimentos e a empresa ou empresas nas que van exercitarse.

Os proxectos poderán afectar a varias empresas. En tódolos casos subvencionarase o proxecto e os investimentos a realizar.

3.-Esta convocatoria financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.03.214B.770, dotada con 14.600.000 pesetas, e 13.03.214B.771, dotada con 73.000.000 de pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2º.-

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ó disposto, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario, no artigo 35.2ºB da Lei de presupostos para o ano 1995, no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na presente orde.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderase acoller ás subvencións reguladas na presente orde calquera tipo de empresa privada, sexan os seus titulares persoas físicas ou xurídicas, incluídas as sociedades cooperativas, as sociedades anónimas laborais e as comunidades de bens, con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, debendo reverter nelas as subvencións recibidas.

Tamén poderán acollerse as seguintes asociacións, con personalidade xurídica:

-Asociacións empresariais que representen a pequenas e medianas empresas.

-Asociacións profesionais.

-Asociacións de cooperativas.

Nestes supostos, as devanditas asociacións actuarán como intermediarias sendo as empresas as destinatarias das subvencións que se concedan.

Artigo 4º- Contía máxima das subvencións.

As subvencións poderán alcanzar unha contía máxima do 70% do orzamento da acción. Poderá ampliarse a dita contía para algún proxecto que reúna circunstancias especiais en beneficio do interese social, logo de estudio e proposta polo órgano competente de valoración das axudas, de maneira excepcional e motivada.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes formularanse mediante instancia individualizada para cada acción no modelo que figura como anexo I da presente orde, que deberá ir cuberta en tódolos seus apartados, subscrita por quen teña a representación debidamente acreditada da entidade solicitante e dirixida ó delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Provincia en que radique o centro de traballo para o que se solicita subvención ou teña o seu domicilio a organización solicitante.

Presentarase, por duplicado, no rexistro da dita delegación provincial, ou en calquera dos lugares que determina o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2.-Cada unha das devanditas solicitudes deberá ir acompañada da seguinte documentación, por triplicado:

a) Memoria que explique o proxecto ou as accións que se pretenden desenvolver e, se é o caso, os traballadores afectados por cada unha delas.

b) Informe do comité de empresa ou dos representantes sindicais da empresa solicitante, sobre a procedencia e eficacia das medidas preventivas que se pretenden adoptar, nos casos de que a solicitude a realice unha empresa.

c) Copia autenticada do documento nacional de identidade da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder bastante para actuar no nome da sociedade ou organización, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

d) Declaración de expresa submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

e) Declaración das subvencións ou axudas para a mesma finalidade solicitadas ou/e obtidas de calquera outra Administración ou ente público nacional ou estranxeiro.

f) Estudio que inclúa condicións técnicas e preventivas, planos e orzamentos, con indicación expresa da data prevista para o seu comezo e do prazo de execución que, en todo caso, debe rematar antes do 16 de outubro de 1995, e a súa completa xustificación antes do día 21 do mesmo mes.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais desde o seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, reabríndose sucesivamente cantas veces fose necesario, ben con aplicación a todo o territorio da Comunidade Autónoma ou ben a calquera das súas provincias, en cumprimento dos principios de aplicación finalista e de equilibrio territorial, ata esgota-lo crédito orzamentario dedicado para este fin.

Artigo 7º.-Tramitación.

1.-Unha vez rexistrada a solicitude, coa documentación esixida, será remitida nun prazo de dous días á Área Provincial de Seguridade e Hixiene no Traballo da delegación provincial, á que lle competerá a súa tramitación e xestión.

2.-Pola citada área examinaranse as solicitudes e a documentación presentadas, comprobando que reúnen os requisitos esixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que tivesen algún defecto ou fosen incompletas, requirirá de inmediato ó solicitante para que proceda á súa corrección na forma e no prazo de 10 días segundo o establecido no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.-A Área Provincial de Seguridade e Hixiene no Traballo procederá ó seu exame e estudio técnico e emitirá informe preceptivo, tanto sobre a procedencia da concesión ou denegación da subvención solicitada, como no suposto de considerar procedente a concesión, sobre a necesidade ou non de que ademais do estudio presentado, se redacte proxecto subscrito por un técnico competente, no prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da recepción dos documentos na dita área.

4.-Emitidos tódolos informes ós que fai referencia o punto anterior, trasladaranse os expedientes completos á comisión de valoración, que, no prazo de cinco días desde a recepción, procederá ó seu estudio e dentro do mesmo prazo elevará proposta de resolución ó delegado provincial.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará formada polo xefe de Área de Seguridade e Hixiene no Traballo, que actuará como presidente, e como vocais por un funcionario da delegación provincial con nivel de xefe de servicio, designado polo delegado e por un funcionario da Área de Seguridade e Hixiene no Traballo, designado polo xefe de área, que actuará ademais como secretario.

O director xeral de Relacións Laborais poderá designar, co obxecto de asesorar técnicamente á comisión de valoración, a un funcionario da dirección xeral que asistirá ás sesións con voz e sen voto.

5.-Estudiadas as propostas e unha vez fiscalizadas pola respectiva intervención territorial, o delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais dentro dos 15 días seguintes ós da súa recepción, resolverá motivadamente sobre elas e, se é o caso, condicionando a subvención a presentación do proxecto subscrito por técnico competente.

Tódalas resolucións de concesión deberán ser debidamente notificadas ós solicitantes. Nos demais supostos non operarán os efectos xurídicos previstos no apartado 43.2º-C da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.-Dentro dos 10 días naturais seguintes ó da notificación da concesión da subvención, o beneficiario deberá comunicarlle, por escrito, á delegación provincial a súa aceptación, xunto co compromiso expreso da realización das accións ou proxectos subvencionados nos prazos establecidos e, se é o caso, presentación do proxecto subscrito por técnico competente, ou a súa renuncia a ela coa finalidade de que se poida proceder a unha nova concesión ou ó incremento das xa outorgadas e aceptadas, entendéndose como renuncia de non efectuarse a aceptación expresa.

Xunto ó escrito de aceptación aportarase, debidamente cuberta, a ficha da solicitude de transferencia bancaria que figura como anexo II desta orde e certificación da entidade bancaria acreditativa de que a entidade é titular da conta bancaria que indica.

Artigo 8º.-Criterios de prioridade.

1.-As subvencións outorgaranse preferentemente a pequenas e medianas empresas e ás asociacións empresariais e profesionais representantes delas.

2.-Terán prioridade os proxectos e accións que afecten a un maior número de traballadores.

3.-Terán prioridade na concesión das axudas, as empresas que se dediquen ás actividades de construcción, pesca, fabricación de productos metálicos, madeira, lousa, industria química, industrias de derivados do cemento, agricultura e gandería.

Artigo 9º.-Forma de pagamento e xustificación.

A subvención poderá facerse efectiva en dúas fases. A Administración, logo de informe favorable da comisión de valoración, poderá efectuar un pagamento parcial cando o beneficiario xustifique, mediante factura ou certificación de obra correspondente, os investimentos efectuados. Este pagamento non superará o 50% da subvención concedida, liberándose o importe restante no momento da completa xustificación polo beneficiario da finalización e demais condicións para as que foi concedida.

Nos casos de pagamento único a subvención farase efectiva unha vez que se xustifique a realización dos proxectos ou accións subvencionadas nas condicións sinaladas na resolución de concesión. En ámbolos dous casos a xustificación deberá realizarse dentro do prazo establecido no artigo 5.f da presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co preceptuado no artigo 78.4 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, procederá ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia do xuro de demora nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da acción que vai desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima legalmente establecida, procederá ó reintegro do exceso percibido.

As cantidades que haxa que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o respectivo delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou o xefe da Área de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais