Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 1995 Páx. 2.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 23 de xaneiro de 1995 pola que se convocan bolsas de especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña.

O desenvolvemento da acuicultura e a optimización da explotación dos recursos mariños promóvese baseándose na utilización de técnicas que esixen unha cada vez máis forte presencia de persoal con altos niveis de formación e experiencia. Esta demanda crea unha necesidade de especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña, que é necesario cubrir promovendo as actividades de formación e prácticas dirixidas por estes titulados.

Polo exposto esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Con cargo á aplicación orzamentaria 012.004.432.C.480.00, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, convócanse tres (3) bolsas para especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo a esta orde.

Artigo 2º.-O importe global máximo que alcanzarán as axudas é de tres millóns novecentas sesenta mil pesetas (3.960.000), das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de tres (3) bolsas ou axudas económicas de un ano de duración, prorrogable, para a especialización de titulados superiores nas áreas:

-Cultivo de moluscos (1 bolsa).

-Patoloxía de moluscos (2 bolsas).

As bolsas concedidas poderán ser prorrogadas segundo o establecido na base novena.

A contía das axudas será de un millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000) cada unha, aboable en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000) nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do departamento ou centro de investigación onde realiza a súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período desta concesión.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Ser galego maior de idade, a teor do artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Posuí-la titulación de licenciado en ciencias biolóxicas na data da solicitude.

Cuarta.-Centros de realización.

As bolsas serán de realización no Centro de Investigacións Mariñas -Pedras de Corón- Vilanova de

Arousa (Pontevedra), onde se incorporarán o día que se lles indique no momento de aceptación da bolsa.

Quinta.-Documentación e trámites.

l.-A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo modelo normalizado do anexo, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia compulsada do título correspondente, ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

2.-A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.-O prazo de presentación rematará ós 15 días hábiles da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4.-A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e publicará unha resolución no Diario Oficial de Galicia coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formula-la reclamación, para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, no prazo de 15 días, a partir da publicación da resolución, aportando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Sexta.-Outorgamento da bolsa.

1.-As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta da comisión de selección.

2.-A comisión de selección estará presidida e será nomeada pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e a súa composición farase pública no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3.-Na fase de selección teranse en conta como criterios de valoración:

-Expediente académico.

-Currículum vitae.

-Coñecementos de inglés.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Ademais, a comisión poderá convoca-los solicitantes para unha entrevista persoal e para as probas obxectivas que coide procedentes.

4.-Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncio inserido no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución poderanse formular reclamacións no prazo de 10 días, transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

5.-A resolución da convocatoria farase por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que se publicará no Diario Oficial de Galicia, e porá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109 c da Lei 30/1992.

6.-Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, o bolseiro non formaliza a adscrición, perderá a bolsa e procederase a cubri-la vacante co suplente nomeado.

7.-As solicitudes entenderanse desestimada se nun prazo de tres meses a partir do remate de presentación de solicitudes non se dictou resolución.

Sétima.-Pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización da bolsa, e logo de notificación da incorporación polo responsable do proxecto ó que se incorpore o bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base unha, con efecto a mes vencido.

A ausencia inxustificada á realiación dos traballos, así como o baixo interese ou rendemento serán causa da perda da bolsa.

2. a) A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá en calquera momento da realización da bolsa solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se xuntará informe do director do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada; poderase cubri-la vacante producida polo período de desfrute do restante co candidato suplente nomeado.

Novena.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a solicitude do bolseiro, poderá acordar prórrogas por períodos de un ano da bolsa que tiña concedida, nas mesmas condicións nas que se concedeu a orixinaria.