Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 1995 Páx. 2.045

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 74/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba a oferta do emprego público do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde para o ano 1995.

Rematada a tramitación do concurso de traslado do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, procede agora, de conformidade coas previsións contidas no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, sobre selección do persoal estatutario e provisión de prazas nas institucións sanitarias, afronta-la oferta pública de emprego para o ano 1995.

O ámbito da dita oferta circunscríbese ó nivel de atención especializada e ás categorías de persoal non sanitario de atención primaria, toda vez que, neste mesmo nivel, a oferta de emprego público das categorías comprendidas no Estatuto do persoal médico e no de persoal sanitario non facultativo realizarase conforme as específicas previsións do Decreto 200/1993, do 29 de xuño, de ordenación de atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo demais, cómpre subliñar que a exclusión dalgunhas categorías da oferta e a determinación do número de prazas convocadas vén xustificado por razóns de carácter estructural e funcional, así como, noutros casos, pola necesidade de efectuar unha profunda análise de determinadas categorías actualmente existentes, dadas as circunstancias sempre cambiantes que se están a producir na xestión da asistencia sanitaria. E así, en efecto, tales circunstancias xa se tiveron en conta no marco da ponencia técnica de estudio da oferta pública de emprego designada no seu día pola Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

En consecuencia por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo da negociación coa representación sindical no seo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ó Servicio da Comunidade Autónoma e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Queda aprobada a oferta de emprego público do persoal estatutario das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde para o ano 1995.

Artigo segundo.-1. A convocatoria e as súas bases serán acordadas e publicadas no Diario Oficial de Galicia, polo Servicio Galego de Saúde, para cada unha das categorías que se convoquen e deberán axustarse, en todo caso, ós preceptos básicos contidos no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro.

2. Non se inclúe no presente decreto a oferta de emprego público referente a aquelas categorías estatutarias ás que se refire o dereito transitorio do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación da atención primaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo terceiro.-1. As categorías nas que se convocan prazas vacantes e o número total delas son as que figuran no anexo do presente decreto.

2. Tódalas prazas que se inclúen na presente oferta de emprego público teñen a condición de prazas básicas da correspondente categoría de persoal estatutario.

Artigo cuarto.-1. En tódalas categorías que se convoquen, incluídas as correspondentes ó persoal sanitario, o sistema de selección será o concurso-oposición.

2. A valoración da fase de concurso non poderá exceder do 25 por cento da puntuación máxima alcanzable na fase de oposición.

Dentro desta fase valoraranse os servicios prestados na categoría estatutaria correspondente nunha institución sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, así como a formación, todo isto nos termos en que se determine na correspondente convocatoria e sen que a valoración do apartado de formación poida exceder do 15 por cento da puntuación total alcanzable na fase de concurso. Non rexerá este límite no caso dos psicólogos.

3. En ningún caso a puntuación da fase de concurso poderá ser aplicada para superar exercicios da fase de oposición.

Artigo quinto.-Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e para garanti-lo dereito dos usuarios dos distintos servicios sanitarios do SERGAS ó uso do galego, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, terá que demostrarse o coñecemento da lingua galega nos termos que establezan as correspondentes convocatorias.

Artigo sexto.-l. No s termos previstos nas correspondentes convocatorias e con respecto á lexislación básica contida nos artigos 14 e 15 do Real decre

to 118/1991, do 25 de xaneiro, poderá reservarse ata un máximo do 25% das prazas convocadas para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Na fase de concurso, os aspirantes que concorran polo sistema de promoción interna terán dereito, nos termos que se fixen na correspondente convocatoria, a unha puntuación adicional que se outorgará atendendo fundamentalmente ó contido funcional da categoría estatutaria de procedencia, así como ós servicios prestados nela con praza en propiedade e ó desempeño, se é o caso, de postos específicos da estructura das institucións sanitarias.

O máximo da puntuación adicional a que se refire o parágrafo anterior non poderá exceder do 15 por cento da puntuación máxima posible do conxunto dos exercicios da fase de posición.

3. A fase de oposición polo sistema de promoción interna terá o mesmo contido que a fase de oposición das probas de selección polo sistema xeral de acceso libre.

4. As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna incrementaranse, se é o caso, ás convocadas pola quenda de acceso libre.

Artigo sétimo.-1. De acordo co establecido na Lei 13/1992, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, na oferta de emprego público, serán admitidas as persoas con minusvalidez en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

2. Nas convocatorias establecerase unha reserva para os que teñan a condición legal de persoas con minusvalidez acreditada polo organismo público competente, do 3 por cento das prazas convocadas.

Artigo oitavo.-Nas respectivas convocatorias acordarase o pertinente para a posible descentralización das probas selectivas e a existencia, se é o caso, de un ou varios tribunais cualificadores das mesmas, podendo acorda-la creación de tribunais coordinadores do resto de tribunais que se creen na Comunidade Autónoma.

Artigo noveno.-O contido das probas selectivas de que conste a fase de oposición adecuaranse ás funcións que se van desenvolver na categoría estatutaria correspondente.

Artigo décimo.-En todo o non previsto no presente decreto e nas correspondentes convocatorias rexerán, con carácter supletorio, os preceptos non básicos do Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro.

Santiago de Compostela, dez de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

A) Persoal sanitario non facultativo

ATS-DUE 115

Fisioterapeuta 12

TER 21

TEL 25

TAP 3

Auxiliar de enfermería 150

B) Persoal non sanitario

Grupo técnico da función administrativa 24

Psicólogo 20

Grupo xestión da función administrativa 15

Asistente social 51

Cociñeiro 6

Grupo auxiliar da función administrativa 170

Electricista 6

Telefonista 5

Mecánico 8

Calefactor 6

Celador 165

Pinche 21