Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 1995 Páx. 2.003

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Kvaerner Eureka Española, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Kvaerner Eureka Española, S.A., situada na provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-2-95, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polo comité de empresa, o día 7-12-94. De conformidade co disposto no artigo 90, 2 e 3, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2.412/l982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (S.M.A.C.).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En Vigo, 22 de febreiro de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Kvaerner Eureka Española, S.A.

Convenio colectivo 1994 e 1995

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as condicións a que se axustarán as relacións laborais e económicas que se rexen pola normativa contida no vixente Estatuto dos traballadores, as súas disposicións de desenvolvemento e o propio convenio colectivo ata o momento vixente.

Regula as relacións laborais do persoal de Kvaerner Eureka Española, S.A., aínda que se encontre traballando fóra do centro habitual de traballo.

O anexo 1 reflicte o persoal de dirección que queda excluído deste marco de relacións laborais.

Artigo 2º.-Vixencia. Denuncia.

O presente convenio colectivo terá unha vixencia

de dous anos, entrando en vigor a partir do 1 de xaneiro de 1994 e rematando o 31 de decembro de 1995.

De conformidade coa lexislación vixente, o convenio quedará automaticamente denunciado con un mes de antelación á data do seu remate, que é a expresada do 31 de decembro de 1995. Igualmente, considerarase prorrogado ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia deste convenio a xornada laboral establecerase a razón de 1.792 horas anuais de traballo efectivo.

O traballador deberá estar en disposición de inicia-la súa actividade no posto de traballo, coa súa correspondente indumentaria, ó toque de sirena ou outro sistema que se estableza.

A xornada normal será computada en consideración á iniciación do labor no posto de traballo e remate deste, e non polo concepto de entrada e saída da factoría.

A fixación do horario de traballo é facultade da dirección da empresa, de acordo co comité, prevalecendo o criterio que supoña unha reducción de custos, aumento de vendas, ou ben favoreza as necesidades conxunturais de producción. No caso de desacordo aplicaríase o disposto no Estatuto dos traballadores.

A xornada laboral normal distribuirase de luns a venres.

Artigo 4º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais que se desfrutarán, en xeral, segundo o calendario laboral aprobado. Non obstante, a empresa, co fin de non interrompe-lo servicio que presta ós seus clientes, poderá acordar con algúns traballadores outras datas de vacacións.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria ou baixa por accidente, terá dereito ó desfrute delas ou da parte pendente, sempre que a baixa coincida no período de vacacións en cinco días ou máis, e que cause alta antes do termo do ano natural.

A dirección da empresa non poderá excluír como período de vacacións aquel que coincida coa maior actividade productiva da empresa, logo de consulta co comité, de acordo co Estatuto dos traballadores (art. 38 ET).

Artigo 5º.-Festivos.

Serán os establecidos oficialmente no DOG e no BOE.

As «pontes», con motivo de festivos, serán as establecidas nos calendarios aprobados que se xuntan (anexo 2) que serán colocados no taboleiro de anuncios.

Artigo 6º.-Seguridade e hixiene.

A empresa e os traballadores obríganse ó cumprimento das normas de seguridade e hixiene no traballo, de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 7º.-Recoñecemento médico.

A empresa solicitará da súa mutua patronal a realización dun recoñecemento anual como mínimo para

todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 8º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Dezasaeis días naturais en caso de matrimonio do traballador/a.

b) Tres días laborais en caso de nacemento de fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de falecemento de cónxuxe, pais, fillos e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de falecemento de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos, e un día no caso de irmáns dos pais e do cónxuxe.

e) Dous días naturais en caso de enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos, avós, irmáns, netos e pais políticos, circunstancias que deberán ser xustificadas de maneira que fagan fe.

f) Un día natural no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social, cando coincidindo o horario de consulta co traballo se prescriba a dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presenta-lo traballador, ó empresario o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos ata o límite de 22 horas ó ano.

h) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por una reducción da xornada normal en unha hora coa mesma finalidade.

i) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional, un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

j) Un día natural en caso de matrimonio de fillos ou irmáns.

k) O tempo necesario sen retribuír para a realización de exames, cando curse estudios profesionais ou académicos.

Nos supostos d), e) e f) se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederánselle dous días naturais máis.

No suposto c), se o traballador precisase desprazarse a unha distancia superior a 50 quilómetros, concederáselle un día natural máis.

No caso de necesidade, logo de aviso e xustificación, a empresa concederá un permiso «sen retribuír» ata un período de 10 días naturais por razón

de desprazamento en caso de enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

As referencias ó cónxuxe contidas neste capítulo estenderanse ó compañeiro/a, onde estea garantida a convivencia.

Artigo 9º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará ó seu persoal das pezas de roupa necesaria para a realización do seu traballo, que se entregará durante os meses de xaneiro e febreiro.

O persoal obreiro recibirá dúas fundas cada ano e un par de botas de seguridade, como mínimo.

Artigo 10º.-Organización.

De acordo coa lexislación vixente, corresponde á dirección da empresa a organización técnica e práctica do traballo. Esta poderá adopta-los sistemas de organización, racionalización, mecanización e modernización que considere oportunos, creando ou modificando postos de traballo ou funcións, así como a estructura e contido deles.

Tamén lle corresponde á dirección, razoando co comité de empresa, combinar e cambia-los postos de traballo, establecer e modificar quendas, adoptar novos métodos de traballo, utilización de máquinas e motorización de funcións, etc., de maneira que os resultados desta organización se concreten nunha maior productividade, na que tamén están interesados os traballadores, que procurarán colaborar nela. Interpretado segundo o artigo 41 do Estatuto dos traballadores.

RETRIBUCIÓNS

Artigo 11º.-Salarios.

Para 1994 fíxase un incremento de 44.000 ptas./ano a cada traballador, en concepto de gastos de lomoción das pagas extras, liquidable en decembro.

Para 1995 fíxase un incremento do 3,5% sobre o salario base, antigüidade, retribución voluntaria, prima de producción, plus de quendas e plus de traballos especiais, establecido sobre o valor deses conceptos en 1993.

Os traballadores eventuais rexeranse para a súa regulamentación laboral específica e os incrementos serán sobre os seus conceptos salariais contratados.

Os niveis resultantes deste incremento fíxanse na táboa salarial para 1995 que se xunta (anexo 3) na que figuran tódolos conceptos tanto legais como complementarios.

O pagamento da nómina efectuarase o último día laborable de cada mes.

Artigo 12º.-Valoración da realización do traballo.

A compañía desexa estimula-lo rendemento individual, en canto ó esforzo, eficiencia, precisión, consumo de custos e calidade.

Isto será realizado mediante a utilización de diferentes niveis de prima de producción establecidos no anexo 3, para os empregados de taller.

A valoración actual será realizada polos grupos de valoración. Un representante elixido polo comité, o xefe do taller correspondente, e o director de producción, formarán parte de cada grupo de valoración.

No caso de discrepancia insalvable na valoración dentro do grupo, recorrerase en instancia superior ante o director xerente e o presidente do comité.

Artigo 13º.-Plus de xefe de equipo.

Os xefes de equipo percibirán un plus que consistirá nun 20% sobre o salario base da súa categoría, como mínimo.

Artigo 14º.-Quendas de traballo.

Os traballadores que, por necesidades da empresa, tañan que traballar en quenda de tarde rotatoria, percibirán un complemento mínimo de 117 ptas. por hora de traballo efectivo de tarde durante 1994 e de 121 ptas. en 1995.

Artigo 15º.-Plus de traballos especiais.

Terán dereito a un plus os traballadores mentres se ocupen en traballos penosos, tóxicos ou perigosos que non son os habituais no noso taller. A cualificación do traballo como penoso, tóxico ou perigoso farase de acordo entre a dirección da empresa e o comité.

O plus establécese como segue:

En 1994. Cando se produce un só dos supostos: 48 ptas./hora.

Se se producisen 2 ou máis supostos: 75 ptas./hora.

En 1995. Cando se produce un só dos supostos: 50 ptas./hora.

Se se producisen 2 ou máis supostos: 78 ptas./hora.

Artigo 16º.-Plus de homologacións.

Establécese un plus acumulable pola homologación dos soldadores a razón de:

Homologación aceiro carbono 2.120 ptas./mes

Homologación aceiro inoxidable normal 2.120 ptas./mes

Homologación aceiro dúplex 3.180 ptas./mes

Homologación aceiro 904 3.180 ptas./mes

Este plus poderá perderse en caso de incumprimento dos requisitos de homologación, erros repetitivos, erros graves, ou outros defectos segundo apreciación do xefe de taller.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

O importe que se percibirá pola realización de horas extraordinarias para cada categoría será o especificado na táboa do anexo 3. O dito importe poderá ser modificado para 1995 por acordo á parte entre a dirección e o comité de empresa.

A dirección informará mensualmente ó comité de empresa das horas extraordinarias realizadas e, se é o caso, a distribución por seccións.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán as gratificacións extraordinarias semestrais correspondentes ós meses de xullo e decembro, na contía cada unha delas de 30 días do salario base máis antigüidade, máis retribución voluntaria, mailo importe mencionado no art. 11 e 11.660 ptas. de gasto de locomoción durante o ano 1994. Durante 1995 aplicaranse os mesmos conceptos agás o importe mencionado no art. 11 que non será de aplicación.

Artigo l9º.-Paga de beneficios.

No caso de que a empresa obteña ó peche do exercicio 1995, uns beneficios superiores ó 10% da facturación dese exercicio, aboarase a tódolos empregados 30.000 ptas., brutas a cada un.

O beneficio e a facturación a considerar serán antes de impostos ó 31-12-95 comprobado e aprobado polos nosos auditores.

O pagamento farase como salario adicional, no primeiro pagamento normal despois da aprobación anterior.

Artigo 20º.-Actividades culturais e sociais.

A empresa aportará para actividades culturais e sociais de tódolos empregados a cantidade de 1.125.000 ptas. en 1994 e a cantidade de 1.300.000 ptas. en 1995:

As actividades poden incluír:

Paquetes de Nadal.

Cea de Nadal.

Excursións.

Formación/cursos.

Axudas para libros.

Contribucións familiares, etc...

Para xestionar este diñeiro establécese unha comisión que estará formada como segue:

Un membro nomeado pola dirección.

Un membro elixido por maioría absoluta polos empregados do taller.

Un membro elixido por maioría absoluta polos empregados da oficina.

A comisión preparará un orzamento para todo o ano, un mes despois da sinatura do convenio.

Este orzamento terá que ser aprobado nunha reunión do comité coa dirección. Logo distribuirase a todo o persoal.

A empresa pagará logo da presentación das correspondentes facturas ou orzamentos aprobados pola comisión.

Artigo 21º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Tódolos traballadores que por necesidade da empresa e por orde recibida teñan que efectuar

viaxes ou desprazamentos que lle impidan realizar comídas ou pernoctacións no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás axudas de custo que se especifican no anexo 4.

Cando o traballador, por necesidades da empresa e a requirimento desta, tivese que se desprazar utilizando o seu propio vehículo, aboaráselle a cantidade de 30 ptas./km percorrido.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

A póliza de seguro colectivo de accidentes concertada pola empresa cubrirá, como mínimo, as seguintes indemnizacións:

-Accidente laboral ou común con resultado de morte: 1.000.000 de ptas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, total, absoluta ou gran invalidez: 2.000.000 de ptas.

Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros establecida no presente artigo deberá concertarse no prazo de un mes a partir da contratación do traballador.

Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 23º.-Incapacidade laboral transitoria.

A prestación por incapacidade laboral transitoria derivada de accidente laboral, ocorrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares de traballo dentro da xornada laboral, aboarase ó 100% desde o primeiro día de baixa.

A dotación para o fondo de hospitalización, durante a vixencia deste convenio, será de 100.000 pcsetas por ano.

Artigo 24º.-Contraprestación.

Os traballadores, en compensación polas vantaxes económicas e sociais do presente convenio, comprométense a cumpri-lo seu cometido con óptima dilixencia e respecto e lealdade á empresa.

Artigo 25º.-Comisión paritaria e de vixilancia.

Establécese a comisión mixta e paritaria do convenio, como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do seu cumprimento.

A comision estará integrada polos seguintes membros:

Walter C. Yaquimenko e José V. Jamardo, pola representación empresarial e Luis Buceta e Manuel Mollinedo, pola representación dos traballadores.

Artigo 26º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio haberá que aterse ó previsto no Estatuto dos traballadores, na Ordenanza laboral siderometalúrxica do 29 de xullo, de 1970, que se asume como norma subsidiaria, e nas demais disposicións legais vixentes ou que poidan promulgarse durante a vixencia do convenio.

Artigo 27º.-Vinculación á totalidade.

Ámbalas partes acordan formalmente que as súas respectivas vinculacións á totalidade do contido no presente convenio teñen o carácter de compromiso sobre tódolos artigos.

Disposición adicional

As partes asinantes do presente convenio foron:

Pola representación empresarial:

Walter C. Yaquimenko, director xeral

José V. Jamardo, director financeiro

José A. Mateos, director de producción

Primitivo B. González, director comercial industrial

Pola representación dos traballadores:

José L. Buceta

Silverio Bouzas

Francisco Calvelo

Manuel Mollinedo

Vilagarcía de Arousa, 5 de decembro de 1994.

ANEXO 1

Director xeral

Director financeiro

Director de producción

Director comercial industria

Director comercial naval

ANEXO 4

Procedemento de axudas de custo e gastos de viaxe.

1. A partir do día 21-2-91, os gastos que se orixinen pola realización de viaxes, por motivos de traballo, dos empregados desta empresa, retribuiranse coas axudas de custo a que teña dereito, de acordo cos grupos que se especifican no anexo I e as contías que se establecen nos anexos II e III, segundo se desempeñen en territorio nacional ou estranxeiro, respectivamente.

Así mesmo, e previamente á realización da viaxe, deberá cubrirse a solicitude de viaxe, segundo o anexo IV, a cal deberá presentarse ó xefe de departamento/xerente para a súa aprobación. O dito documento dará unha ampla información do contido da viaxe e situación do persoal.

2. A axuda de custo completa percibirase por día e desprazamento fóra do fogar, e servirá para atende-la manutención do desprazado e a pequenos gastos persoais.

3. Os gastos de aloxamento e de locomoción serán retribuídos mediante xustificación das facturas, que deberán xuntar á liquidación de gastos de viaxe, que se presentará non máis tarde de 1 semana despois da viaxe, para o seu visto e prace polo director do departamento. No caso dos directores, o visto e prace será do director xerente.

4. Os desprazamentos realizados dentro da xornada habitual da empresa non percibirán ningunha axuda de custo. Nesta xornada considerarase tamén o tempo de ida e volta ó traballo. Se como consecuencia do desprazamento tivera que iniciarse a viaxe antes de dar comezo a súa xornada, ou se o regreso se produce unha vez excedida a súa hora de remate da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso de xornada como horas extraordinarias.

5. Nos desprazamentos de duración inferior a un día natural non se percibirá ningunha axuda de custo, agás cando a saída sexa anterior ás 14 horas, en que se percibirá o 50% da axuda de custo.

6. Nos desprazamentos que teñan unha duración menor de vintecatro horas, pero comprendan parte de dous días naturais poderán percibirse, mediante xustificación, os gastos de aloxamento de unha noite e a axuda de custo segundo as condicións fixadas no seguinte apartado para os días de saída e regreso.

7. Nos desprazamentos que teñan unha duración menor de vintecatro horas, poderanse liquida-los gastos mediante xustificación de facturas, sempre que se comprometese así co seu director, antes de inicia-lo desprazamento.

8. Nos desprazamentos cunha duración superior a vintecatro horas, terase en conta:

a) No día de saída poderanse percibir gastos de aloxamento pero non axuda de custo, agás que a hora de saída sexa anterior ás 14 horas en que se percibirá axuda de custo completa, que se reducirá ó 50% cando a dita hora de saída sexa posterior ás 14 horas pero anterior ás 22 horas.

b) No día de regreso non se poderán percibir gastos de aloxamento nin axuda de custo, agás que a hora fixada para concluí-la viaxe sexo posterior ás 15 horas, neste caso percibirase o 50% da axuda de custo.

c) Nos intermedios entre os de saída e regreso, percibiranse axudas de custo enteiras.

9. As axudas de custo fixadas para desprazamentos ó estranxeiro devengaranse desde o último día en que se pase a fronteira ou se saia do último porto ou aeroporto nacionais e durante o percorrido e estada correspondente no estranxeiro, na contía correspondente ó país en que se desempeñe o traballo ou servicio, deixándose de percibir o mesmo día da chegada á fronteira ou primeiro porto ou aeroporto nacionais.

Durante os percorridos por territorio nacional aboaranse as axudas de custo que corresponden a este territorio de acordo co previsto nos apartados anteriores, aínda que poderían aplicarse as axudas de custo estranxeiras cando se xustifique, mediante a correspondente factura ou recibo, que no día de regreso se realizou o gasto de manutención fóra do territorio nacional.

10. Nas viaxes en que os gastos de aloxamento e/ou manutención sexan aboados por terceiros, non se percibirán os ditas gastos desta empresa.

11. A asistencia a cursos, seminarios, etc., non devengará axudas de custo e liquidarase por xustificación dos gastos realizados.

Clasificación do persoal (anexo I).

Grupo 1º

Directores, xefes de departamentos e outros cargos superiores.

Grupo 2º

Titulados medios, xefes de taller e outros cargos medios.

Grupo 3º

Persoal de oficina e taller restantes.

Axudas de custo en territorio nacional (anexo II).

GruposPor manutención

Grupo 1º, xefes e directores8.625

Grupo 2º, titulados medios e xefes

de taller6.020

Grupo 3º, oficial e adminis. e

outros de taller4.520

ANEXO 5

Desde o 1-12-94 e durante o ano 1995, o importe que se percibirá pola realización de horas extraordinarias será para cada categoría a seguinte: