Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 1995 Páx. 2.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de febreiro de 1995 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar actividades que fomenten o estudio e a investigación da linguaxe xuridico-administrativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 6, mándalles ós poderes públicos que promovan o uso normal do galego nas súas relacións cos cidadáns e que dicten as disposicións necesarias para a normalización progresiva do galego.

Neste traballo de normalización do idioma é imprescindible poder contar cunha.lingua precisa e suficientemente desenvolvida, especialmente en ámbitos fundamentais coma o xurídico-administrativo.

Por outra parte, os poderes públicos de Galicia desexan acadar unha maior eficacia nas relacións coas organizacións profesionais e coas institucións xurídico-administrativas galegas sen ánimo de lucro, que posibilite e resalte a importancia da nosa lingua e que promocione o uso dela entre os seus membros.

Tendo en conta todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desexa fomenta-lo estudio e a investigación da linguaxe xurídico-administrativa e quere colaborar coas organizacións e institucións anteditas para a realización de actividades que estean relacionadas coa normalización lingüística e que persigan os fins anteriormente citados.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º-

Convócanse subvencións para que as organizacións profesionais e as institucións xurídico-administrativas galegas sen ánimo de lucro poidan realizar actividades en lingua galega que fomenten o estudio, a investigación e a promoción da linguaxe xurídico-administrativa no ámbito da Comunidade Autónoma.

A contía global destas subvencións será de 9.000.000 (nove millóns) de pesetas, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.353F.483.00 correspondente ós orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, non podendo cada proxecto recibir unha cantidade superior a 1.000.000 (un millón) de pesetas.

Artigo 2º-

1.-Poderán optar a estas subvencións as organizacións profesionais e institucións xurídico-administrativas galegas sen ánimo de lucro que leven a cabo as accións antes mencionadas.

2.-Non poderán solicitalas aquelas organizacións profesionais e institucións xurídico-administrativas galegas que anteriormente recibisen algunha outra subvención, con estes mesmos obxectivos, dentro do mesmo exercicio económico, por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º-

As organizacións profesionais e institucións xurídico-administrativas que desexen solicitar estas subvencións presentarán as solicitudes, utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde, na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación é o de 30 días

naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º-

1.-Canda a solicitude achegarase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da organización profesional ou institución.

-Certificación bancaria da organización ou institución solicitante.

-Fotocopia compulsada do DNI e certificación orixinal que acredite a representación da persoa que formula a petición.

-Memoria explicativa do contido do programa que se vaia realizar.

-Orzamento detallado do programa.

2.-Os solicitantes poderán presentar un ou varios proxectos de actuación, e cada un deles será obxecto de valoración para os efectos de selección e adxudicación.

Artigo 5º-

1.-As solicitudes de subvención analizaraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta ademais polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Xustiza, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-A xefa do Servicio de Traducción, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario.

2.-Calquera defecto na solicitude notificaráselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para emendar erros ou omisións. Transcorrido ese prazo e se non se produciu a dita emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 6º-

A comisión presentaralle a proposta de concesión das subvencións ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Se no prazo máximo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 7º-

En canto reciban a notificación da concesión da subvención, as organizacións e institucións beneficiarias disporán de dez días para comunicarlle á Dirección Xeral de Política Lingüística a aceptación dela. Unha vez aceptada, quedarán obrigadas a realiza-las actividades para as que se lles concedeu. A Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o coide conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 8º-

O pagamento das subvencións realizarase da seguinte maneira: o 80%, trala concesión da subvención e o posterior recibimento da aceptación da mesma por parte da entidade solicitante; o outro 20%, despois de que os beneficiarios da subvención presenten, antes do 30 de setembro de 1995, mostras que acrediten a realización das actividades subvencionadas e xustificantes orixinais ou fotocopias compulsadas do gasto realizado, que representen como mínimo unha cantidade igual á axuda outorgada.

Artigo 9º-

No caso de que o beneficiario da axuda cumprise algunha condición das obrigas estipuladas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 10º-

As publicacións, escritos, comunicacións, relatorios, informacións e publicidade das distintas actividades, proxectos ou actuacións, deberán redactarse en galego, de acordo coa lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e nelas os adxudicatarios das subvencións terán que facer constar, mediante os anagramas establecidos pola normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, que están subvencionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística).

Disposicións derradeiras

1ª-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2ª-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria