Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 1995 Páx. 1.937

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMBRE

CONVOCATORIA de concurso para prover en propiedade unha praza de enxeñeiro técnico, incluída na oferta de emprego público de 1990.

O Pleno da Corporación municipal, en sesión extraordinaria do 13 de febreiro do ano en que andamos, aprobou as bases para a convocatoria dun concurso, co fin de prover en popiedade unha praza de enxeñeiro técnico, vacante no cadro de persoal funcionario deste concello, e incluída na oferta de emprego público de 1990, que a continuación se sinala:

BASES

1.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria prever en propiedade, polo sistema de concurso, unha praza de enxeñeiro técnico, pertencente á escala de administración especial, subescala técnica, clase técnicos medios, grupo B, que figura na oferta pública de emprego de 1990, consonte dispoñen a Lei 7/1985, do 2 de abril, no Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, no Real decreto 896/1991, do 7 de xuño e nas demais disposicións concordantes de aplicación.

Faise necesario e conveniente utiliza-lo sistema de concurso tendo en consideración as funcións e tarefas asignadas ó posto de traballo de acordo co artigo 171.2 do R d.l. 781/1986, do 18 de abril, e co artigo 2 do R d. 896/1991, do 7 de xuño, e que dun xeito resumido son as seguintes:

a) Infraestructuras:

-Servicios de abastecemento de auga.

-Servicio da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais.

-Iluminación pública.

-Redacción de proxectos e infraestructura.

-Informes técnicos e control de proxectos de infraestructura encargados polo Concello ós adxudicatarios exteriores.

-Informe técnico e control da realización e, se é o caso, dirección de todo tipo de obras de infraestructura para servicios.

-Informes técnicos para adxudicación de proxectos obras.

b) Licencias de apertura:

-Informes técnicos.

-Informes técnicos en actividades molestas, insalubres nocivas e perigosas.

Control de actividades: locais públicos.

Medidas correctoras en licencias.

Medidas contra lume.

c) Vertidos e limpeza viaria: impacto medio ambiental.

-Control e informe.

-Autorización de vertidos.

-Limpeza viaria.

d) Mantemento:

-Conservación e mantemento de inmobles municipais.

-Mantemento de infraestructuras rede de sumidoiros, abastecemento de auga, iluminación pública, viais e camiños e sinalización viaria.

e) Parque móbil.

f) Autoturismos-Inspeccións.

2. Requisitos.

Para participar no concurso os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser cidadán español.

b) Ter cumpridos os 18 anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de dez anos para a xubilación forzosa por idade determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión do título de enxeñeiro técnico industrial ou estar en condicións de obtelo na data en que remate a presentación de solicitudes.

d) Non ter enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida ou dificulte o desempeño das tarefas correspondentes.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio en calquera Administración pública do Estado, Comunidade Autónoma ou entidades locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) Non estar incurso nos supostos de incompatibilidades previstas na lexislación vixente.

Os anteriores requisitos deberanse cumprir con referencia ó último día de prazo de presentación das solicitudes, e será nula a selección dos aspirantes que estean incursos en causas de incapacidade conforme a normativa vixente.

3.-Solicitudes.

-As solicitudes, dirixidas ó alcalde presidente da corporación, expresarán que reúnen tódolos requisitos esixidos na base anterior, e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. As solicitudes poderán remitirse tamén na forma determinada no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Á solicitude unirán unha relación dos méritos alegados polos aspirantes así como os documentos orixinais, fotocopias compulsadas ou testemuños notariais de cantos documentos acrediten os méritos alegados e puntuables no concurso.

O tribunal non poderá valora-lo non alegado e/ou non acreditado.

Igualmente, á solicitude deberá xuntarse unha memoria consistente nunha análise das tarefas do posto de traballo de enxeñeiro técnico industrial nunha corporación local de menos de 20.000 habitantes e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, a cal se exporá na entrevista persoal que se celebre.

Os dereitos de exame, por unha contía de dúas mil pesetas (2.000), serán satisfeitos directamente ou por xiro postal; á solicitude xuntará recibo que acredite o ingreso na Tesourería do Concello ou, se é o caso, copia do resgardo do xiro postal.

4.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo para presenta-las instancias o presidente da corporación dictará resolución pola que se aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos que se publicará no Boletín Oficial da provincia e no taboleiro de edictos da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días para reclamacións.

As citadas reclamacións, se as houber, resolveraas o mesmo órgano que aprobou a lista provisional, que aprobará tamén a lista definitiva, que se publicará de novo na forma sinalada. Nesta resolución incluirase a composición do tribunal, o lugar, a data e a hora do comezo da valoración de méritos así como da celebración da entrevista persoal.

5.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador designarase segundo o establecido no artigo 4 do Real decreto 896/1991, do 7 de xuño. Terá a seguinte composición:

Presidente: o da corporación ou membro desta en quen delegue.

Secretario: o da corporación.

Vocais:

-Un representante da Comunidade Autónoma.

-O concelleiro delegado de persoal.

-O xefe da unidade xurídica de urbanismo e persoal da corporación.

-Un representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

A designación nominal dos membros do tribunal incluirá a dos respectivos suplentes e será publicada no BOP e no taboleiro de edictos do Concello.

Os vocais deberán ter titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.

Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo á autoridade convocante, cando neles concorran circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando se dean calquera das citadas circunstancias.

O tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente.

O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas

en que así o coiden necesario ou conveniente. Os citados asesores limitaranse a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

Os membros concorrentes ás sesións do tribunal e para os efectos de percepción de asistencias clasificaranse consonte o disposto no artigo 33 do Real decreto 236/1988, sobre indemnizacións por razón de servicio e normativa complementaria.

6.-Comezo e desenvolvemento do concurso.

O presente concurso constará de dúas fases. Na primeira valoraranse os méritos xerais e na segunda os específicos axeitados ás características concretas do posto de traballo.

Os méritos valoraranse con referencia á data do cerramento do prazo de presentación de solicitudes e deberán estar acreditadas documentalmente tal e como se di na base terceira desta convocatoria.

1ª fase: méritos xerais.

Valorarase a antigüidade por anos de servicio no desempeño de postos como enxeñeiro técnico industrial, de contido técnico e especialización coincidentes con funcións do posto que se vai prover, así como cursos de formación é perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias do posto de traballo, da seguinte maneira:

-Por cada ano de servicio completo desempeñado na empresa privada: 0,2 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Por cada ano de servicio completo desempeñado nas distintas administracións públicas: 0,5 puntos ata un máximo de 2 puntos.

Por cada crédito de 10 horas en cursos directamente relacionados coas funcións do posto que se vai desempeñar: 0,1 puntos ata un máximo de 2 puntos.

2. fase: méritos específicos.

Valoraranse os méritos axeitados ás características do posto mediante a delimitación dos coñecementos profesionais e experiencia que se distribuirán da seguinte maneira:

A) Por cada 5 millóns de orzamento de obra proxectada en iluminación pública: 0,1 puntos e 0,1 máis por direccións de obras ata un máximo de 2 puntos.

Por cada 4 millóns de orzamento de obra proxectada en abastecemento de auga: 0,1 puntos e 0,1 máis por direccións de obras ata un máximo de 2 puntos.

Por cada 4 millóns de orzamento de obra proxectada en saneamento: 0,1 puntos e 0,1 máis por direccións de obras ata un máximo de 2 puntos.

Por cada 4 millóns de orzamento de obras proxectadas en axardinamento, parques, sinalización e seguridade vial ou que teñan que ver coas funcións do posto de traballo relacionadas na base primeira: 0,1 puntos e 0,1 mais por direccións de obras ata un máximo de 2 puntos.

B) Memoria consistente nunha análise das tarefas do posto de traballo de enxeñeiro técnico industrial

nunha corporación local de menos de 20.000 habitantes e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, que presentará xunto coa instancia, valorarase cun máximo de 2 puntos.

C) Entrevista persoal: versará sobre os méritos específicos relacionados, podendo concede-lo tribunal ata un máximo de 1 punto.

Só terán acceso á entrevista persoal os aspirantes que teñan obtido un mínimo de 7 puntos entre os méritos xerais e o apartado A) dos méritos específicos relacionados; polo que antes da entrevista persoal exporase no taboleiro de edictos deste concello a relación de aspirantes que conseguisen ou superasen a dita puntuación, e que poderán realiza-la entrevista persoal.

Os aspirantes convocaranse para a entrevista persoal en chamamento único, sendo excluídos do concurso os que non comparezan, salvo nos casos debidamente xustificados e apreciados discrecionalmente polo tribunal.

Os aspirantes deberán acredita-la súa personalidade coa exhibición do DNI.

A puntuación mínima esixida para poder ser seleccionado no presente concurso é a de 8 puntos; no suposto de que ningún concursante conseguise como mínimo a dita puntuación o concurso quedará deserto.

7. Relación de aprobados.

Rematada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación dos que superasen o mínimo citado por orde de puntuación. Dado que en ningún caso o número de aspirantes aprobados pode supera-lo número de prazas convocadas, a relación definitiva de aprobados confeccionarase co aspirante que obteña a maior puntuación.

O tribunal presentará a citada relación á presidencia da corporación, á cal compete o nomeamento correspondente.

8. Presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión.

No prazo de vinte días naturais, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da publicación das listas de aspirante aprobados; estas deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello os documentos que seguidamente se relacionan:

a) Fotocopia do seu documento nacional de identidade (DNI) que se deberá presentar co orixinal para compulsar.

b) Copia autentificada ou fotocopia (que se deberá presentar co orixinal para compulsar) do título académico esixidos para participar no concurso ou xustificante de aboa-los dereitos para a súa expedición.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin se encontrar inhabilitado para exerce-las funcións públicas.

d) Declaración xurada de non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade, de conformidade coa lexislación vixente.

e) Certificado acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida o normal desenvolvemento da súa función.

Os aspirantes aprobados que tivesen a condición de funcionarios estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa acreditados para o seu anterior nomeamento.

Os que dentro do prazo sinalado, e agás casos de forza maior, non presenten a súa documentación ou non reúnan os requisitos esixidos non poderán ser nomeados, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade na que puideran incorrer por falsidade na súa solicitude para participar no proceso selectivo.

Cumpridos os anteriores requisitos, o presidente da corporación nomeará os aspirantes aprobados, os cales deberán tomar posesión no prazo de trinta días contados desde o día seguinte a aquel en que se lle notifique o nomeamento. Queda en situación de cesante cando, sen causa xustificada, non o fixera dentro do prazo sinalado.

9. O tribunal queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas bases.

10. Os interesados poderán impugna-la presente convocatoria e as súas bases, así como tódolos actos administrativos que se derivan dela nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Cambre, 15 de febreiro de 1995.

O alcalde

Rubricado