Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 13 de marzo de 1995 Páx. 1.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de xaneiro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións ás entidades e institucións sen fin de lucro para a realización de cursos e doutras actividades formativas de lingua galega.

A normalización da lingua galega, como unha das expresións reais da nosa identidade, constitúe un dos intereses prioritarios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Por esta razón e para cumpri-lo disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, cómpre promove-la realización de cursos e doutras actividades formativas de lingua galega que lles permitan un mellor coñecemento do idioma a aqueles cidadáns reunidos ou representados en entidades e institucións sen fin de lucro, co obxecto de que este importante sector da sociedade acade un dominio oral e escrito do idioma galego que contribúa ó seu uso diario e que o prestixie debidamente ante os outros sectores sociais. Para iso, esta consellería considera conveniente proseguir coa concesión de subvencións que posibiliten a realización deses cursos e actividades formativas.

Os cursos de lingua galega regulounos a propia Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mediante a Orde do 1 de marzo de 1989.

Por todo isto e de acordo coa vixente normativa en materia de subvencións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüistica, poderá conceder subvencións ás entidades e institucións sen fin de lucro, legalmente constituídas, que, aténdose ás condicións da presente orde, organicen e realicen de forma totalmente gratuíta cursos e outras actividades formativas de

lingua galega, nas contías que se determinen na resolución de concesión e de conformidade coa Orde do 18 de xuño de 1990 pola que se regulan os módulos económicos das actividades de formación dirixidas ó profesorado dos niveis non universitarios.

2.-Estas subvencións concederanse con cargo á partida 07.06.353F.480.00, correspondente ós órzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, e nunha contía total de ata 40.000.000 (corenta millóns) de pesetas.

Artigo 2º

As peticións formularanse empregando o formulario que se xunta canda esta orde, e a el engadiráselle:

a) Breve proxecto no que consten os seguintes datos da actividade ou actividades para as que se pide a subvención: número de actividades que se queren realizar, localidade ou localidades onde se van levar a cabo, modalidade (iniciación, perfeccionamento ou outras) e número de asistentes a cada unha delas (entre 20 e 30 persoas).

b) Documento que amose a acreditación legal da personalidade da entidade e o apoderamento suficiente do asinante da petición.

c) Certificación bancaria (orixinal) da conta corrente na que desexan que se lles realice o pagamento.

d) Fotocopia do CIF.

Artigo 3º

Poderanse subvencionar tamén proxectos presentados por varias entidades ou institucións sen fin de lucro, sempre que se trate da realización dun programa de formación conxunto.

Artigo 4º

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As peticións entregaranse no rexistro da correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (dirixidas ó gabinete de normalización lingüística), sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados, e daráselles un prazo de 10 días para emendar erros ou omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se produciu a emenda, as peticións arquivaranse sen mais trámite.

Artigo 5º

As solicitudes estudiaranas comisións presididas polos delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e integradas polos xefes dos gabinetes de normalización lingüística das delegacións, un representante da Dirección Xeral de Política Lingüística e un funcionario da delegación, que actuará como secretario.

Para o seu traballo as comisións concederanlles prioridade, entre outros, ós seguintes criterios de actuación:

a) Preferencia dos cursos de iniciación e de perfeccionamento sobre outras actividades formativas.

b) Que o curso ou actividade complete ciclo.

c) No caso de que o custo dos cursos e actividades solicitadas supere a contía total especificada no artigo 1º.2 desta orde, concederase unicamente un curso ou actividade por entidade ou institución solicitante.

d) Respecto á distribución desa contía total por pro vincias, efectuarase un reparto proporcional entre as actividades susceptibles de subvención segundo o exposto nos tres anteriores apartados.

Unha vez examinadas, as propias comisións trasladaranlle as propostas de concesión das subvencións ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

No suposto de non se producir resolución expresa desta convocatoria no prazo de tres meses, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Política Lingüística, a través dos gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, será a encargada de busca-los profesores idóneos para imparti-los cursos, tendo en conta os límites establecidos tanto na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985, sobre incompatibilidades, coma no Decreto 165/1988, polo que se declara de interese público a impartición de cursos de lingua galega.

Artigo 7º

1.-Os cursos de iniciación e de perfeccionamento terán unha duración de 75 horas, e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regularon tales cursos. Das demais actividades formativas cada comisión estudiará individualizadamente as solicitudes e formulará a correspondente proposta tanto en canto ó programa que se debe impartir coma no tocante á duración en horas da actividade.

2.-A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso ou da actividade.

3.-A avaliación que se efectúe nestes cursos e actividades deberá responder ós principios de formativa e continua, e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, aplicándose as probas necesarias. O remate de cada curso ou actividade, ós asistentes que superaron as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de «apto».

4.-As persoss que desexen acceder ós cursos de perfeccionamento convocados por esta orde deben acreditar previamente que teñen superado ou validado o curso de iniciación. Para o resto das actividades formativas, as comisións mencionadas no artigo 5º determinarán os requisitos previos de admisión.

Artigo 8º

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre a normativización da lingua galega.

Artigo 9º

O pagamento dos cursos e actividades subvencionadas realizarase da seguinte maneira: o 80%, trala concesión da subvención e a posterior aceptación por parte da entidade ou institución solicitante; o 20% restante, así que a entidade subvencionada lle xustifique antes do 30 de outubro, ó gabinete de normalización lingüística da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a realización completa da actividade, para o cal terá que lle entregar:

-Acta do curso ou certificación da actividade.

-Facturas correspondentes ó gasto de material e á retribución do profesor ou profesores.

Artigo 10º

Non se lles poderá conceder estas subvencións a aquelas entidades e institucións sen fin de lucro que recibisen subvencións no exercicio económico pasado, acolléndose ó disposto na Orde do 15 de febreiro de 1994, e que non as xustificasen debidamente conforme se estipulaba na propia orde.

Artigo 11º

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e o seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990 (DOG nº 27, do 7 de febreiro de 1991).

Artigo 12º

As entidades e institucións que resulten subvencionadas farán constar na publicidade ou publicacións relacionadas cos cursos ou actividades de formación en lingua galega, que están subvencionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Política Lingüística.

Disposición derradeira

1.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

2.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria