Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 1995 Páx. 1.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 68/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Pontedeume, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto modificación nº 1 de saneamento integral Pontedeume-Cabanas.

O Concello de Pontedeume (A Coruña), en sesión celebrada o día 26 de maio de 1994, aprobou o

proxecto de modificación nº 1 de saneamento integral Pontedeume-Cabanas e, en sesión celebrada o día 3 de agosto de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de decembro de 1994, baixo on nº 13.437.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o dia 20 de febreiro de 1995.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado por estaren incluídas en plans de saneamento da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Pontedeume, para efectos de expropiación, forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de modificación nº 1 de saneamento integral Pontedeume-Cabanas.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais