Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 1995 Páx. 1.835

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 69/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Fene (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene), complementario do de mellora de seguridade vial na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, fase II-A.

O Concello de Fene (A Coruña), en sesión celebrada o día 6 de outubro de 1994, aprobou o proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene), complementario do de mellora de seguridade vial na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, fase II-A e na sesión celebra o día 22 de decembro de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se sometou a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o dia 14 de febreiro de 1995, baixo o número 1.343.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque suporía dar resposta ó desenvolvemento do proceso urbanización no solo urbano de Fene, dotando á zona dos servicios mínimos imprescindibles e dunha mellora evidente da seguridade vial na travesía, carente de beirarrúas e zona de aparcamento e que, polo elevado tráfico que soporta ó canaliza-lo tráfico rodado de Ares, Mugardos e Ferrol, supón un perigo pra os habitantes do núcleo urbano de Maniños.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Fene (A Coruña), para efectos de expropiación, forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de travesía na LC-133 en Maniños (Fene), complementario do de mellora de

seguridade vial na travesía de Fene LC-133, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio do Interior, fase II-A.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais