Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 1995 Páx. 1.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de febreiro de 1995 pola que se abre novo prazo para solicitude de subscrición de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan programas de prevención e reinserción social de drogodependentes.

A orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio), da Conselleria de Sanidade e Servicios Sociais, estableceu as bases reguladoras dun réxime de convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro que no ámbito da Comunidade Autónoma desenvolvesen programas de prevención e reinserción social de drogodependentes, co obxecto de facilitar, garantir e darlle continuidade á prestación destes servicios que as asociacións privadas sen ánimo de lucro veñen desenvolvendo.

A disposición adicional da orde prevé a posibilidade de establecer periodicamente novos prazos de presentación de solicitudes para que as asociacións privadas sen ánimo de lucro poidan acollerse a este réxime de convenios e apoia-lo desenvolvemento de programas de prevención e reinserción social no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Artigo 1.-

1.-En execución do establecido na disposición adicional da Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 93, do 16 de maio), ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para subscribir convenios de colaboración con asociacións privadas sen ánimo de lucro no desenvolvemento de programas de prevención e reinserción social de drogodependentes.

2.-No marco das dispoñibilidades orzamentarias de 1995, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá asumir obrigas económicas derivadas dos convenios que se subscriban.

Artigo 2.-

No relativo ós requisitos, contido dos convenios, instrucción de expediente, lugar de presentación das solicitudes, criterios e prioridades na subscrición, formalización dos convenios e orde de prelación, vixencia e prórroga deles referida a 1995 e duplicidade das aportacións, haberá que aterse ó previsto pola Orde do 25 de abril de 1994.

Artigo 3.-

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

As obrigas económicas para o ano 1995 derivadas dos convenios subscritos con asociacións privadas sen ánimo de lucro ó amparo da presente orde e da Orde do 25 de abril de 1994, serán satisfeitas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais con cargo ás aplicacións 11.01.313A.481.00 e 11.01.313A.481.05 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal fin.

Disposicións derradeiras

Primera: Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda: a presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais