Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 1995 Páx. 1.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 27 de febreiro de 1995 pola que se abre novo prazo para a solicitude de subscrición de convenios de cooperación con concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicos a través de unidades e servicios asistenciais xestionados polas ditas entidades.

A Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 92, do 13 de maio), da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, estableceu as bases reguladoras dun réxime

de convenios de cooperación con concellos galegos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas a través de unidades e servicios asistenciais xestionados polas ditas entidades, co obxecto de facilitar, garantir e darlle continuidade á prestación destes servicios que os concellos lles veñen ofrecendo ós drogodependentes nos centros e establecementos que xestionan.

A disposición adicional da orde recolle a posibilidade de establecer periodicamente novas prazas de presentación de solicitudes para que outros concellos poidan acollerse a este réxime de convenios e apoia-lo desenvolvemento de programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1.-

1.-En execución do establecido na disposición adicional da Orde do 25 de abril de 1994 (DOG nº 92, do 13 de maio), ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para suscribir convenios de cooperación con concellos no desenvolvemento de programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas, a través de unidades e servicios asistenciais xestionados polas ditas entidades.

2.-No marco das dispoñibilidades orzamentarias de 1995, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá asumir obrigas económicas derivadas dos convenios que se subscriban.

Artigo 2.-

No relativo ós requisitos, contido dos convenios, instrucción de expediente, lugar de presentación das solicitudes, criterios e prioridades na subscrición de convenios, formalización dos convenios e orde de prelación, vixencia e prórroga dos mesmos referida a 1995 e duplicidade das aportacións, será de aplicación o previsto pola orde do 25 de abril de 1994.

Artigo 3.-

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

As obrigas económicas para o ano 1995 derivadas dos convenios subscritos con concellos ó amparo da presente orde e da Orde do 25 de abril de 1994, serán satisfeitas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais con cargo ás aplicacións 11.01.313A.460.00 e 11.01.313A.460.05 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal fin.

Disposicións derradeiras

Primeira: Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda: A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais