Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 1995 Páx. 1.799

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

DECRETO 62/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a delimitación da contorna da Abadía-Mosteiro de Benedictinos de Samos (Lugo), incluída a cella visigótica do Salvador.

O Boletín Oficial del Estado do 19 de outubro de 1940 publicou un Decreto do 29 de setembro

polo que se declaraba ben de interese cultural a Abadía-Mosteiro de Benedictinos de Samos, Lugo, incluída a cella visigótica do Salvador.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, é necesario na actualidade concreta-la delimitación da súa contorna.

Con data 9 de agosto de 1994, publicouse unha resolución do 29 de xuño, pola que se incoaba expediente para a delimitación da súa contorna.

A tramitación do mencionado expediente levouse a cabo de acordo co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, co Real Decreto 64/1994, do 21 de xaneiro, que modifica o Real decreto 111/1986, do 10 de xaneiro, de desenvolvemento parcial da devandita lei, e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, da Consellería de Cultura.

Por proposta do conselleiro de Cultura, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declara-la delimitación da contorna da Abadía-Mosteiro de Samos, Lugo, incluída a cella visigótica do Salvador.

Artigo 2º.-A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación que consta no anexo I, e no plano do anexo II.

Artigo 3º.-O presente decreto seralle notificado ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e ó Rexistro Xeral do Ministerio de Cultura.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

ANEXO I

O punto 1 da liña de delimitación da contorna do conxunto formado polo mosteiro e a capela do Ciprés queda definido no vértice noroeste da parcela catastral 2.634, límite coa estrada Sarria-Samos.

Segue polo linde oeste da parcela 2.634 ata o seu linde co río Oribio e a continuación segue pola canle do regueiro que descende pola ladeira ata o punto 2 situado no eixo do primeiro camiño que cruza o dito regueiro.

Continúa a través deste camiño en dirección norte ata chegar ó punto 3 situado no cruzamento do camiño co eixe da estrada de Samos a Triacastela.

Discorre, a partir dese punto, polo eixe da estrada en dirección a Samos, ata o cruzamento deste co eixe da estrada Samos-Pedrafita, punto 4.

A partir del, continúa polo eixe deste vial ata o punto 5, situado no seu encontro co eixe da pista a Casarío de Vila de Tres.

Desde o punto 5, segue unha liña imaxinaria que atravesaría o val ata o punto 6, no vértice norte da parcela catastral 2211, no seu encontro coa estrada a Loureiro.

Segue polos límites leste das parcelas 200, 199, 198, 80b, 79, 78 e 77a, e sur das 77b e 88 ata o punto 7.

Situado no eixe dun camiño que en dirección sur conduce ó núcleo de Samos ata o punto 8 no eixe da rúa (continuación do camiño que a liña vén seguindo) co acceso á antiga escola pública.

A liña segue por un sendeiro que pasa por diante da escola e descende arrimado a unha construcción recente sobre unha escaleira de formigón ata chegar á estrada Samos-Pedrafita na que se pecha no punto 1.