Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 08 de marzo de 1995 Páx. 1.798

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 14 de febreiro de 1995 pola que se modifica a do 27 de xullo de 1994, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

A orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do 27 de xullo de 1994 pola que se regulan os ficheiros automatizados existentes nela, desenvolve o mandato previsto na Lei orgánica

5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, que á súa vez é plasmación do dereito fundamental contido no artigo 18.4 da Constitución.

Trala modificación experimentada no Estatuto dos traballadores pola Lei 11/1994, do 19 de maio, no referente ó seu título 11 («Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores nas empresas»,), dictouse en aplicación da disposición derradeira cuarta da dita Lei 11/1994, o Real decreto 1.844/1994, do 9 de setembro, que aproba o regulamento de eleccións ós órganos de representación dos traballadores na empresa. Igualmente, polo que atinxe ós funcionarios públicos, a Lei 18/1994, do 30 de xuño, que modifica a normativa de eleccións ós órganos de representación do persoal ó servicio das Administracións públicas da Lei 9/1987, do 12 de xuño, tivo o seu desenvolvemento regulamentario en virtude da súa disposición derradeira terceira no Real decreto 1.846/1994, do 9 de maio, que aproba o regulamento de eleccións a órganos de representación do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado, que ten carácter supletorio para a Administración das CC.AA. e para a

Administración local.

Tendo en conta o anterior e que se están a celebrar eleccións sindicais no seo das empresas e que, proximamente, terán lugar no ámbito da Administración pública é polo que se fai precisa a creación dun novo ficheiro automatizado que conteña datos de carácter persoal respecto ós representantes electos nas eleccións sindicais.

Por outra banda, na Dirección Xeral de Xustiza e Interior regúlanse dous ficheiros máis que non aparecen na Orde do 27 de xullo de 1994 como son o rexistro de empregados de salóns, bingos e casinos e o rexistro de individuos que son socios de empresas operadoras de xogo.

En consecuencia, por todo isto, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 3º da Orde do 27 de xullo de 1994 pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quedando o mesmo redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3º

1. Na Dirección Xeral de Relacións laborais existe un ficheiro de representantes electos nas eleccións sindicais, que ten por finalidade obter e manter actualizados os datos identificativos dos representantes electos nas distintas candidaturas das eleccións sindicais, tanto as realizadas para os órganos de representación dos traballadores na empresa como para os órganos de representación das administracións públicas existentes no Ámbito da Comunidade Autónoma.

Tales efectos unicamente poden ser obxecto de cesión ó Ministerio de Traballo e para efectos estatísticos.

2. Na Dirección Xeral de Xustiza e Interior existen os seguintes ficheiros con datos de carácter persoal:

a) Rexistro de prohibidos en casinos de xogo.

Neste ficheiro faise consta-la identidade daquelas persoas que teñan prohibida a súa entrada nos casinos de xogo da Comunidade Autónoma. A inclusión destas persoas pódese producir a petición propia, a petición dun familiar que conviva co suxeito en cuestión, ou ben por propia instancia da autoridade administrativa de xogo. Se o interesado quixera darse de baixa da lista de prohibidos, debe presenta-la solicitude correspondente unha vez transcorrido un ano desde a súa inclusión. Unicamente hai cesión de datos ós casinos de xogo para que sexa de coñecemento por estes.

b) Rexistro de prohibidos en bingos.

Neste ficheiro faise consta-la identidade daquelas persoas que teñan prohibida a súa entrada en salas de bingo da Comunidade Autónoma. A inclusión destas persoas pódese producir nos mesmos casos ca nos sinalados no rexistro de prohibidos en casinos de xogo; igualmente, o interesado poderá darse de baixa unha vez transcorrido un ano desde a súa inclusión. Unicamente hai cesión de datos ós bingos para que sexa de coñecemento por estes.

c) Rexistro de empregados de salóns, casinos de xogo e bingos.

Este ficheiro ten por finalidade leva-lo control administrativo das persoas que traballan en salóns de máquinas recreativas e de azar, casinos de xogo e bingos, así como expedi-lo correspondente documento de empregados. Os datos contidos neste ficheiro son, exclusivamente, os identificativos destes traballadores. Nel non hai lugar a cesión de datos.

d) Rexistro de individuos que son socios de empresas operadoras.

Este ficheiro ten por finalidade a súa utilización no sistema de xestión de máquinas recreativas e de empresas operadoras de salóns, casinos de xogo e bingos. Neste ficheiro ademais dos datos identificativos dos suxeitos en cuestión inclúense os datos referentes ás participacións que teñan nas empresas das que son socios. Nel non hai lugar a cesión de datos.»

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais