Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 1995 Páx. 1.777

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo do convenio da empresa J. Cabarcos e Hijos, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo J. Cabarcos e Hijos, S.L. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 9-2-1995, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité, o día 3-2-1995, de conformidade co disposto no art. 90.2 e 3 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2.412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro: ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante

nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo: ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro: dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de febreiro de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

CONVENIO COLECTIVO DE

J. CABARCOS E HIJOS, S.L.

Anos 1994-1995

Artigo 1. Ámbito de aplicación.-As normas do presente convenio serán de aplicación a tódolos traballadores afectos á actividade de talleres de reparación de vehículos desta empresa.

Artigo 2. Normas complementarias.-En todo o non pactado expresamente neste convenio será de aplicación a Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes.

Artigo 3. Vixencia, denuncia e prórroga.-Este convenio entrará en vigor con efectos económicos o día 1 de xaneiro de 1994 e terá unha duración ata o 31 de decembro de 1995, podendo prorrogarse tacitamente por períodos anuais, se non media a súa denuncia.

A denuncia deste poderá ser levada a cabo por calquera das partes, mediante notificación escrita á outra, con dous meses de antelación como mínimo ó remate da vixencia inicial ou prórroga.

Efectuada a denuncia, que deberá expresa-las materias obxecto de negociación, ámbalas partes obríganse a inicia-las negociacións no prazo máximo de un mes.

Artigo 4. Plus de transporte.-Establécese un plus de transporte de 10.783 ptas. ó mes para o ano 1994, descontándose 359 ptas. por cada día laborable que se falte ó traballo, sexa cal sexa a causa.

O plus de transporte para o ano 1995 é de 11.247 ptas. ó mes, descontándose 375 ptas. por cada día laborable que se falte ó traballo, sexa cal sexa a causa.

Artigo 5. Antigüidade.-Establécese un complemento salarial por este concepto de 3.001 ptas. para 1994 e 3.130 ptas. para 1995 mensuais por cada quinquenio de permanencia efectiva na empresa. No cómputo do quinquenio incluirase o período de aprendizaxe, a excepción do primeiro ano. Os quinquenios comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes no que se cumpra. Este artigo derroga o artigo 76 da Ordenanza laboral para as industrias siderometalúrxicas.

Artigo 6. Gratificacións extraordinarias.-Establécense dúas gratificacións, unha de Nadal e a outra de verán, que se farán efectivas a primeira delas antes do 21 de decembro e a segunda antes do 15 de xullo. Consistirán ámbalas dúas nunha mensualidade de salario de convenio e antigüidade.

Artigo 7. Axudas de custo.-Tódolos traballadores que por necesidade do servicio teñan que desprazarse a concellos distintos a aquel en que radique o centro de traballo, percibirán unha axuda de custo de 3.000 ptas. ó día ou ben media axuda de custo de 1.500 ptas.

Os días de saída devengarán idéntica axuda de custo e o de chegada reducirase á metade se pernocta no seu domicilio, a non ser que tivese que realizar fóra as dúas comidas principais.

Se os traballos se efectúan de tal xeito, que só é necesario realizar fóra do lugar habitual o xantar, percibirán media axuda de custo.

Se os gastos orixinados exceden o importe das axudas de custo, o exceso deberá ser aboado pola empresa, logo de xustificación dos traballadores.

Artigo 8. Xornada de traballo.-Será de 1.787 horas efectivas de traballo, en cómputo anual, segundo o calendario oficial de festas.

A empresa poderá, de acordo cos traballadores, establecer «pontes», sempre que se respecte o cómputo de horas de traballo pactadas.

Artigo 9. Falta de puntualidade.-Considérase falta de puntualidade o retraso na incorporación ó posto de traballo ou a anticipación no abandono deste que exceda de cinco minutos sobre o horario legalmente establecido.

Sen prexuízo das sancións que correspondan de acordo coa Ordenanza laboral para as industrias siderometalúrxicas e demais disposicións vixentes, as faltas de puntualidade poderán ser sancionadas pola empresa da seguinte forma:

-Tres ou máis faltas de puntualidade: 1.000 ptas. por sanción.

-Seis ou máis faltas de puntualidade: 2.000 ptas. por sanción.

-Dez ou máis faltas de puntualidade: 8.000 ptas. por sanción.

Para os efectos destas sancións as faltas computaranse en períodos de meses naturais.

Artigo 10. Plus de asistencia.-Para premia-la asistencia e puntualidade establécese un premio ou plus para tódalas categorías de 7.225 ptas. mensuais para 1994 e 7.536 ptas. mensuais para 1995.

Artigo 11. Gratificación.-Establécese un plus como gratificación fixa na contía de 21.480 ptas. mensuais. Este plus percibirano tódolos traballadores do cadro de persoal a excepción dos que ostenta categoría de vendedores ou viaxantes.

Artigo 12. Horas extras.-As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, procurando a suspensión das habituais e realizando só aquelas que veñan esixidas por necesidades de urxencia.

Para os efectos do disposto no Real decreto 1.858/1981, do 20 de agosto, consideraranse horas

estructurais e, polo tanto, non sueitas ó recargo na Seguridade Social, aquelas que sexan necesarias por períodos punta de producción, ausencias, imprevistas, as derivadas da natureza do traballo para mantemento, etc.

En especial consideraranse horas extraordinarias estructurais as necesarias para rematar traballos durante os meses de verán cando o número de traballadores ausentes por vacacións ou outras causas, superen o trinta por cento do cadro de persoal da empresa.

Para os efectos de poder acollerse á exención do recargo, será necesario notificar mensualmente ó delegado de Traballo por escrito conxunto da empresa e dos representantes dos traballadores.

O valor da hora extraordinaria terá un incremento dun setenta e cinco por cento sobre a ordinaria, comprometéndose ámbalas partes a cumprir estrictamente o artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 13. Vacacións.-Establécese un período anual de trinta días naturais de vacacións, retribuídas pola totalidade das percepcións, non obstante, este período poderá fraccionarse cando a empresa e os traballadores ou os seus representantes así o acorden.

As vacacións deberán desfrutalas obrigatoriamente dentro de cada ano natural, non podendo ser compensadas en metálico nin acumuladas por anos sucesivos.

Artigo 14. Licencias.-A tódolos traballadores que o soliciten, logo de xustificación da súa necesidade, seralles concedida licencia sen perda de retribución polos motivos e períodos seguinte:

a) Por matrimonio do traballador, catorce días laborables.

b) Por parto da esposa, tres días laborables ampliables como licencia sen soldo, logo de solicitude á empresa, no caso de necesidade grave.

c) Por falecemento de pais, pais políticos, avós, fillos, netos, cónxuxes e irmáns, tres días laborables.

d) Por falecemento de irmáns políticos e fillos políticos, dous días laborables.

e) Por enfermidade grave de pais, pais políticos, avós, fillos e cónxuxe, dous días laborables.

f) Por enfermidade grave de fillos políticos, dous días naturais.

Nos supostos c), d), e) e f) concederase ademais o tempo necesario para efectua-la viaxe.

Artigo 15. Respecto de dereitos, compensación e absorción.-As partes comprométense a que cando a parte social o solicite, logo de notificación á empresa mediante carta certificada cunha antelación de tres meses, adheriranse ó convenio provincial para as empresas siderometalúrxicas da provincia como empresa.

Artigo 16. Percepcións en caso de ILT-Os traballadores en situación de ILT orixinada por accidente laboral ou enfermidade profesional, percibirán unha compensación económica que complemente a prestación da Seguridade Social, desde o primeiro día da súa percepción, ata o cento por cento do salario convenio e antigüidade.

O empresario poderá verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador, que sexa alegado por este para xustifica-las súas faltas de asistencia ó traballo, mediante recoñecemento a cargo de persoal médico. A negativa do traballador ó dito recoñecemento poderá determina-la suspensión do complemento.

Excepcionalmente e a partir da sinatura deste convenio, os traballadores en situación de ILT orixinada por enfermidade común percibirán unha compensación económica ata o 100% do salario.

Artigo 17. Preaviso de cesamento.-Os traballadores que voluntariamente causen baixa na empresa, deberán comunicalo cunha antelación mínima de quince días en caso contrario poderán descontarse da liquidación os días de retraso na notificación.

Artigo 18. Axuda por xubilación e xubilación anticipada. Ó producirse a xubilación, os traballadores afectos por este convenio terán dereito a:

a) Con máis de 10 anos de servicio na empresa, unha mensualidade completa (salario convenio, antigüidade e plus de transporte).

b) Con máis de 20 anos de servicio na empresa, dúas mensualidades completas.

c) Con máis de 30 anos de servicio na empresa, tres mensualidades completas.

Artigo 19. Seguros de vida. A empresa afectada por este convenio concertará unha póliza ou renovará a xa existente, garantíndolles ós traballadores ou ós beneficiarios as percepcións seguintes:

a) 2.000.000 de pesetas en caso de morte por accidente.

b) 1.000.000 de pesetas en caso de morte natural, incapacidade absoluta ou gran invalidez, calquera que sexa a súa causa.

Os traballadores que causen alta na empresa durante a vixencia deste convenio deberán solicitar dela por escrito con xustificante de recepción, a súa inclusión no seguro. Esta disporá dun prazo de trinta días naturais para formaliza-la póliza correspondente. Os traballadores suxeitos ó período de proba non disporán deste dereito ata ter superado o mesmo.

A efectividade deste artigo páctase pola vixencia do presente convenio.

A empresa declina a súa responsabilidade no momento de concerta-la póliza cunha compañía de seguros, non respondendo subsidiariamente das indemnizacións en ningún caso.

Artigo. 20. Comisión mixta,-Será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, coas seguintes funcións:

1) Interpretación auténtica do convenio.

2) Vixilancia do cumprimento do pactado.

3) Seguimento da evolución das relacións entre as partes.

4) Entender en cantas cuestións tendan á maior eficacia do convenio.

As resolucións adoptadas de mutuo acordo terán un carácter vinculante.

En caso de dúbidas, a comisión elevará a consulta á autoridade laboral competente.

Artigo 21. Revisión e garantía salarial.-No suposto de que o IPC establecido polo INE superase o 31 de decembro de 1995 o 4,3% respecto ó mesmo día de 1994, revisaranse as táboas salariais na porcentaxe que supere o mencionado índice, calculando sobre as bases de 1994. A revisión terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 22.-Os atrasos que se deriven da sinatura deste convenio faranse efectivos por parte da empresa como data límite o 31 de xullo de 1995.