Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 1995 Páx. 1.776

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 60/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ames (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da travesía da Peregrina.

O Concello de Ames (A Coruña), en sesión celebrada o día 14 de abril de 1994, aprobou o proxecto de urbanización travesía da Peregrina, e na sesión celebrada o día 14 de xullo de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52

da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xaneiro de 1995, baixo o número 1.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de febreiro de 1995, baixo o número 1.283.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización ds obras do proxecto técnico sinalado, porque o forte crecemento urbanístico no núcleo de Bertamiráns ten unha grande incidencia no tráfico rodado en tódalas vías urbanas, producíndose verdadeiros problemas de seguridade peonil, o cal se solucionará coa execución deste proxecto ó pasa-la vía a ter un largo de 14 metros con beirarrúas para os peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ames (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización travesía da Peregrina.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais