Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 1995 Páx. 1.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 22 de febreiro de 1995 pola que se regula a concesión de axudas para a paralización definitiva de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CEE) 2.080/1993 polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CEE) 2.052/1988 no referente ó instrumento financeiro de orientación da pesca (IFOP), define as funcións específicas das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos, establecendo os ámbitos de intervención do IFOP para a adaptación das estructuras do sector á política común da pesca.

O Regulamento (CE) 3.699/1993, do 21 de decembro, establece os criterios e condicións das citadas intervencións posibilitando a adopción de medidas de axuste dos esforzos pesqueiros mediante a paralización definitiva da actividade pesqueira.

O Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos, establece que a tramitación, resolución e pago das solicitudes de axuda por paralización definitiva da actividade pesqueira, será realizada polo órgano competente da Comunidade Autónoma na que se sitúe o porto base do buque e, co obxecto de que poidan atenderse as obrigas de reducción da flota impostos polos programas de orientación plurianuais, as derivadas dos tratados pesqueiros internacionais, así como a necesidade de eliminar modalidades pesqueiras non selectivas, a Comunidade Autónoma deberalle remitir ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Secretaría Xeral de Pesca Marítima) unha relación

priorizada de entre as solicitudes recibidas e esta relación aprobarase despois de examina-la proposta conxuntamente co resto das comunidades autónomas e comproba-la súa adaptación ás necesidades anteriormente descritas.

Por isto, é preciso desenvolve-los mecanismos de tramitación, resolución e pagamento destas axudas, ó tempo que se sinalan as prioridades que guiarán a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura na formulación das súas propostas tal e como recolle o artigo 59 do Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro.

Por todo o anteriormente exposto, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán solicita-las axudas por paralización definitiva da actividade pesqueira os propietarios de buques con porto base nesta Comunidade Autónoma e inscritos no Rexistro de Buques de Pesca de Galicia, que cumpran, ademais das condicións xerais do Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro, as contidas na presente orde.

As axudas aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.770.07 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e en exercicios posteriores, ás partidas previstas para os mesmos fins na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de cada ano, así como ás transferencias que, nos correspondentes exercicios e na forma e para os obxectivos previstos no artigo 95 do Real decreto 2.112/1994, realice o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación con cargo ós créditos consignados nos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 2º

Os buques que foran obxecto de axudas para a modernización non poderán percibi-las primas por paralización definitiva ata que transcorran cinco anos desde a finalización das obras ou instalación de equipos, salvo que os beneficiarios devolvan as axudas percibidas reducidas proporcionalmente ó tempo transcorrido desde as accións anteriores.

Artigo 3º

Soamente poderán solicitar e percibi-las primas por paralización definitiva os titulares da propiedade da embarcación que no dito concepto figuren inscritos no Rexistro Mercantil.

A titularidade da propiedade deberá permanecer invariable desde a presentación da solicitude ata, se é o caso, o aboamento da prima. En caso de cambio da mesma, se os novos propietarios desexaran solicitar estas axudas, deberán iniciar novo expediente coa aportación da documentación establecida no artigo 4º, excepto cando a transmisión da propiedade se realice mediante adxudicación administrativa, xudicial ou sucesión «mortis causa».

Artigo 4º

As solicitudes formularanse en instancia dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o modelo que figura no anexo II destá orde, achegando a ficha que figura como anexo III, e presentaranse nas delegacións territoriais e comarcais da consellería, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Coas solicitudes presentarase, en orixinal e catro copias, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI e NIF do solicitante e, se é o caso, acreditación da súa representación, mediante poder en caso de comunidade de bens e tarxeta de identificación fiscal do beneficiario ou beneficiarios.

b) Certificación da folla de asento de inscrición marítima actualizada, na que conste que se expide para solicita-la axuda por paralización definitiva.

. e) Compromiso de suprimir toda actividade pesqueira mediante algún dos procedementos previstos no artigo 55 do Real decreto 2.112/1994, a que deberá acreditarse, xunto coa documentación de cobro establecida no artigo 10, no prazo de catro meses desde o día da notificación da resolución estimatoria da solicitude.

Por causa de forza maior debidamente acreditada, poderá concederse unha prórroga sempre que se solicite con 15 días de anterioridade ó termo do prazo ordinario.

d) Acreditación de ter exercido unha actividade pesqueira de polo menos 75 días de marea durante cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude da paralización definitiva.

A dita actividade presumirase, salvo proba en contrario, da aportación da seguinte documentación:

1) Certificación á vista do rol ou licencia de pesca, expedida pola autoridade competente para o despacho, dos movementos da embarcación durante os períodos citados.

2) Se é o caso, mediante certificación da autoridade competente para a expedición de permisos temporais de pesca segundo o establecido na Orde do 2 de marzo de 1984.

Carecerá de valor probatorio para os efectos anteriores calquera documentación emitida por autoridades ou funcionarios estranxeiros.

Así mesmo aportarán calquera outra documentación que o órgano administrativo considere necesario para a debida avaliación da solicitude.

Artigo 5º

As solicitudes que antes do 1 de febreiro de cada ano teñan a súa documentación conforme a esixida no artigo anterior serán obxecto de consideración coa finalidade de confección da relación priorizada á que se refire o artigo 59 do Real decreto 2.112/1994.

Os criterios de prioridade que, con carácter xeral, aplicará a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia para realiza-la dita relación serán:

a) Necesidades de cumprimento dos programas de orientación plurianual (POPs) para a flota pesqueira.

b) As necesidades derivadas do cumprimento , dos compromisos adquiridos polo Estado español en materia de acordos internacionais de pesca.

c) Execución dos programas sectoriais que, para as distintas flotas, poida elabora-la Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

d) Paralizacións que se enmarquen nun proxecto de reestructuración dunha empresa pesqueira, de xeito que a prima recibida se reinvista no sector pesqueiro cumpríndose, en todo caso, o obxectivo de reducción de capacidades extractivas e as condicións que puideran establecerse na resolución da solicitude.

e) A paralización mediante despezamento sobre a realizada por afundimento substitutorio.

f) Idade do buque computada de acordo co establecido na disposición adicional cuarta do Real decreto 2.112/1994 e a data de presentación da solicitude.

g) Que o beneficiario teña o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os proxectos nos que a supresión da actividade se realice mediante exportación a un país non pertencente á Unión Europea serán considerados individualmente

Artigo 6º

Acadado o acordo coa Secretaría Xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, procederase á resolución das solicitudes seleccionadas e notificación ós interesados que deberán, nun prazo de 15 días desde o seu recibo, manifestar por escrito a súa aceptación.

Nos casos de renuncia despois de ter sido seleccionado, falta da aceptación no prazo citado ou a non materialización da paralización e xustificación da mesma no termo establecido no artigo 4, apartado c, considerarase desistido da súa solicitude.

Se o interesado presentase nova solicitude para a mesma embarcación cos requisitos esixidos nesta orde non poderá terse en conta para unha nova selección dentro dos dous anos civís seguintes ó da notificación da concesión do beneficio do que desistiu.

Artigo 7º

A resolución do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será definitiva en vía administrativa, quedando expedita a vía contencioso-administrativa; a dita resolución dictarase no prazo de tres meses contados a partir da data á que se refire o parágrafo primeiro do artigo 5.

A presentación da solicitude non dará dereito por si mesma á percepción da prima, a non ser que a mesma sexa obxecto de selección como consecuencia do proceso descrito nos artigos 5º desta orde e 59 do Real decreto 2.112/1994.

Artigo 8º

As solicitudes dos interesados ás que non se lles notifique a selección e conseguinte concesión da prima no prazo de tres meses desde a data na que debería recaer resolución administrativa, consideraranse desestimadas.

Non obstante e salvo renuncia expresa do interesado poderán ser obxecto de nova consideración en procesos selectivos posteriores.

Artigo 9º

As primas máximas e os niveis de participación comunitaria e das administracións públicas nacionais serán as establecidas nos cadros 1 e 2, respectivamente, do anexo I.

Artigo 10º

Para o cobro das axudas será preciso:

a) Certificación rexistral da titularidade actual do buque na que conste expresamente a carencia de cargas e gravames, salvo que a súa cancelación estea suficientemente garantida.

b) Acreditación de encontrarse ó día fronte á Seguridade Social e a facenda autonómica e estatal nas obrigas con vencemento dentro dos 12 meses anteriores á solicitude de cobro da axuda.

c) Cerfificación da Capitanía Marítima correspondente na que se acredite a data de inmobilización do barco mediante entrega do rol de navegación e,

se é o caso, da patente, inicio do expediente de despezamento ou afundimento substitutorio, de que este se autorizou, así como da súa efectiva realización.

A certificación que acredite a efectiva realización do despezamento ou afundimento substitutorio poderá ser substituída por unha certificación dos servicios correspondentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

d) Cando a paralización se materialice mediante exportación a un país non pertencente á UE presentarase o documento de despacho aduaneiro ou copia compulsada del.

e) Se a paralización se realizase por asignación definitiva a fins ornamentais, certificación da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de que está asegurada a imposibilidade de retorno a actividades a flote.

f) Certificación da entidade bancaria na que conste o código desta, da sucursal e o número de conta.

Disposicións transitorias

Primeira

Ó amparo da presente orde poderán terse en conta para a súa resolución e pagamento os expedientes de solicitudes de axuda seguintes:

1.-Os presentados antes do 31 de decembro de 1993 no marco do Regulamento (CEE) 4.028/1986, nas condicións establecidas na disposición transitoria primeira, punto 3, do Real decreto 2.112/1994.

2.-Os presentados desde o 1 de xaneiro de 1994 ata a derrogación do Real decreto 222/1991, do 22 de febreiro, e normativa de desenvolvemento, sempre que cumpran os períodos de actividade establecidos no artigo 4º, punto d, desta orde.

3.-Co requisito da actividade citada no apartado anterior, os presentados no período comprendido entre as datas de entrada en vigor do Real decreto 2.112/1994 e desta orde de desenvolvemento.

Segunda

Tódolos expedientes de solicitude de axuda relativos ás solicitudes mencionadas na disposición transitoria primeira entenderase que se acollen ó disposto na presente orde, salvo renuncia expresa dos interesados manifestada no prazo de un mes desde a súa publicación.

Se é o caso, deberán aporta-la documentación complementaria que se lles puidese requirir co obxecto de adapta-la que forma parte do expediente á esixida nesta orde.

Terceira

No ano 1995 serán obxecto de consideración, para os efectos e nas condicións establecidas no artigo 5º, as solicitudes presentadas no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, así como as presentadas con anterioridade que teñan a súa documentación en regra.

Disposicións derradeiras

Primeira

Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para que dicte as resolucións necesarias para o mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

a) As primas por despezamento pagadas ós beneficiarios non poderán supera-las cantidades seguintes:

1º.-Buques de quince anos: baremo do cadro 1 anterior.

2º.-Buques de menos de quince anos: baremos do cadro 1 anterior, máis un 1,5 por 100 anual cando teñan menos de quince anos.

3º.-Buques de máis de quince anos: baremos do cadro anterior, menos un 1,5 por 100 anual cando teñan máis de quince anos.

b) As primas pagadas ós beneficiarios por traspaso a un terceiro país ou as primas por asignación definitiva en augas comunitarias a tarefas que non sexan pesqueiras non poderán supera-los importes máximos das primas por despezamento establecidas no parágrafo a) anterior, menos un 50 por 100.

2.-Niveis de participación.

Os límites da participación comunitaria (A) do conxunto das participacións públicas, nacionais, rexionais ou doutro tipo (B) axustaranse ós requisitos seguintes:

(1) Para os efectos do cálculo en pesetas das axudas previstas nesta orde aplicarase a taxa de conversión do ECU o 1 de xaneiro do ano no que se conceda a axuda.