Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 1995 Páx. 1.769

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 8 de febreiro de 1995 pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Foz (Lugo).

A empresa Repsol Butano, S.A., con domicilio social en Madrid, rúa Arcipreste de Hita, nº 10, solicitou concesión administrativa para o servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Foz.

As características principais das instalacións son as seguintes:

-A estación de G.L.P., para instalar en terreos municipais, estará constituída por catro depósitos enterrados de 49,50 m de capacidade.

-A rede de distribución, enterrada na súa totalidade e cunha lonxitude de 7.800 m, está deseñada para a futura distribución do gas natural, composta por tubería de polietileno de media densidade, SDR 11, segundo UNE 53.333, con distintos diámetros segundo as necesidades de consumo.

O orzamento total ascende a corenta e seis millóns setecentas mil pesetas (46.700.000 ptas.)

Cumpridos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, de conformidade co previsto no Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2.913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de disposicións básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións en materia de combustibles gasosos, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvernento dela.

Considerando, que a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa con base no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2.563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o Decreto 2.913/1973, do 26 de outubro e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgar á empresa Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa solicitada para o servicio público de gas propano comercial no termo municipal de Foz, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 934.000 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no proxecto, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o artigo 7º, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1.775/1967, do 22 de xullo, fianza que será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo de un ano, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado delas.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberá cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984.

Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O troco das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá da autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8º, apartado c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento deles.

O concesionario queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado Regulamento xeral e a cantas outras disposicións fosen dictadas ou dicte o Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexerase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos. As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7º, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor teñan que realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garanti-lo mantemento do servicio ós usuarios del, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7º da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7º da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a montaxe delas.

Nembargantes, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde, Repsol Butano, S.A. poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1.-Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión que as instalacións substituídas, ou ben.

2.-O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que elas supoñan, non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Décimo segunda.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións do gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á publicación dela, logo de comunicación a esta consellería, conforme o establecido no artigo 57.2 da Lei rguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956 na súa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 1995.

José Luis Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio