Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 1995 Páx. 1.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 14 de febreiro de 1995 pola que se recoñece de interese galego a Fundación Jiménez Cossío e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Jiménez Cossío.

Supostos de feito:

Primeiro.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada en Betanzos (A Coruña) o día 26 de maio de 1980 ante o notario Julián Marcos Alonso, co número oitocentos noventa e seis do seu protocolo, por Mrs. John Stucley, de solteira Natalia Jiménez de Cossío, H.H. Judge John Stucley, María-Luisa Couceiro Seoane e Ana-María Arias de Cossío; e

recoñécese, clasifícase e inscríbese como cultural por Orde do 11 de febreiro de 1981 do Ministerio de Cultura.

Segundo.-O 10 de xuño de 1992 solicitouse por parte de Natalia Jiménez de Cossío a transferencia da Fundación Jiménez Cossío do Ministerio de Cultura á Xunta de Galicia para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Con data 14 de decembro de 1992 transfírese á Xunta de Galicia a documentación da Fundación Jiménez Cossío e con data 21 de novembro de 1994 a citada fundación presenta a nova redacción dos artigos 12, 14, 17 e 18 e a ampliación do 20, para ser declarada de interese galego e a súa posterior inscrición no correspondente rexistro.

Terceiro.-Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, a fundación ten por obxecto e fin fundacional: «Manter vivos os ideais intelectuais de Manuel B. Cossío e Alberto Jiménez Fraud, promove-lo estudio de ámbalas dúas personalidades, dar a coñecer a vida e a obra de José Pascual López Cortón, figura destacada da vida cultural galega, desde mediados do século pasado, e propietario da Quinta desde o seu regreso de Porto Rico, concluí-la ordenación do arquivo epistolar que existe na Quinta de San Victorio para que poida ser consultado polas persoas que o desexen e que, a xuízo de calquera dos patróns, merezan consideración ó respecto, e calquera outra actividade que redunde no beneficio do acervo cultural».

Cuarto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Jiménez Cossío, capacidade xurídica, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación está composto polas seguintes persoas:

Presidenta: Mrs. John Stucley (de solteira Natalia Jiménez Cossío).

Vicepresidenta: Ana María Arias de Cossío.

Secretario: Alfredo Erias Martínez.

Tesoureiro: Marietta Vázquez de Parga.

Vocais: María Luisa Couceiro Seoane, María Victoria Fernández España, Antonio Gómez Mendoza, Alberto Martínez Adell, José Manuel A. Rodríguez Arnáez, Margarita Jiménez de Naish, Natalia Jiménez de Fawcett, Carolina Jiménez von Humboldt, Alejandra Jiménez von Humboldt.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3 a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a ins

crición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Jiménez Cossío, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da función.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2 da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1 e 18 da Lei 7/1983, en relación dos artigos, 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Jiménez Cossío.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, e en especial á obriga de lles da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como o presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 1995.

Víctor M. Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura