Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 1995 Páx. 1.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 57/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 20 kV ó C.T. de Vilasindre, no concello de Foz, provincia de Lugo (Expediente nº 2.861-A.T.).

Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Cidade de Viveiro nº 4 de Lugo, solicitou da Consellería

de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 20 kV de 1.086 m de lonxitude, conductor LA-30, apoios de formigón e torres metálicas, con orixe na L.M.T. Serradoiro-Vilamar e remate no C.T. de Vilasindre, no concello de Foz (Lugo); Expediente nº 2.861-A.T.

A dita instalación autorizouse, declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 5-4-93, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no BOP de Lugo do 22-5-93, no xornal El Progreso de Lugo do 19-4-93 e no BOE do 8-5-93.

A solicitude de urxente ocupación fíxose con base no disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 23-5-94, no BOP de Lugo do 23-3-94, no xornal El Progreso de Lugo do 26-1-94, e a simple referencia no BOE 8-3-94; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa devandita Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro. Durante o período no que se someteu ó trámite de información pública, formularon escritos de alegacións os titulares dos predios nº 1 e do 11 e 14, que solicitan a modificación do trazado, as cales se desestiman ó non se dar conxuntamente as condicións que establece o artigo 26 do sinalado decreto, e corresponde-la valoración definitiva dos bens a outra fase do procedemento. Ó mesmo tempo o propietario do predio nº 31 solicita información acerca dos bens da súa propiedade, a cal se lle achegou pola empresa beneficiaria.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966 nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministra

ción nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., da liña eléctrica aérea a 20 kV ó C.T. de Vilasindre.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Foz (Lugo), e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio