Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 1995 Páx. 1.756

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 56/1995, do 24 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 132 kV enlace da liña Salas-San Cibrao coa subestación Barbaña, no concello de Ourense. (Expediente número IN407A-94/20-3-A.T.).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº 2, da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 132 kV de dobre circuíto, enlace da liña Salas-San Cibrao coa subestación Barbañal de 2.274 m de lonxitude aérea, conductor LA-455 sobre apoios metálicos, e 3.070 m de lonxitude soterrada, en conductor R.H.V. 76/138, no concello de Ourense. Expediente número IN407A-94/20-3-A.T.

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública por resolución da Dirección Xeral de Industria do 7-11-1994, a cal foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 24-11-1994, no BOP de Ourense do 2-12-1994, e no BOE do 23-11-1994; o proxecto de execución aprobouse por resolución do mesmo organismo do 1-2-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose con base no disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 a disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico español.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal diario La Región, de Ourense, do 8-12-1994, no BOP de Ourense do 2-12-1994, no DOG do 3-1-1995 e a simple referencia no BOE do 28-12-1994; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea a 132 kV que enlaza a liña San Cibrao-Salas coa subestación Barbaña.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Ourense, e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, ó chegar ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición os predios números 26, 32, 33, 36 e 71 da dita relación.

Santiago de Compostela, vintecatro de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio