Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 1995 Páx. 1.751

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de xaneiro de 1995 pola que se anuncian subvencións a familias e institucións sen fins de lucro para a creación de infraestructura náutico-deportiva e o fomento do turismo.

As condicións naturais da costa galega posibilitan o desenvolvemento do turismo náutico, en tódalas súas vertentes, con grandes perspectivas dun rápido crecemento, segundo se vén manifestando nos últimos anos, pola afluencia de usuarios ás instalacións existentes. Sen embargo, aínda é necesario prosegui-la creación de oferta de servicios de utilización náutica e tamén a modernización das instalacións existentes.

Por outra banda, cómpre mante-la colaboración coas entidades vencelladas ó turismo, que veñen desempeñando un importante labor no desenvolvemento turístico da nosa Comunidade.

En consecuencia,

DISPOÑO

Artigo 1º.-DESTINATARIOS.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-

A.780.00 do programa «Ordenación, promoción, xestión e fomento do turismo» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995, dentro do concepto «Infraestructura náutico-deportiva e fomento do turismo», ás familias e institucións sen fins de lucro como asociacións de empresarios de hostalería, centros de iniciativas turísticas, padroados de turismo, organizacións gastronómicas, clubes náuticos e, en xeral, aquelas entidades onde a súa actividade se desenvolve fundamental e esencialmente na procura de obxectivos turísticos.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 2º.-OBXECTO.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións que comprendan proxectos destinados a: creación e mellora de infraestructura náutico-deportiva, potenciación de turismos activos e realizacións de programas de promóción e información turísticas.

Artigo 3º.-CONDICIÓNS PARTICULARES.

l.-As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de empresas e actividades turísticas coa data anterior ó día da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2.-Os proxectos que se subvencionen serán globais e as entidades interesadas só poderán presentar unha solicitude.

3.-Así mesmo, os proxectos que se subvencionen terán que comenzarse durante o ano 1995 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

4.-Nas manifestacións externas dos proxectos subvencionados terá que constar que se realizan coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 4º.-CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Os proxectos seleccionados para seren subvencionados poderán obter unha axuda económica de ata un 50% do orzamento de investimento cun máximo de contía de catro millóns de pesetas.

Artigo 5º.-SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN.

l.-As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo, maila documentación que a seguir se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no servicio provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de un mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o anexo I.

b) Declaración segundo o anexo II.

c) Fotocopia compulsada do CIF da entidade solicitante.

d) Fotocopia compulsada dos estatutos debidamente rexistrados da entidade solicitante, coa dilixencia, asinada polo seu secretario, da súa vixencia.

e) Certificado do secretario da entidade solicitante, co visto e prace do seu presidente, no que, en calquera caso, se faga constar relación individualizada dos seus afiliados e actualizada á data da solicitude.

f) Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a subvención, se é o caso.

g) Fotocopia do acordo de exención do IVE emitido pola Facenda do Estado, se é o caso.

h) Certificación de gastos e ingresos aprobados pola entidade no último exercicio, na que consten detallados os correspondentes destinados a fins turísticos.

i) Declaración, se é o caso, da oferta de servicios de utilización turística, especificando detalladamente: espacios e equipos que poden utiliza-los usuarios non membros da entidade, así como as condicións económicas correspondentes. Cando se ofrezan servicios de amarres para embarcacións, deberase indica-lo número total deles e o destinado á utilización turística.

l) Os clubes náuticos achegarán tamén un bosquexo do acceso para embarcacións onde figuren os puntos de sinalización existentes.

m) Para os proxectos de turismo náutico-deportivo que o precisen, informe favorable do grupo de portos ou documento que acredite telo solicitado.

n) Memoria explicativa do proxecto, asinado polo solicitante, na que conste o orzamento pormenorizado do investimento ou facturas proforma do mesmo.

o) Autorizacións administrativas que se precisen para a realización de actividades de turismo activo ou fotocopia compulsada da súa solicitude.

O servicio provincial de Turismo poderá, en calquera momento, solicita-la documentación complementaria que considere necesaria para un mellor estudio do expediente.

2.-As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica na presente orde faranse no correspondente servicio provincial de Turismo.

Artigo 6º.-SELECCIÓN DAS SOLICITUDES E RESOLUCIÓN.

1.-Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-Dentro dos proxectos de infraestructura náutico-deportiva consideraranse prioritarios os que prevexan instalacións de tomas de auga, combustible, corrente eléctrica e unidades de recollida de productos oleosos.

-O interese turístico do proxecto.

-O esforzo económico que a realización do proxecto significa para a entidade solicitante.

-A localización do investimento en canto á esixencia da demanda.

-A percepción de subvencións doutros organismos ou entidades para o mesmo proxecto.

2.-As entidades solicitantes corrixirán, a requirimento do servicio provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitude de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1 da Lei. 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se fixesen en tempo e forma.

3.-Os delegados provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, á vista dos expedientes e dos informes que ó respecto emitan os servicios provinciais de Turismo, analizarán e cualificarán os proxectos, elevando proposta de resolución ó secretario xeral para o Turismo.

4.-Dictadas as resolucións de acordo de concesión polo Secretario Xeral para o Turismo, aquelas seranlle notificadas ós interesados no prazo máximo de DOUS MESES, contados desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación de solicitudes que se expresa no artigo 5º anterior.

5.-De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do Rexistro de Entrada da solicitude.

Artigo 7º.-ACEPTACIÓN E RENUNCIA DAS SUBVENCIÓNS.

1.-Unha vez recibidas as notificacións de conce

sión de subvención polos beneficiarios, estes no prazo de QUINCE DÍAS comunicarán ó servicio provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2.-Unha vez verificadas as renuncias ás subvencións concedidas, o secretario xeral para o Turismo poderá utiliza-los créditos liberados en conceder novas subvencións a solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

Artigo 8º.-XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS.

l.-Os beneficiarios de subvencións, unha vez executados os investimentos, deberán xustificalos o antes posible, nunca con posterioridade ó 16 de outubro de 1995, data límite para a presentación da xustificación, salvo que o proxecto conteña actividades coa data de celebración posterior á dita; neste caso a propia resolución de concesión de subvención establecerá o prazo para a xustificación.

2.-O proxecto xustificado deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención; se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.-Para percibi-la subvención os beneficiarios achegarán ó servicio provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro, dirixida ó secretario xeral para o Turismo, segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas orixinais do investimento realizado ou fotocopia compulsada delas ou certificación asinada por técnico facultado, visada polo correspondente colexio oficial, relativa ó proxecto realizado coa súa valoración.

3.3. Certificacións de estar ó día nas obrigas tributarias coa Facenda do Estado maila da Comunidade Autónoma e coas da Seguridade Social, só nos casos de que a subvención concedida supere as 250.000 pesetas.

3.4. Se é o caso e non se achegou con anterioridade, informe do grupo de portos.

3.5. Se é o caso e non se achegaron con anterioridade autorizacións administrativas preceptivas.

5.-Para o non previsto anteriormente aplicarase o disposto nesta materia na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1995 e artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostaria de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela 11 de xaneiro de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública