Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 1995 Páx. 1.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 55/1995, do 16 de febreiro, polo que se declara urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ames, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización de praza en Bertamiráns.

O Concello de Ames (A Coruña), en sesión celebrada o día 14 de abril de 1994, aprobou o proxecto de urbanización de praza en Bertamiráns e, na sesión celebrada o día 14 de xullo de 1994 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 2 de xaneiro de 1995, baixo o número 7.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de xaneiro de 1995 baixo o número 775.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque así dótase dunha zona pública ó centro da localidade e acondiciónase o terreo destinado a servicios xerais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo da deliberación do Consello da xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo cincuenta e dous da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ames, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización de praza en Bertamiráns.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais