Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 1995 Páx. 1.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector comercio de mobles e obxectos decorativos.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de comercio de mobles e obxectos decorativos (código 2700195), da provincia de Lugo, asinado o 20 de xaneiro de 1995, polas representacións da Asociación de Empresarios do sector e das centrais sindicais U.G.T., CC.OO., C.I.G. e U.S.O., e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro: ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo: remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro: dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 10 de febreiro de 1995.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

ASISTENTES

Pola Asociación empresarial de comercio de mobles e obxectos decorativos da provincia de Lugo:

Luis Franco Agrelo.

Guadalupe Hervera Iglesias.

Polas centrais sindicais:

U.G.T. (75%)

Fernando Teijeiro Valledor

Mª Carmen Basandre Vázquez

Ricardo Varela Sánchez

U.S.O. (25%)

Jesús Cantero Pérez

Manuel Belver Belver

Manuel Expósito López (asesor)

C.I.G. (0%)

Mª Carmen Antas Pérez

CC.OO (0%)

Manuel Núñez López (asesor)

ACTA

En Lugo, sendo as 18 horas do día 20 de xaneiro de 1995, reúnense nos locais da CEL as persoas arriba relacionadas, todas elas integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo para o sector de comercio de mobles e obxectos decorativos da

provincia de Lugo, adoptándose, logo de amplos debates, os seguintes

ACORDOS

Primeiro.-Aproba-lo texto do convenio colectivo para o sector de comercio de mobles e obxectos decorativos da provincia de Lugo, para o cal as partes contan coa capacidade legal suficiente, segundo se acredita coa acta de constitución da comisión negociadora.

Segundo.-Remiti-lo texto do convenio colectivo referido á autoridade laboral competente para os efectos legais oportunos.

E en proba de conformidade, asinan a presente os arriba reseñados, en lugar e data sinalados no encabezamento.

Convenio colectivo de comercio de mobles

e obxectos decorativos

Disposicións xerais

Artigo 1º. Ámbito persoal: as estipulacións do presente convenio colectivo sindical de traballo obrigan á totalidade das empresas e traballadores dedicados ó comercio de mobles e obxectos decorativos.

Artigo 2º. Ámbito territorial: este convenio será de aplicación obrigatoria a toda a provincia de Lugo, e afectará a tódolos centros de traballo situados nela, aínda cando as empresas tiveran o seu enderezo social fóra e os traballadores trasladados a esta.

Artigo 3º. Ámbito temporal: a vixencia do presente convenio será do 1 de xaneiro de 1994 ó 31 de decembro de 1995.

Artigo 4º. Denuncia: cunha antelación mínima de trinta días á data de finalización do convenio, deberá ser este denunciado por calquera das partes. A ausencia de denuncia deste convenio, significará, en todo caso, a súa prórroga, en iguais termos, salvo no referente á táboa salarial.

Artigo 5º. Compensación e absorción: as condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións en igual forma.

Réxime de traballo

Artigo 6º. Xornada de traballo: a xornada de traballo será de 40 horas semanais: en inverno, pola mañá de luns a sábado de 9.45 a 13.30 horas, pola tarde de luns a venres de 16 a 19.30; en verán, pola mañá de luns a sábado de 9.45 a 13.30 horas, pola tarde de luns a venres de 16.30 a 20 horas.

Entendéndose o horario de invernio do 15 de setembro ó 15 de maio, ambos inclusive.

Artigo 7º. Vacacións: o persoal comprendido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións mínimo de trinta días naturais.

A retribución correspondente ó período de vacacións estará constituída polo salario base, plus de transporte e antigüidade, que corresponde a cada

categoría profesional, de acordo co cadro de salarios que figura anexo ó presente convenio.

Artigo 8º. Inasistencia retribuída: o traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguintes:

a) Dezasete días naturais en caso de matrimonio.

b) Catro días nos casos de enfermidade grave dos pais, irmáns, cónxuxe e fillos.

c) Dous días nos casos de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

d) Un día por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado aplicarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe da mesma do salario a que tivera dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

g) Seis días naturais por nacemento de fillos.

As traballadoras, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividirse en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade.

Quen, por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporción do salario entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Réxime económico

Artigo 9º. Salario base: comprende as retribucións que, en xornada normal de traballo, figuran na táboa salarial anexa. Tódolos salarios do presente convenio para o ano 1994 foron incrementados nun 4% sobre as táboas, ficando establecidos segundo consta na táboa de salarios anexa.

Os salarios para o ano 1995, que figuran na táboa

salarial anexa, calculáronse aplicando unha procentaxe do 3,5% de incremento.

Cláusula de revisión salarial para o ano 1995: no suposto de que o IPC estatal no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1995 rexístrase un incremento superior ó 3,5%, efectuarase unha revisión salarial cando se constate oficialmente a dita circunstancia no exceso da indicada cifra, sen efecto retroactivo, servindo de base para a negociación do ano 1996.

Complementos salariais

Artigo 10º. Aumentos periódicos por anos de servicio na empresa: o persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio na empresa, consistentes no aboamento de cuadrienios na contía que figura, para cada categoría profesional, na táboa de retribucións vixente en cada vencemento.

Cada cuadrienio se aboará, a razón do importe que figure, para cada categoría profesional, nas táboas de retribucións, no momento do vencemento, con carácter fixo, ata o transcurso do tempo fixado para que se cumpra outro cuadrienio, que se aboará, igualmente, ó importe reseñado nas táboas de retribucións, para cada categoría profesional, a dita cantidade acumularase á que tivera recoñecida con anterioridade polo concepto sinalado de aumentos periódicos por anos de servicio na empresa.

A todo o persoal afectado polo presente convenio recoñeceráselle a cantidade que teña acreditada polo concepto de «antigüidade», ata a entrada en vigor do presente convenio. Cantidade que manterá fixa e á que haberá de ir acumulando, en cada momento, os importes dos cuadrienios que se vaian adquirindo, no transcurso do tempo, calculados de acordo co que se estipula no presente artigo.

Artigo 11º. Gratificacións extraordinarias: as gratificacións extraordinarias do Nadal e 25 de xullo, serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cada unha.

Aboaranse nas datas seguintes:

-A de 25 de xullo, o día laborable inmediatamente anterior a esta data.

-A do Nadal o 22 de decembro, e se éste fora festivo, o día laboral inmediatamente anterior a esa data.

Tales gratificacións calcularanse a razón de salario base mensual de convenio, máis as cantidades que teñan acreditadas por aumentos periódicos por anos de servicio. O importe das ditas gratificacións será rateable en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose tal como o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permiso retribuídos.

Así mesmo, o persoal que levase dous anos prestando servicios na empresa, ó tempo de ser incorporado ó servicio militar, ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe das ditas gratificacións.

Artigo 12º. Gratificacións por participación en beneficios: o importe da gratificación a que se refire

o artigo 44 da vixente ordenanza de traballo no comercio, será como mínimo, de trinta días de salario base mensual de convenio, máis as cantidades que teñan acreditadas por aumentos periódicos por anos de servicio.

A dita gratificación abonarase dentro do primeiro trimestre do ano. 0 importe da dita gratificación será rateable en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Así mesmo, o persoal que levase dous anos prestando servicios na empresa ó tempo de ser incorporado ó servicio militar ten dereito a percibir, como se estivese presente no traballo, o importe da dita gratificación.

Indemnizaciónis non salariais

Artigo 13º. Promoción cultural: con esta finalidade, as empresas aboarán ós seus traballadores media mensualidade por ano. O seu aboamento efectuarase dentro da primeira quincena do mes de outubro, e a súa contía será de quince días de salario base máis as cantidades que teñan acreditadas por aumentos periódicos por anos de servicio. A dita mensualidade non será cotizable para efectos de Seguridade Social e accidentes de traballo.

Artigo 14º. Incapacidade laboral transitoria: as empresas complementarán as prestacións por I.L.T. ata o 100% de salario real nos seguintes casos:

a) Hospitalización do traballador, desde que se inicie ata que remate.

b) Accidente de traballo e enfermidade profesional, desde o día seguinte ó de inicio da baisa.

Artigo 15º. Axuda por xubilación: as empresas concederán un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade, como mínimo, na empresa, se xubilen voluntariamente, durante a vixencia do presente convenio. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos, 12 mensualidades.

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos, 11 mensualidades.

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos, 10 mensualidades.

-Por xubilación voluntaría ós 63 anos, 9 mensualidades.

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos, 8 mensualidades.

-Por xubilación voluntaria ós 65 anos, 6 mensualidades.

Ditas mensualidades serán calculadas sobre o salario base.

Para a súa percepción deberán solicitarse no prazo de tres meses dentro do cumprimento da idade correspondente.

As mencionadas axudas, só se concederán a aque

les traballadores que non se acollan ós beneficios determinados no Real decreto 14/1981.

Artigo 16º. Xubilación voluntaria ós 64 anos: de conformidade co Real decreto 14/1981, e para o caso de que os traballadores incluídos no ámbito persoal do presente convenio colectivo de traballo, con 64 anos cumpridos, desexen acollerse á xubilación co 100% dos dereitos, as empresas afectadas por este convenio se obrigan a concede-la dita xubilación, e, ó amparo do citado Real decreto 14/1981, substituír a cada traballador xubilado por outro traballador, ben perceptor do seguro de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego, mediante un contrato de igual natureza ó extinguido.

No suposto sinalado no parágrafo precedente, o traballador xubilado ó amparo do Real decreto 14/1981 non terá dereito a axuda por xubilación determinada no artigo 15 do presente convenio colectivo de traballo.

Artigo 17º. Sobresoldo de transporte: establécese un sobresoldo de transporte urbano na contía de 243 ptas. por día efectivamente traballado para tódalas categorías; o dito sobresoldo aboarase tamén durante as vacacións a razón de 243 ptas. por día laborable. Durante 1995, a contía será de 252 ptas.

Artigo 18º. Quebranto de moeda: aqueles traballadores que, habitualmente, teñan a responsabilidade de efectuar operacións monetarias, en moeda de curso legal, fóra da empresa, terán unha compensación económica de 3.000 ptas. por quebranto de moeda. Durante 1995, a contía será de 3.105 ptas.

Artigo 19º. Delimitacións das funcións do conductor: «chófer de primeira» é o traballador que, cos coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos dos que, para o seu manexo, se esixe permiso de conducir de primeira especial ou primeira, coida da súa conservación, debendo repara-las pequenas avarías, tanto en ruta como no garaxe, transporta, reparte, cobra e factura as mercadorías de acordo coas instruccións que reciba, debendo participar na carga e descarga.

«Chófer de segunda» é o traballador que, cos coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos dos que, para o seu manexo, se esixe o permiso de conducir de segunda ou terceira clase, coida da súa conservación, debendo, repara-las pequenas avarías, tanto en ruta como en garaxe, transporta, reparte, cobra e factura as mercadorías de acordo coas instruccións que reciba, debendo participar na carga e descarga.

O conductor de primeira terá a categoría de oficial de primeira e o de segunda de oficial de segunda.

Artigo 19 (bis): os conductores ós que, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa, se lles retire o seu permiso de conducir, a empresa comprometerase a ocupalos noutro servicio da mesma, por tempo non superior a tres meses, aínda que sexa de categoría profesional inferior, percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación no suposto de reincidencia dentro da vixencia do convenio; quedan excluídos deste beneficio os

conductores que se viran privados do permiso de conducir como consecuencia da inxestión de bebidas alcohólicas.

Artigo 20º. Comisión mixta paritaria: constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes deste convenio. O citado órgano -integrado por sete representantes da asociación empresarial asinante, tres de U.G.T., dous de U.S.O., un de C.X.T.G. e un de CC.OO., igualmente asinantes- cumprirán as funcións de aplicación do pactado, así como do seu seguimento. Caso de non chegarse a acordo na dita comisión, ambas partes se someten á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) e xuridicción competente.

Artigo 21º. Póliza de seguros: as empresas suxeitas a este convenio contratarán, unha vez publicado este convenio no BOP, a favor dos seus traballadores un seguro que cubra os riscos de invalidez permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, e morte, derivados de accidente de traballo, nas contías que se indican. Os incrementos que se establecen nas ditas contías con respecto ó ano anterior terán efectos a partir dos trinta días da publicación do convenio do BOP.

-Morte: 2.250.000 ptas.

-Invalidez permanente: 2.750.000 ptas.

Artigo 22º. Dereitos sindicais: as empresas comprendidas neste convenio comprométense a respectalo pleno exercicio da liberdade sindical, tal e como sinala a Lei orgánica de liberdade sindical e demais lexislación vixente, e concretamente a:

-Non discrimina-los delegados de persoal e membros do comité de empresa na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón de desempeño da súa representación.

-Neste sentido, poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social.

-Nas empresas de ata 100 traballadores, os delegados de persoal terán dereito a un crédito de 180 horas sindicais, en cómputo anual, e retribuídas conforme o establecido no Estatuto dos traballadores. As ditas horas poderán desfrutarse nun número máximo de 16 horas mensuais, sen que poida excederse do cómputo anual sinalado.

-No suposto de formar parte da comisión negociadora do convenio seralle facilitado permiso para asistir ás reunións que para o efecto se convoquen, sen que as ditas horas sexan computadas dentro do crédito ordinario.

Artigo 23º. Axudas de custo: aqueles traballadores comprendidos neste convenio percibirán por este concepto as seguintes cantidades:

Primeiro ano de vixencia:

* Axuda de custo completa: 2.900 ptas.

* Media axuda de custo: 1.625 ptas.

Segundo ano de vixencia:

* Axuda de custo completa: 3.000 ptas.

* Media axuda de custo: 1.682 ptas.