Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 27 de febreiro de 1995 Páx. 1.590

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1995, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de transportes de mercadorías por estrada.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de transportes de mercadorías por estrada (código 2700505) da provincia de Lugo, asinado o 16 de xaneiro de 1995 polas representacións da Asociación de Transportes Discrecionales de Mercancías por Carretera, Asociación de Empresarios de Agencias de Carga Fraccionada e Asociación de Agencias de Carga Completa e da central sindical UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro: Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo: Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro: Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 13 de febreiro de 1995.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

ACTA

Asistentes:

Pola parte empresarial:

Asociación de Transportes Discrecionales de Mercancías por Carretera (TRADIME): Jesús Penas Fernández, Eustasio Castelao Castiñeira, José Manuel Flores Castro, Manuel Pereira Dopico e Carmen Castelao Muiña.

Asociación de Empresarios de Agencias de Carga Fraccionada: José Antonio Orozco Fernández.

Asociación de Agencias de Carga Completa (ATC: Antonio Fernández Fernández.

Polas centrais sindicais:

UGT: Eladio Antonio Romero Ates e Jesús Rivas Varela.

En Lugo, sendo as 18 horas do día 16 de xaneiro de 1995, reúnense nos locais da CEL as persoas arriba relacionadas, todas elas integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo para o sector de transportes de mercadorías por estrada da provincia de Lugo, adoptándose, logo de amplos debates, os seguintes

ACORDOS

Primeiro.-Aproba-lo texto do convenio colectivo para o sector de transporte de mercadorías por estrada da provincia de Lugo, para o cal as partes contan coa capacidade legal suficiente, segundo se acredita coa acta de constitución da comisión negociadora.

Segundo.-Remiti-lo texto do convenio colectivo referido á autoridade laboral competente para os efectos legais oportunos.

E en proba de conformidade, asinan a presente os arriba reseñados, no lugar e data sinalados no encabezamento.

CONVENIO COLECTIVO DE TRANSPORTE

DE MERCADORÍAS POR ESTRADA

Artigo 1. Ámbito funcional.-As disposicións do presente convenio obrigan a tódalas empresas e traballadores da provincia de Lugo que teñan as súas actividades reguladas pola Ordenanza Laboral de Transportes por Estrada, e para maior concreción indícanse seguidamente:

Servicios regulares de mercadorías, servicios discrecionais de mercadorías, transporte de pescado, transportes frigoríficos, transportes líquidos, transportes especiais (grúas, etc.), transportes locais de mercadorías, explotación de túneles e autoestradas, garaxes e servicios de lavado e engraxamento, despachos auxiliares ou centrais de FFCC con vehículos automóbiles, transportes de mobles, mudanzas gardamobles, servicios de alugueiro de coches con ou sen conductor.

Artigo 2. Ámbito territorial.-O presente convenio será de aplicación en toda a provincia de Lugo, quedando sometidas a el tanto as empresas xa existentes como as de nova creación radicadas no ámbito territorial ou que, aínda tendo o seu dominio social noutro lugar, teñan establecementos na provincia de Lugo, en canto ó persoal adscrito a eles.

Artigo 3. Ámbito temporal.-O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1994, finalizando o día 31 de decembro do mesmo ano.

Artigo 4. Denuncia.- Ó extinguirse o período de aplicación e vixencia do presente convenio, este considerarase expresamente denunciado, sen necesidade de efectuar trámite ningún.

Artigo 5. Interpretación do convenio.-Para a interpretación do contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento e, en xeral, para atender aquelas cuestións que poidan derivarse da aplicación do mesmo, crearase unha comisión mixta paritaria, formada por dous representantes de cada unha das partes que no seu momento designen as asociacións patronais e centrais sindicais asinantes do convenio.

En caso de desacordo, as partes someteranse á arbitraxe do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, sen prexuízo das competencias que correspondan á xurisdicción laboral.

Artigo 6. Xornada laboral.-A xornada laboral será de 1.816 horas en cómputo anual, sendo de apli

cación ó respecto a Lei 4/1983, do 29 de xuño; Real decreto 2.001/1983, de xullo, e o Estatuto dos traballadores, aprobado por Decreto do 10 de marzo de 1980.

Artigo 7. Vacacións.-O persoal afectado polo presente convenio colectivo desfrutará de 30 días naturais de vacacións, dentro do ano natural, sen distinción de antigüidade ou categoría profesional, e de acordo coa normativa laboral vixente.

Artigo 7-bis. Permisos.-Para todo o persoal afectado polo presente convenio colectivo establécese un día non laborable e non recuperable dentro da xornada de 1.816 horas.

Artigo 8. Xubilacións.-Os traballadores que, con 10 anos como mínimo de antigüidade na empresa, decidan voluntariamente xubilarse anticipadamente e sempre e cando exista acordo previo entre o traballador e a empresa, recibirán unha gratificación mínima das contías que seguidamente se relacionan:

-Ós 60 anos de idade: 1.150.000 ptas.

-Ós 61 anos de idade: 1.000.000 de ptas.

-Ós 62 anos de idade: 850.000 ptas.

-Ós 63 anos de idade: 680.000 ptas.

-Ós 64 anos de idade: 530.000 ptas.

A solicitude de xubilación anticipada deberá efectuala o traballador cun mes de antelación ó cumprimento da idade na que se pretende acoller a este beneficio.

Ó cumpri-los 65 anos de idade a xuiblación será obrigatoria para o traballador, sempre e cando reúna o período de carencia necesario para acceder á correspondente prestación, e coa única excepción de que solicitase con anterioridade á sinatura deste convenio a xubilación anticipada e esta se encontrara en trámite ou pendente de acordo coa empresa, excepción esta que rexerá exclusivamente durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 9. Axudas de custo.-A contía das axudas de custo queda establecida nas cantidades que seguidamente se relacionan:

-Destacamento: 3.631 ptas.

-España e Portugal: 4.150 ptas.

-Resto de Europa: 5.239 ptas.

A axuda de custo de destacamento entrará en vigor cando o traballador leve, como mínimo, 15 días de permanencia na mesma praza.

Artigo 10. Seguro de invalidez ou morte.-As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio contratarán, no prazo máximo de 30 días a partir da publicación no Boletín Oficial da provincia deste texto articulado, unha póliza de seguros con primas íntegras ó seu cargo, para tódolos traballadores, que cubrirán os riscos de morte e invalidez permanente (graos de total, absoluta e grande invalidez) derivados de accidente de traballo, incluído «in itinere».

As contías serán as seguintes:

-Morte do traballador: 2.750.000 ptas.

-Invalidez permanente: 3.250.000 ptas.

Artigo 11. Plus de perigosidade.-Para os traballadores ó servicio da empresa á entrada en vigor deste convenio e que manipulen ou transporten habitualmente mercadorías explosivas, inflamables ou tóxicas, establécese un plus de perigosidade na contía de 40.000 ptas.

Para os traballadores que se contraten a partir da entrada en vigor deste convenio e que realicen as tarefas indicadas no apartado anterior, establécese un plus de 40.000 ptas. no caso de que se contraten por tempo inferior a un ano. Se a contratación é por tempo superior a un ano ou indefinida, a contía do referido plus é de 22.000 ptas.

Artigo 12. Horas extraordinarias-Habida conta da existencia dun gran número de traballadores en paro, tenderase á eliminación das horas extras durante a vixencia do presente convenio. En calquera caso, as empresas terán que respectar escrupulosamente os topes legais existentes. Para este efecto, terase en conta o disposto na disposición derradeira cuarta da Lei 8/1980, do 10 de marzo.

Artigo 13. Taboleiro de anuncios.-Tódalas empresas afectadas por este convenio facilitaranlles ós traballadores un taboleiro de anuncios. A utilización do mesmo estará circunscrita a temas de carácter laboral ou sindical, entendidos amplamente. O taboleiro de anuncios poderá ser utilizado tamén polas empresas para a inclusión de calquera anuncio ou comunicación que consideren de interese.

Artigo 14. Ordenanza laboral.-En todo o non recollido no presente convenio, estarase ó que determine a Ordenanza Laboral do Transporte por Estrada, na medida en que non contradiga a Lexislación Laboral vixente, en tanto en canto non se aprobe acordo marco estatal sobre a materia.

Artigo 15. Condición máis beneficiosa.-Respectaranse as situacións persoais que en cómputo anual excedan destas normas. Toda vez que as melloras que se implantan en virtude deste convenio teñen carácter de mínimas estimadas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito implantadas polas empresas que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 16. Antigüidade.-Para todo o persoal afectado polo presente convenio, establécense as percepcións que seguidamente se relacionan polo concepto de antigüidade con carácter de máximas:

-2 anos, 1.500 ptas. mensuais.

-4 anos, 3.000 ptas. mensuais.

-9 anos, 6.000 ptas. mensuais.

-14 anos, 9.000 ptas. mensuais.

-19 anos, 12.000 ptas. mensuais.

-24 anos, 15.000 ptas. mensuais.

-29 anos, 18.000 ptas. mensuais.

O disposto anteriormente enténdese sen prexuízo dos dereitos adquiridos respecto a cantidades xa con

solidadas e que veñen percibindo actualmente os traballadores.

Artigo 17. Permiso de conducir.-Os conductores ós que, como consecuencia de conducir un vehículo da empresa, por orde e conta da mesma, se lles retire o seu permiso de conducción por tempo non superior a 6 meses, serán acoplados este tempo a outro traballo, aínda que sexa de categoría profesional inferior, nalgún dos servicios de que dispoña a empresa, e seguirá percibindo o salario correspondente á súa categoría.

O disposto no presente artigo non será de aplicación nos casos de reincidencia dentro da vixencia do convenio, quedando excluídos deste beneficio os conductores que se viran privados do permiso de conducir a consecuencia do consumo de drogas ou de inxestión de bebidas alcohólicas en cantidade superior á permitida pola lei.

Artigo 18. Incapacidade laboral transitoria derivada de accidente de traballo e ILT con hospitalización.- Para tal suposto, as empresas completarán a prestación económica da Seguridade Social ata o 100% do salario regulador.

Igualmente, a empresa satisfará o 100% do salario en caso de ILT que motive hospitalización e polo período de duración da mesma. Cando, a xuízo da empresa, existan indicios razoables para presumir algunha irregularidade, poderá requiri-lo traballador para que se someta a recoñecemento do facultativo que a empresa designe, sendo a cargo desta os gastos que se orixinen por tal motivo.

Artigo 19. Plus de convenio.-Establécese para todo o persoal un plus de 10.000 ptas. mensuais, cotizable á Seguridade-Social.

Artigo 20. Atrasos de convenio.-Os atrasos que resulten da aplicación do presente convenio faranse efectivos ós traballadores durante os trinta días seguintes ó da sinatura deste convenio.

Artigo 21. Revisión salarial.-No suposto de que o IPC o 31 de decembro de 1994 se incremente, en relación ó 31 de decembro de 1993, nunha porcentaxe superior ó 3,75%, efectuarase unha revisión de tódolos conceptos do convenio nunha porcentaxe equivalente ó que exceda da indicada cifra, sen efectos retroactivos, engadíndose, unicamente, á masa salarial para calcula-lo incremento dos anos seguintes.

Artigo 22. Pagas extraordinarias.-As pagas extras serán tres: Nadal, xullo e beneficios, pagadoira esta última no mes de marzo. O importe das ditas pagas será, cada unha delas, igual ó salario base de 30 días establecido no convenio máis antigüidade.

Artigo 23. Dereitos sindicais.-As empresas poderán deducir, a través das nóminas, as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais que corresponda. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa. Os importes retidos serán entregados á persoa ou entidade que designe a central sindical correspondente.

Artigo 24. Garantías sindicais.-Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá

ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte, se é o caso, ó do remate do seu mandato, salvo que este se produza por revogación ou demisión, e sempre que o despedimento ou sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación.

Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedeceran a outra causa, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou delegado sindical, no suposto de que estea recoñecido como tal na empresa.

Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicando todo iso previamente á empresa, exercendo tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determine.

Sen supera-lo máximo legal, poderán ser consumidas horas retribuídas de que dispoñen os membros de comités de empresa ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia a cursos de formación organizados polos sindicatos.

Artigo 25. Complemento persoal de idiomas.-Para todo aquel persoal incluído no ámbito deste convenio que para o desempeño do seu traballo faga uso dalgún idioma estranxeiro, establécese un complemento persoal de 11.000 ptas. mensuais para cada idioma utilizado.

Para o recoñecemento do dito complemento requirirase o uso utilitario do idioma cun nivel adecuado para o entendemento básico nun nivel de conversación comercial.

Para a determinación da aptitude necesaria e do dereito á percepción do dito complemento polos traballadores afectados, a comisión mixta paritaria do convenio establecerá anualmente un mínimo dunha convocatoria de probas que se levará adiante coa concorrencia de técnicos titulados nos idiomas correspondentes, que serán os que determinarán o contido das probas a efectuar e valorarán as condicións dos concorrentes ás probas, sen menoscabo da súa ratificación polos representantes que integran a comisión mixta paritaria do convenio.

Artigo 26. Créase a categoría profesional de conductor-gruísta de entrada, á que poderán acollerse aquelas contratacións que se efectúen a partir do 1 de xaneiro de 1995. As funcións serán as mesmas do actual conductor-gruísta, se ben o salario é o que figura na táboa salarial anexa para esta nova categoría profesional.

Artigo 27. Formación profesional.-As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria

provincial sectorial de formación profesional, integrada por 1 representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes das asociacións provinciais de empresarios de transportes de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión como interlocutor social sectorial, que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afecten o sector de transportes, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como nos que poidan programar en adiante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación da mesma, tanto ocupacional como regulamentada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do Mercado Único.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Disposición adicional

Con independencia das retribucións sinaladas no articulado e táboas salariais do convenio, establécese un salario mínimo garantido sectorial de 79.000 ptas. mensuais con independencia da categoría profesional de que se trate.