Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 27 de febreiro de 1995 Páx. 1.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 9 de febreiro de 1995 pola que se regula a concesión de axudas para o ano 1995 ás embarcacións, ás súas tripulacións e ós submarinistas pola súa participación en tarefas de auxilio, rescate e salvamento de persoas e embarcacións en perigo.

O espírito solidario que anima as xentes do mar fainas ser colaboradoras entusiastas nas tarefas de busca e salvamento de persoas e embarcacións desaparecidas no mar ou en perigo de naufraxio.

Esta colaboración é sempre onerosa para homes e embarcacións, non só polos gastos orixinados na busca, senón tamén pola perda de días de traballo, razón pola que se fai necesario contribuír a sufraga-los ditos gastos con cargo a créditos públicos.

Tendo en conta todo o anterior, esta consellería considera que se debe tratar tanto os gastos realizados como o lucro cesante dos participantes no auxilio, rescate ou salvamento de persoas e embarcacións en perigo.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Acción e obxecto da axuda.

A participación no ano 1995 en tarefas de busca, auxilio, rescate ou salvamento no mar, poderán ser obxecto de axudas para palia-los gastos realizados, nas condicións que se establecen na presente orde, e con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.612.B.470.00, de indemnizacións por participación en tarefas de rescate dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Para ser acredor destas axudas será requisito imprescindible que as tarefas de rescate se realicen baixo a dirección da autoridade da Comunidade Autónoma ou da Administración do Estado.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser destinatarios destas axudas tódalas embarcacións da flota pesqueira de baixura e auxiliares da acuicultura, incluídas no censo de buques de Galicia, as súas tripulacións e os submarinistas.

Os tripulantes e os submarinistas con dereito a axudas, deberán estar enrolados na embarcación que participe no rescate, ou ben estar expresamente autorizados para saír nela, pola autoridade encargada do despacho de buques.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

As axudas que se establecen terán os límites seguintes:

a) Para as embarcacións: 2.000 pesetas por T.R.B. e día de participación.

b) Para as tripulacións serán de 4.000 pesetas por mariñeiro e día, podendo acada-las 6.000 pesetas diarias para o patrón e o motorista.

c) Para os submarinistas 6.000 pesetas por día.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, presentaranse

nas delegacións territoriais e comarcais da consellería, no modelo que como anexo se publica coa presente orde, de forma conxunta para a embarcación e os tripulantes, asinadas polo armador e o patrón dela, e na que conste a relación nominal da tripulación co seu DNI, xunto coa certificación da autoridade de mariña na que conste, ademais dos datos da embarcación e armador, os días de participación nas tarefas de auxilio e a relación de tripulantes que participen nelas.

No caso de submarinistas presentarase solicitude individual coa fotocopia do DNI e certificación da autoridade autonómica ou estatal que dirixiu as tarefas de rescate coa expresión dos días de participación.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1995.

Artigo 6º.-Procedemento.

1.-Se unha vez presentada a documentación á que se refire o artigo 4º da presente orde, esta non reúne os requisitos esixidos, as delegacións territoriais requerirán do interesado a emenda do defecto de forma ou a presentación da documentación preceptiva.

A documentación que reúna os requisitos establecidos remitiranos as delegacións territoriais á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras que elevará proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa resolución, quen resolverá motivadamente. Tal resolución porá fin á vía administrativa.

2.-A non resolución expresa no prazo de tres meses a contar desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes determinará a súa denegación presunta, quedando expedita á vía contencioso administrativa.

Artigo 7º.-Percepción da axuda.

A axuda total correspondente, tanto da embarcación como dos seus tripulantes, así como a dos submarinistas, será transferida á conta que sinala o armador ou solicitante, para o que deberá incluírse certificación da entidade bancaria, xunto con fotocopia do DNI e NIF.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das axudas terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes formuladas o ámparo da Orde do 17 de febreiro de 1994 pola que se regulaba a concesión de axudas ás embarcacións, ás súas tripulacións e ós submarinistas pola súa participación en tarefas de auxilio, rescate e salvamento de persoas e embarcacións en perigo, ás que non lle foi concedida a subvención peticionada por falta de crédito poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga constar o interesado.

Segunda.-Aquelas accións que, debido ás circunstancias, tivesen que levarse a cabo fóra dos plazos

estipulados pola devandita orde tamén poderán ser tidas en conta con cargo á presente convocatoria logo de petición do interesado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para dicta-las normas que cumpran para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura