Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 27 de febreiro de 1995 Páx. 1.567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de febreiro de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas correspondentes a promoción xeral do coñecemento.

A coordinación do sistema universitario e a coordinación dos recursos de investigación son dous grandes obxectivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que se están a concretar en diversas accións.

Estas metas da política universitaria e científica teñen realización concreta, porque están sustentadas por un plan de financiamento do sistema que encerra unha filosofía específica para os investimentos, a creación de servicios, a investigación e a docencia.

O Plan de Financiamento, o seu cumprimento e a súa actualización están permitindo un crecemento sostido nas accións de apoio e fomento da investigación. Este crecemento é de especial relevancia no caso de accións, para a comunidade universitaria de Galicia e para os investigadores en xeral porque estes grupos xogan un papel importante no desenvolvemento tecnolóxico e na creación e difusión de productos innovadores e de nova tecnoloxía.

A experiencia das convocatorias de anos anteriores, as suxerencias feitas polas universidades e outros organismos de investigación e moi especialmente a valoración que fixo das convocatorias a Comisión de Selección de Política Científica, contribuíron á introducción de modificacións en aspectos concretos nalgunha das accións que se van financiar. Concretamente, desde a perspectiva da súa estructura, as accións convocadas responden ó principio de complementariedade, porque estas accións non só veñen complementa-lo espectro de accións que cobren outras institucións senón que tamén veñen complementa-lo número de axudas que se conceden para Galicia. O principio de complementariedade quere dicir, polo tanto, máis financiamento para cada acción e máis accións financiadas.

Este principio supón un uso coordinado dos recursos, de xeito tal que as universidades e os centros de investigación poderán financiar aquela parte de proxectos e solicitudes que, sendo cualitativamente viables quedan sen financiamento externo por límites de orzamento.

Faise así mesmo necesario establecer un mecanismo de homoxeneidade nos formatos de solicitudes para que, coas mínimas modificacións, as mesmas peticións poidan concorrer ás convocatorias internacionais, estatais ou galegas e así mesmo se adapten ás esixencias do sistema de xestión de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Tanto os obxectivos comentados como as modificacións introducidas están orientadas nas accións

deste ano a mellora-la contribución ó desenvolvemento de Galicia desde a política científica.

Polo que antecede esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convócanse as bolsas e axudas que a continuación se indican para apoio e fomento da investigación e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1.-Axudas para a realización de proxectos de investigación (novos equipos e equipos consolidados. Anexo I).

2.-Axudas para equipamento de infraestructura de investigación e bibliotecaria. (Anexo II).

3.-Bolsas para persoal auxiliar de investigación (técnicos especialistas de FP-2. Anexo III).

Artigo 2º.-Para a concesión das axudas convocadas nos anexos I e II da presente orde destinarase unha cantidade total de 1.540.000.000 de pts. dos que 1.340 millóns se imputan á aplicación orzamentaria 07.05.431A.740.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 e os 200 millóns restantes imputaranse á mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 1996. Para as bolsas convocadas no anexo III destinaranse 82.000.000 de pts. con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.431A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1995. Non embargante as cantidades antes citadas poderanse incrementar ata un máximo dun 20% en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá facer pública unha nova convocatoria, en iguais ou diferentes termos, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubran a totalidade do crédíto orzado.

Artigo 3º.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2 da Lei 30/92, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 12 meses, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Universidades e Investigación

ANEXO I

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN

DE PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN

Estas axudas teñen unha dobre finalidade:

1.-Fomenta-la creación de novos equipos de investigación con vistas a conseguir:

a) A diversificación e o incremento do persoal investigador da Comunidade Autónoma.

b) Darlle pulo á súa competitividade para que poidan participar en convocatorias de ámbito nacional e internacional.

2.-Prestarlles apoio a aqueles equipos de investigación xa consolidados no desenvolvemento das súas liñas de investigación que sexan de interese, tanto no ámbito da investigación científica básica e aplicada como no ámbito da investigación tecnolóxica e que contribúan ó desenvolvemento industrial e productivo de Galicia.

1.-Modalidades.

Convócanse dous tipos de axudas:

-Modalidade A: axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de novos equipos de investigación (equipos de iniciación á investigación).

-Modalidade B: axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de equipos consolidados.

2.-Duración e contía máxima da axuda.

Estas axudas concédense para a realización dun proxecto de investigación por un período máximo de 2 anualidades e, en todo caso, o proxecto deberá estar rematado antes do 1 de decembro de 1996. A contía das axudas durante o citado período, agás circunstancias excepcionais que o aconsellen, non superará os límites seguintes:

-Modalidade A: máximo 4.000.000 de pts.

-Modalidade B: máximo 10.000.000 de pts.

3.-Solicitudes.

As axudas poderán ser solicitadas polo persoal docente e investigador das universidades de Galicia ou por outros investigadores do cadro de persoal de centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, sempre que se atopen en situación administrativa de servicio activo en algunha das universidades do sistema universitario de Galicia ou nun centro público de investigación radicado na Comunidade Autónoma.

Non poderán participar nesta convocatoria aqueles investigadores que figuran en proxectos de 2 anos de duración, financiados por esta Consellería na convocatoria do ano 1994 (Orde do 30 de decembro de 1994, DOG do 12 de xaneiro de 1995).

Un mesmo investigador só poderá optar por unha das dúas modalidades como investigador principal.

3.1.-Requisitos para as axudas da modalidade de tipo A.

a) O equipo estará formado por un mínimo de 3 investigadores (incluído o investigador principal). Ó modelo de solicitude xuntarase fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

b) O investigador principal do proxecto terá que ser doutor. Os restantes investigadores deberán estar en posesión do título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto por unha facultade ou escola técnica superior e deberán ter acadada a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios posgraduados, ou, no seu defecto, deberán estar matriculados nos estudios de terceiro ciclo.

Tódolos membros do equipo, incluído o investigador principal, deberán dedicar, cada un deles, un mínimo de 25 horas semanais ó proxecto e ningún deles poderá estar ostentando cargos unipersoais que leven asociada reducción na dedicación docente ou investigadora.

c) Non poderán participar nesta modalidade como investigadores aqueles que formaran parte de equipos que teñan recibido dúas ou máis axudas deste tipo en convocatorias anteriores. Este aspecto farao constar cada un dos membros do equipo, utilizando o modelo de declaración xurada que se inclúe na páxina 3 do documento número 1 do modelo 1 de solicitude.

d) Xuntarase declaración de todo o financiamento vixente do que dispón cada un dos membros do equipo investigador, segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento número 1 do modelo 1 de solicitude.

3.2.-Requisitos para as axudas da modalidade de tipo B.

a) O equipo deberá estar formado polo menos por dous doutores. O equivalente xornada completa (EXC) do proxecto non poderá ter valor inferior a 2,5. Xuntarase, ó modelo de solicitude, fotocopia do DNI de cada un dos investigadores.

b) Para o investigador principal e para cada un dos compoñentes do equipo requírese unha dedicación mínima de 16 horas semanais.

c) Nesta convocatoria cada investigador só poderá participar nun proxecto desta modalidade.

d) Xuntar declaración de todo o financiamento vixente de que dispón cada un dos membros do grupo investigador segundo o modelo que se inclúe na páxina 4 do documento nº 1 do modelo 1 de solicitude.

3.3.-As solicitudes, no modelo oficial nº 1 (do que a carátula externa se publica como anexo V á presente orde e a disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse por triplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992. Este modelo número 1 consta de 3 documentos:

-Documento nº 1: datos xerais do proxecto e do equipo investigador.

-Documento nº 2: memoria do proxecto de investigación.

-Documento nº 3: currículum vitae. Especialmente, na páxina 2º indicaranse as publicacións resultantes de proxectos financiados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desde o ano 1990. No caso de que esta páxina non se cubra entenderase que non se dispón de ningunha publicación destas características.

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector, director do centro de investigación, etc.).

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de abril de 1995.

As axudas solicitadas deberanse referir a algún dos seguintes conceptos:

-Material inventariable.

-Material funxible.

-Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

-Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

4.-Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas será realizada por expertos. Efectuada a valoración a Comisión de Selección de Política Científica, procederá a selecciona-los beneficiarios das axudas e elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Non axustarse ós termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de destimación da solicitude presentada.

Na selección dos beneficiarios, a Comisión de Selección de Política Científica considerará como áreas de especial interese as de dereito, económicas e empresariais e as técnicas. Así mesmo, a comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas peticións que se propoñan ó amparo dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia e un centro de Investigación no exterior. Ademais teranse en conta, entre outros criterios, os seguintes:

PARA A MODALIDADE A:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) Daráselles prioridade a aqueles proxectos que supoñan unha relación cos proxectos de investigación dos equipos tipo B.

PARA A MODALIDADE B:

a) A valoración realizada polos expertos.

b) Daráselles prioridade a aqueles proxectos de investigación que supoñan o traballo conxunto entre equipos de investigadores de tipo B.

c) Daráselles prioridade a aqueles proxectos de investigación que, sendo presentados ás convocatorias de ámbito estatal, obtendo avaliación positiva, non acadaron financiamento.

5.-Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

6.-Seguimento do proxecto.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. Antes do 31 de marzo de 1997, o investigador principal presentará o informe final, máximo 3 folios, a través

do Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A non presentación do dito informe poderá condiciona-la concesión de futuras axudas.

Os traballos e mailos resultados obtidos serán propiedade dos seus autores; no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e deberán enviar a través do Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria 1 exemplar das correspondentes publicacións.

7.-Incidencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases da presente convocatoria poderá dar lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas de conformidade co disposto no artigo 78.5 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

ANEXO II

AXUDAS PARA EQUIPAMENTO

DE INFRAESTRUCTURA DE

INVESTIGACIÓN E BIBLIOTECARIA

A finalidade destas axudas é mellora-lo equipamento científico dos centros de investigación e a adquisición de fondos bibliográficos ou documentais.

As peticións deberanse referir necesariamente a algún dos apartados seguintes:

1. Adquisición e instalación de instrumentación científica en xeral (material inventariable), imprescindible para o desenvolvemento das investigacións en curso ou, de se-lo caso, de material complementario de equipamento científico xa existente.

2. Adquisición de fondos e material bibliográfico ou documental, para investigación.

1.-INSTRUMENTACIÓN CIENTÍFICA

1.1. Solicitudes.

Establécense dúas modalidades de solicitudes:

Modalidade A: Solicitudes presentadas institucionalmente polas universidades do sistema universi

tario de Galicia e relativas a servicios xerais das mesmas así como solicitudes presentadas polos servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia.

Modalidade B: Solicitudes de institutos universitarios, departamentos universitarios e grupos de investigación da Comunidade Autónoma.

Modalidade A.

As axudas, no modelo oficial que se publica como anexo VI á presente orde, poderán ser solicitadas, unicamente, polas universidades de Galicia e polos responsables dos servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia.

As solicitudes acompañaranse da seguinte documentación:

-Material solicitado e descrición pormenorizada del (folletos descritivos), con indicación do servicio xeral ó que se destinará.

-Relación do material de que dispón o servicio xeral correspondente con indicación de: data de adquisición, entidade financiadora e custo.

-Relación do persoal destinado de forma permanente no servicio xeral.

-Fotocopia do libro de usuarios do servicio durante o ano 1994.

Cada universidade ou servicio de apoio ó sistema universitario de Galicia presentará unha única solicitude que poderá referirse a un ou varios servicios xerais da mesma (neste caso a documentación sinalada no parágrafo anterior entenderase referida de forma individual a cada servicio) e a contía global dela non poderá ser inferior a 15 millóns de pesetas nin superior a 45 millóns. En todo caso, ningún dos instrumentos solicitados será de contía inferior a 5 millóns.

Modalidade B.

As axudas, no modelo oficial nº 3 (do que a carátula externa se publica como anexo VII á presente orde e a disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), poderán ser solicitadas polos institutos universitarios, departamentos universitarios e grupos de investigación da Comunidade Autónoma (máximo 4). Non poderán participar na composición dos grupos solicitantes aqueles investigadores que asinaron solicitudes de instrumentación científica que foron financiadas na convocatoria do ano 1994 (orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 30 de novembro de 1994, DOG do 9 de decembro).

Os impresos de solicitude deberán incluí-la seguinte documentación:

a) Descrición do material que se solicita e xustificación da súa necesidade.

b) Relación do/dos grupo/s de investigación que usarán ordinariamente o material solicitado. Poderá participar como máximo 4 grupos en cada solicitude. Considérase a composición dos grupos pechada de modo que ningún membro del poderá figurar incluído noutro grupo. Ademais, cada grupo poderá participar, soamente, nunha solicitude.

c) Relación das 5 publicacións máis salientables, dos 3 últimos anos, de cada un dos grupos solicitantes. Documentarase mediante fotocopia da primeira páxina da publicación ou daquela na que figuren os datos salientables dela (autor/es, título, editorial, revista, etc.)

d) Deberán presentar 3 orzamentos de instrumentos ou equipos equivalentes mediante as correspondentes facturas pro forma.

Calquera solicitude deberá ser presentada a través do organismo que posúa personalidade xurídica propia, co visto e prace do seu representante legal (rector, director de instituto, etc.)

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante da recepción.

2.-FONDOS BIBLIOGRÁFICOS OU DOCUMENTAIS PARA INVESTIGACIÓN

2.1. Solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo VI á presente orde, terán carácter institucional e serán presentadas unicamente polo responsable dos fondos bibliográficos ou documentais da correspondente institución. Acompañaranse da seguinte documentación:

-Relación de fondos solicitados, con indicación do lugar onde serán situados.

-Factura pro forma.

3.-Formalización das solicitudes.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes remata o día 24 de abril de 1995.

4.-Resolución

A selección dos beneficiarios das axudas será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica, que lle elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

A Comisión poderá solicitar calquera información de expertos, establecendo os contactos necesarios que conduzan a unha acertada distribución dos fondos dedicados a esta convocatoria. A avaliación será efectuada atendendo:

a) O cofinanciamento, externo ó solicitante, que se aporta para a adquisición do material solicitado.

b) A incidencia que na investigación e desenvolvemento científico e técnico de Galicia pode te-la dispoñibilidade do material de que se trate.

c) A que a súa adquisición non supoña duplicidade inxustificada con relación ós medios xa existentes no centro onde se situará o equipo.

d) As publicacións efectuadas nos 3 últimos anos polos integrantes de cada grupo solicitante.

e) Daráselles prioridade a aquelas peticións que sendo presentadas ás convocatorias de ámbito nacional, obtendo avaliación positiva, non acadasen financiamento.

4.-Libramento da subvención.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o centro solicitante ou o equipo investigador, de acordo coa normativa vixente.

5.-Obrigas.

Os beneficiarios das axudas para equipamento de infraestructura de investigación estarán obrigados a:

5.1.-Xustificar antes do 30 de novembro de 1995, mediante a correspondente factura, a adquisición do material financiado. Así mesmo, cando polo pago doutras subvencións quedara cuberto o importe parcial ou total do gasto que supón o material, estarán obrigados a devolve-lo resto ou o total, respectivamente, da axuda concedida.

5.2.-Facer constar nas memorias anuais que se redacten, así como nos traballos realizados co material subvencionado, o patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

O material adquirido mediante esta convocatoria será propiedade da universidade ou do centro de investigación correspondente e deberá ser incluído no inventario xeral deste, facendo constar nel, en canto á súa adquisición, «Fomento da investigación, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Xunta de Galicia, ano 1995».

ANEXO III

BOLSAS PARA PERSOAL AUXILIAR

DE INVESTIGACIÓN

(TÉCNICOS ESPECIALISTAS DE FP-2)

Estas axudas teñen dous obxectivos básicos:

1.-Apoio ó desenvolvemento dos programas de investigación dos departamentos e institutos das universidades de Galicia ou dos centros públicos de

investigación radicados na Comunidade Autónoma, facilitándolle-la posibilidade de colaboración de técnicos especialistas de FP-2.

2.-Completa-la formación do persoal investigador no estamento de persoal auxiliar, garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación.

De todo este proceso non só se desprende unha axuda directa ás universidades e ós demais centros de investigación radicados en Galicia senón que se está a contribuír ó desenvolvemento da productividade en Galicia na mesma medida que o persoal seleccionado nesta convocatoria adquire un tipo de experiencia que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida activa e empresarial.

A.-Convocatoria do concurso para a selección dos centros habilitados.

1.-Solicitantes.

Poderán optar a estas axudas os equipos de investigación dos departamentos, institutos e dos centros públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma, sempre que teñan proxectos ou contratos de investigación vixentes financiados con fondos europeos, outros fondos internacionais, estatais ou de entidades públicas ou privadas da Comunidade Autónoma.

2.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial número 7 (que se publica como anexo VIII á presente orde e a disposición dos centros interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Nas mesmas indicarase:

2.1. Composición do equipo

2.2. Especialidade/s requirida/s ós titulados que estean dispostos a incorporar ás tarefas do centro. A relación de especialidades que poden ser tomadas en consideración figuran no anexo IV desta convocatoria.

2.3. Plan de traballo que lle sería asignado ó técnico especialista, facendo especial mención das accións específicas de formación a levar a cabo (técnicas concretas nas que se vai adquirir experiencia e, se é posible e de interese para o traballo nese centro, seminarios e cursos de perfeccionamento, na súa especialización, que hai que seguir durante o período de desfrute da bolsa).

2.4. Certificación segundo o modelo incluído no impreso de solicitude, expedida polos servicios de contabilidade do correspondente organismo, na que

conste o financiamento vixente de que dispón o equipo, á que se fixo referencia no punto 1. Non será tido en conta aquel financiamento alegado que non estea convenientemente xustificado.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 17 de abril de 1995.

3.-Tramitación

Por parte dos servicios da Dirección Xeral de Universidades e Investigación comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol e Ourense e na vicexerencia do campus de Lugo. Esta lista estará exposta desde o 15 ó 26 de maio de 1995, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades e Investigación, aportando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase ó

arquivo do expediente sen mais trámite.

4.-Selección de centros habilitados.

A selección de centros habilitados será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica que lle elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia

A selección de centros habilitados farase priorizando as solicitudes en función das fontes de financiamento, segundo a seguinte orde:

1º) Recursos procedentes da Unión Europea.

2º) Recursos procedentes doutros organismos internacionais.

3º) Recursos procedentes de fondos estatais.

4º) Recursos procedentes de entidades públicas ou privadas da Comunidade Autónoma.

5.-Adscrición de bolseiros.

A adscrición de bolseiros ós centros habilitados realizarase de acordo co procedemento establecido no punto B.6 das presentes bases.

B.-Convocatoria do concurso para a selección de novos bolseiros.

1.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás bolsas convocadas os titulados de formación profesional de segundo grao (ou de estudios equivalentes) que cursaron os seus estudios nalgún dos centros públicos ou privados situados

na Comunidade Autónoma, que non teñan aínda os 25 anos de idade na data de remate desta convocatoria e que teñan como especialidade algunha das que figuren na resolución dictada pola Dirección Xeral de Universidades e Investigación con ocasión da resolución do apartado A deste anexo III, sempre que en anteriores convocatorias, non desfrutasen dunha destas bolsas, durante un período de máis de un ano.

2.-Contía das bolsas.

-O importe das bolsas incluirá unha axuda de 840.000 pts. anuais que se destinará ó pagamento dunha bolsa de 70.000 pts. mensuais brutas ó candidato seleccionado.

-Seguro combinado de accidentes que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberá subscribir en beneficio do bolseiro polo período de duración da bolsa.

3.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial número 8 (que se publica como anexo IX á presente orde e a disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/92.

A elas xuntaráselles:

-Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados, incluíndo certificado de estudios que especifique as cualificacións obtidas durante os cursos do segundo grao de formación profesional (ou estudios equivalentes).

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

4.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes establecerase na resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación pola que se aprobe a relación de centros habilitados.

5.-Tramitación.

Por parte dos servicios da Dirección Xeral de Universidades e Investigación comprobarase que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos dos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos dos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol e Ourense e na vicexerencia do campus de Lugo a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión podendo os interesados formular reclamación para emendar erros e faltas de

documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades e Investigación, aportando, se é o caso, a documentación necesaria. O prazo de exposición das listas e de reclamacións establecerase na resolución da Dirección Xeral de Universidades e Investigación pola que se aprobe a relación de centros habilitados. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

6.-Valoración, resolución do concurso e adscrición dos bolseiros ós centros habilitados.

A valoración das solicitudes presentadas, de acordo cos méritos alegados polos aspirantes, será efectuada pola Comisión de Selección de Política Científica. No proceso de valoración poderase requiri-la participación dos coordinadores de formación profesional das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Criterios de valoración:

-Expediente académico, ata 4 puntos. Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente do alumno como validadas.

-En caso de empate valoraranse outros méritos alegados e documentados polos solicitantes xunto coa súa solicitude.

A selección de bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Política Científica, que lle elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e deberá relaciona-los candidatos seleccionados por orde de maior a menor puntuación, dentro dos que posúan a mesma especialidade.

Conforme os mesmos criterios elaborarase, por especialidades, unha lista de suplentes para o caso de posibles renuncias.

Dentro dos 40 días seguintes ó da publicación da referida resolución no Diario Oficial de Galicia, a Dirección Xeral de Universidades e Investigación procederá á adscrición dos bolseiros seleccionados ós centros habilitados. A adscrición realizarase ofertándolles ós bolseiros, por especialidades e atendendo á orde de puntuación que obtiveran, tódolos centros que foron habilitados, de acordo co apartado A.4, de modo que eles mesmos elixan o centro que máis lles conveña. Só se poderá adscribir un bolseiro por cada equipo de investigación. Previamente á elección proporcionaráselles ós bolseiros toda a información relativa ás actividades que se van realizar nos diferentes centros habilitados tendo en conta o sinalado polos solicitantes no documento ó que se refire o punto A.2.3.

7.-Formalización da adscrición.

A adscrición proposta producirá efectos desde o momento en que as partes interesadas asinen un

documento de aceptación no que se especifique o tipo e mailas condicións da tarefa encomendada ó bolseiro e o compromiso de levala a cabo nos termos establecidos.

A negativa inxustificada, a xuízo da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, a formaliza-lo documento de aceptación dará lugar á exclusión do centro habilitado ou á cancelación da bolsa, segundo os casos.

8-Dedicación.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. O desfrute da bolsa será incompatible con calquera clase de traballo remunerado.

9.-Seguimento.

A Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá solicitar información, tanto do bolseiro como do centro habilitado ó que figura adscrito, sobre o desenvolvemento das actividades daquel. No caso de que o centro habilitado utilice o bolseiro para actividades diferentes das propostas no punto 2.3 do apartado A e no documento de aceptación o que se fixo referencia no punto 7 deste apartado B, a dirección xeral poderá proceder a revoga-la habilitación concedida ó centro. Ó remate do período de desfrute da bolsa o bolseiro terá dereito a que o director do centro habilitado lle expida un informe detallado sobre a actividade que desenvolveu e o grao de aproveitamento obtido.

10.-Incidencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.

No caso de que durante o período de desfrute da bolsa se producise algunha circunstancia que motivase a interrupción da colaboración do bolseiro, informarase inmediatamente á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para a adopción das medidas oportunas. Neste caso a Dirección Xeral de Universidades e Investigación poderá propoñe-la adxudicación da bolsa a outros candidatos da mesma especialidade, tendo en conta a lista de suplentes que elabore a Comisión de Selección de Política Científica.

O novo bolseiro será adscrito ó mesmo centro no que se produciu a renuncia.

C.-Convocatoria de prórroga das bolsas concedidas como consecuencia da resolución do anexo III.B da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 2 de agosto de 1994 (DOG do 10 de agosto).

1.-Solicitantes.

Os bolseiros seleccionados como consecuencia da resolución do anexo III.B da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 2 de agosto de 1994 (DOG do 10 de agosto) poderán soli

citar unha prórroga da axuda que desfrutan, durante outro período de un ano, quedando adscritos ó mesmo centro.

2.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial nº 9 (que se publica como anexo X á presente orde e a disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e Investigación e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia), presentaranse no Rexistro Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Nel faranse consta-las razóns xustificativas da prórroga solicitada, así como a relación detallada das actividades realizadas polo bolseiro no curso 94-95 e plan de traballo segundo o sinalado no punto 2.3 do apartado A.

As solicitudes acompañaranse da correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta, para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio de 1995.

3. Resolución.

A valoración das solicitudes presentadas será efectuada pola Comisión de Selección de Política Científica, que elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4. Outras condicións.

Análogas ás indicadas nos puntos 2, 7, 8, 9 e 10 do apartado B.