Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 1995 Páx. 1.549

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN MUNICIPAL DE CULTURA DO CONCELLO DE OLEIROS

BASES para a provisión, mediante contratación laboral indefinida, dunha praza de auxiliar administrativo.

1. Obxecto da convocatoria.-É obxecto desta convocatoria a selección, mediante o sistema de concurso-oposición, do persoal necesario para prover unha praza de auxiliar administrativo para o Centro Municipal de Formación mediante contrato laboral fixo, vacante no cadro de persoal da Fundación

Municipal de Cultura do Concello de Oleiros, de conformidade coa oferta de emprego público para 1994.

A praza está dotada coas retribucións correspondentes ó grupo D, nivel 15, consignadas no orzamento da Fundación Municipal de Cultura para 1994.

2. Requisitos dos aspirantes.- Para poder participar nas probas selectivas será necesario cumpri-los requisitos seguintes na data de expiración do prazo concedido para a presentación de solicitudes:

a) Ser español e maior de idade

b) Estar en posesión do título de graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente

c) Non padecer enfermidade ou eiva física que impida o desenvolvemento das correspondentes funcións.

d) Non estar separado, a través de expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin inhabilitado para o desempeño das funcións públicas por sentencia firme.

e) Non estar incurso en ningún dos supostos de incompatibilidade previstos na lexislación vixente.

3. Solicitudes.-As instancias solicitando tomar parte nestas probas presentaranse no rexistro da Fundación Municipal de Cultura no prazo de quince días naturais desde o seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, e deberán ir dirixidas ó alcalde-presidente. Tamén poderán presentarse por calquera dos medios establecidos no art. 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Á instancia achegarase fotocopia do DNI e o xustificante de ter aboado os dereitos de exame. Así mesmo deberá achegarse a xustificación dos méritos que se aleguen para a fase de concurso.

Os dereitos de exame, por un importe de 1.590 ptas., deberán ser ingresados mediante transferencia á conta 2091.0064.50.3110000101 da Caixa de Aforros de Galicia, oficina de Oleiros, ou ben mediante xiro postal á Fundación Municipal de Cultura, praza de Galicia, 1, 15173 Oleiros. Deberá indicarse en ambos casos «Dereitos de exame. Praza de auxiliar administrativo do C.M.F.»

Cando algún aspirante non sexa admitido ás probas selectivas por carecer dalgún dos requisitos esixidos, devolveráselle o importe ingresado, sempre que o reclame no prazo de un mes desde a publicación da relación de admitidos e excluídos no Boletín Oficial da provincia.

4. Admisión dos aspirantes.-Rematado o prazo de presentación de instancias, a presidencia da Fundación Municipal de Cultura dictará resolución aprobando a lista provisional de admitidos e excluídos, que se fará pública no BOP, concedéndose un prazo de dez días hábiles a efectos de reclamacións. As ditas reclamacións, se as houber, serán estimadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva, que se fará pública no mesmo xeito que a provisional.

5. Reparación de defectos.-Se a solicitude non reunise os requisitos ou faltase a documentación, requirirase o interesado para que no prazo de dez días repare a falta ou presente os documentos, segundo o disposto polo art. 71 da Lei de réxime xurídico antedita.

Os erros materiais ou de feito referidos no artigo 105.2º serán reparados de oficio en calquera momento.

6. Tribunal cualificador.-Estará constituído polos seguintes membros:

-Presidente: o da corporación ou membro desta en quen delegue.

-Secretario: o da Fundación Municipal de Cultura ou funcionario en quen delegue.

-Vocais:

* O concelleiro encargado de persoal ou persoa en quen delegue.

* Un técnico ou experto na designado polo alcalde-presidente.

* Un representante dos traballadores.

O nomeamento dos membros do tribunal deberá incluí-lo dos respectivos suplentes, e farase na mesma resolución na que se aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, entre eles o presidente e o secretario.

7. Lugar, data e hora.-O lugar, data e hora de celebración das probas selectivas sinalaranse na resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos.

No suposto de que por circunstancias excepcionais houbese que modifica-lo lugar, data ou hora do primeiro exercicio, deberá publicarse no taboleiro de anuncios do concello e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

8. Probas selectivas.-O sistema de selección será o de concurso-oposición.

8.1. Comezo e desenvolvemento.-Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza a el, salvo os casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados libremente polo tribunal.

Calquera aspirante poderá esixir que se cumpra o prazo de corenta e oito horas entre un exame e outro. Só no caso de que tódolos opositores estean de acordo poderán celebrarse as probas sen respectar este prazo.

En todo caso, xunto coas cualificacións de cada exercicio, que se farán públicas mediante exposición no taboleiro de edictos do concello, deberá publicarse a data, lugar e hora de celebración do seguinte.

8.2. Fase de concurso.-Valoraranse os seguintes méritos:

-Servicios prestados con anterioridade na Administración: 0,1 puntos por mes traballado, ata un máximo de 3 puntos.

-Servicios prestados en empresas privadas: 0,1 puntos por mes traballado, ata un máximo de 1 punto.

-Curso de iniciación ó galego: 0,5 puntos.

-Curso de perfeccionamento de galego: 0,5 puntos.

-Cursos relacionados co obxecto do posto de traballo:

* entre 20 e 50 horas: 0,1 puntos por curso

* máis de 50 horas: 0,2 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

Os méritos relacionados deberán acreditarse do seguinte xeito:

-Os servicios prestados na Administración: mediante certificación expedida pola autoridade ou funcionario competente.

-Os servicios prestados en empresas privadas: mediante presentación do certificado de empresa ou boletíns de cotización correspondentes.

-Os cursos: mediante certificacións acreditativas da asistencia a eles, expedidas polo órgano competente en cada caso.

8.3. Fase de oposición.-Consistirá na realización de dous exercicios obrigatorios e eliminatorios e unha entrevista persoal.

1º exercicio.-Consistirá en desenvolver por escrito, no tempo máximo de 90 minutos, un tema proposto polo tribunal relacionado coas materias especificadas no anexo I destas bases, sen que teña que axustarse necesariamente a ningún dos epígrafes concretos determinados neste. Este exercicio deberá lerse publicamente perante o tribunal, que poderá formular preguntas ós aspirantes relacionadas co mesmo.

2º exercicio.-Consistirá nunha proba de manexo de tratamento de textos mediante ordenador (Wordperfect, Works), que será determinada polo tribunal e se realizará no tempo que este fixe.

Entrevista persoal.-Versará sobre temas relacionados co currículum persoal dos aspirantes e co posto de traballo en concreto que se vai desempeñar.

8.4. Cualificación das probas.-Cada un dos exercicios valorarase de 0 a 10 puntos, e será preciso obter un mínimo de 5 puntos para poder pasar ó exercicio seguinte.

A entrevista persoal valorarase de 0 a 2 puntos.

A puntuación definitiva dos aspirantes será o resultado de suma-las puntuacións obtidas en cada un dos exercicios na fase de oposición e maila outorgada na fase de concurso.

8.5. Relación de aprobados.-Finalizados tódolos exercicios, o tribunal fará pública a relación definitiva de aprobados. O número de aprobados non poderá ser superior ó número de prazas convocadas. En caso de que ningún dos aspirantes acadase a puntuación esixida, o tribunal poderá declara-la praza deserta.

A relación de aprobados, coa correspondente proposta de nomeamento, elevaranse ó alcalde-presidente para que ordene o nomeamento definitivo.

9. Presentación de documentos e nomeamento. No prazo de vinte días naturais desde que se faga pública a correspondente relación de aprobados, os aspirantes propostos deberán aporta-los documentos acreditativos de reuni-los requisitos esixidos no punto 2 destas bases. Estes documentos serán:

-DNI.

-Certificado do título de graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente.

-Declaración xurada ou promesa de non estar separado a través de expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

-Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou eiva física que o imposibilite para o exercicio das correspondentes funcións.

Os aspirantes aprobados que tivesen a condición de funcionarios estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa acreditados para o seu anterior nomeamento.

Quen non presente tales documentos no prazo sinalado, salvo causa de forza maior debidamente xustificada, decaerá no seu dereito a ser nomeado.

10. Recursos.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven delas e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO I

1.-A Constitución española de 1978. Principios xerais.

2.-Os poderes do Estado. A Coroa. O poder lexislativo. O goberno e administración do Estado.

3.-A organización territorial do Estado. O Estado das autonomías e a súa regulación na Constitución. O Estatuto de autonomía de Galicia.

4.-A Administración pública no ordenamento español. O administrado; colaboración e participación dos cidadáns nas funcións administrativas.

5.-O acto administrativo. Requisitos e eficacia. Os recursos administrativos.

6.-O procedemento administrativo común. Principios e fases. A Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7.-Formas de actuación administrativa. Policía. Fomento. Servicio público.

8.-O dominio público. O patrimonio privado da administración.

9.-A responsabilidade da administración pública.

10.-Administración local. Tipos de entidades locais.

11.-A provincia no réxime local. Organización provincial; competencias.

12.-O concello. O termo municipal. A poboación.

13.-Organización municipal: os órganos de goberno; competencias.

14.-O funcionamento dos órganos colexiados locais.

15.-Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases. Procedementos de elaboración e aprobación.

16.-A función pública local e a súa organización.

17.-A contratación administrativa nas entidades locais. Presupostos do procedemento e preparación do contrato. Sistemas de adxudicación.

18.-Procedemento administrativo local. O rexistro de documentos. Comunicacións e notificacións.

19.-As facendas locais. Recursos dos concellos.

20.-Os orzamentos das entidades locais. Principios e contido. Elaboración.