Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 24 de febreiro de 1995 Páx. 1.546

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN MUNICIPAL DE CULTURA DO CONCELLO DE OLEIROS

BASES para a provisión, mediante contratación laboral indefinida, dunha praza de director do Centro Municipal de Formación.

1. Obxecto da convocatoria.-É obxecto desta convocatoria a selección, mediante o sistema de concurso-oposición, do persoal necesario para prover unha praza de director do Centro Municipal de Formación mediante contrato laboral fixo, vacante no cadro de persoal da Fundación Municipal de Cultura do Concello de Oleiros, de conformidade coa oferta de emprego público para 1994.

A praza está dotada coas retribucións correspondentes ó grupo A, nivel 24, consignadas no orzamento da Fundación Municipal de Cultura para 1994.

2. Requisitos dos aspirantes.-Para poder participar nas probas selectivas será necesario cumpri-los requisitos seguintes na data de expiración do prazo concedido para a presentación de solicitudes:

a) Ser español e maior de idade.

b) Estar en posesión do título de licenciado en pedagoxía, psicoloxía ou ciencias económicas ou empresariais.

c) Non padecer enfermidade ou eiva física que impida o desenvolvemento das correspondentes funcións.

d) Non estar separado, a través de expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin inhabilitado para o desempeño das funcións públicas por sentencia firme.

e) Non estar incurso en ningún dos supostos de incompatibilidade previstos na vixente lexislación.

3. Solicitudes.-As instancias solicitando tomar parte nestas probas presentaranse no rexistro da Fundación Municipal de Cultura no prazo de quince días naturais desde o seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, e deberán ir dirixidas ó alcalde-presidente. Tamén poderán presentarse por calquera dos medios establecidos no art. 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Á instancia achegarase fotocopia do DNI e o xustificante de ter aboado os dereitos de exame. Así mesmo deberá acompañarse a xustificación dos méritos que se aleguen para a fase de concurso.

Os dereitos de exame, por un importe de 2.650 ptas., deberán ser ingresados mediante transferencia á conta 2091.0064.50.3110000101 da Caixa de Aforros de Galicia, oficina de Oleiros, ou ben mediante xiro postal á Fundación Municipal de Cultura, praza de Galicia, 1, 15173 Oleiros. Deberá indicarse en ambos casos «Dereitos de exame. Praza de director do Centro Municipal de Formación».

Cando algún aspirante non sexa admitido ás probas selectivas por carecer dalgún dos requisitos esixidos, devolveráselle o importe ingresado, sempre que o reclame no prazo de un mes desde a publicación da relación de admitidos e excluídos no Boletín Oficial da provincia.

4. Admisión dos aspirantes.-Rematado o prazo de presentación de instancias, a presidencia da Fundación Municipal de Cultura dictará resolución aprobando a lista provisional de admitidos e excluídos, que se fará pública no BOP, concedéndose un prazo de dez días hábiles para efectos de reclamacións. As ditas reclamacións, se as houber, serán estimadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva, que se fará pública no mesmo xeito que a provisional.

5. Reparación de defectos.-Se a solicitude non reunise os requisitos ou faltase a documentación, requirirase o interesado para que no prazo de dez días emende a falta ou presente os documentos, segundo o disposto polo art. 71 da Lei de réxime xurídico antedita.

Os erros materiais ou de feito referidos no artigo 105.2º serán emendados de oficio en calquera momento.

6. Tribunal cualificador.-Estará constituído polos seguintes membros:

-Presidente: o da corporación ou membro desta en quen delegue.

-Secretario: o da Fundación Municipal de Cultura ou funcionario en quen delegue.

-Vocais:

* O concelleiro ponente de persoal ou persoa en quen delegue.

* Un técnico experto na materia designado polo alcalde-presidente

* Un representante dos traballadores.

O nomeamento dos membros do tribunal deberá incluí-lo dos respectivos suplentes, e farase na mesma resolución na que se aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, entre eles o presidente e o secretario.

7. Lugar, data e hora.- O lugar, data e hora de celebración das probas selectivas sinalaranse na resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos.

No suposto de que por circunstancias excepcionais houbese que modifica-lo lugar, data ou hora do primeiro exercicio, deberá publicarse no taboleiro de anuncios do concello e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

8. Probas selectiva-Os sistema de selección será o de concurso-oposición.

8.1. Comezo e desenvolvemento.-Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza a el, salvo os casos de forza maior debidamente xustificados e apreciados libremente polo tribunal.

Calquera aspirante poderá esixir que se cumpra o prazo de corenta e oito horas entre un exame e outro. Só no caso de que tódolos opositores estean de acordo poderán celebrarse as probas sen respectar este prazo.

En todo caso, xunto coas cualificacións de cada exercicio, que se farán públicas mediante exposición no taboleiro de edictos do concello, deberá publicarse a data, lugar e hora de celebración do seguinte.

8.2. Fase de concurso.-Valoraranse os seguintes méritos:

-Servicios prestados con anterioridade na Administración en postos relacionados coa xestión da formación ocupacional: 0,1 puntos por mes traballado, ata un máximo de 3 puntos.

-Experiencia acreditada en materia de emprego e desenvolvemento local: 0,1 puntos por mes, ata un máximo de 2,5 puntos.

-Asistencia a cursos relacionados co posto de traballo:

* cursos de 15 a 30 horas: 0,1 puntos

* cursos de 31 a 100 horas: 0,3 puntos

* cursos de 101 a 300 horas: 0,5 puntos

* cursos de máis de 300 horas: 0,7 puntos ata un máximo de 3 puntos.

-Curso de iniciación ó galego: 0,5 puntos.

-Curso de perfeccionamento de galego: 0,5 puntos.

Os méritos alegados deberán xustificarse do seguinte xeito:

-Os servicios prestados na Administración: mediante certificación expedida pola autoridade ou funcionario competente.

-Os servicios prestados noutro tipo de empresas ou entidades: mediante presentación do certificado de empresa ou boletíns de cotización correspondentes.

-Os cursos: mediante certificacións acreditativas da asistencia a eles, expedidas polo órgano competente en cada caso.

8.3. Fase de oposición.-Consistirá na realización de dous exercicios obrigatorios e eliminatorios e unha entrevista persoal.

1º exercicio.-Consistirá na elaboración e redacción, durante un período máximo de dúas horas, dun plano ou programa de actuación en relación coas materias que constitúen o obxecto do posto de traballo, e a súa exposición pública perante o tribunal, que poderá formular preguntas ós aspirantes referidas ó tema desenvolvido.

2º exercicio.-Consistirá en desenvolver por escrito, no tempo máximo de unha hora, un tema sacado ó azar polo tribunal entre os especificados no anexo I destas bases.

Entrevista persoal.-Versará sobre temas relacionados co currículum persoal dos aspirantes e co posto de traballo en concreto que se vai desempeñar.

8.4. Cualificación das probas.-Cada un dos exercicios valorarase de 0 a 10 puntos, e será preciso obter un mínimo de 5 puntos para poder pasar ó exercicio seguinte.

A entrevista persoal valorarase de 0 a 2 puntos.

A puntuación definitiva dos aspirantes será o resultado de suma-las puntuacións obtidas en cada un dos exercicios na fase de oposición e maila outorgada na fase de concurso.

8.5. Relación de aprobados.-Finalizados tódolos exercicios, o tribunal fará pública a relación definitiva de aprobados. O número de aprobados non poderá ser superior ó número de prazas convocadas. En caso de que ningún dos aspirantes acadase a puntuación esixida, o tribunal poderá declara-la praza deserta.

A relación de aprobados, coa correspondente proposta de nomeamento, elevarase ó alcalde-presidente para que ordene o nomeamento definitivo.

9. Presentación de documentos e nomeamento.-No prazo de vinte días naturais desde que se faga pública a correspondente relación de aprobados, os aspirantes propostos deberán aporta-los documentos acreditativos de reuni-los requisitos esixidos no punto 2 destas bases. Estes documentos serán:

-DNI.

-Certificado do título de licenciado en pedagoxía, psicoloxía ou ciencias económicas ou empresariais.

-Declaración xurada ou promesa de non estar separado a través de expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

-Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade ou eiva física que o imposibilite para o exercicio das correspondentes funcións.

Quen non presente tales documentos no prazo sinalado, salvo causa de forza maior debidamente xustificada, decaerá no seu dereito a ser nomeado.

10. Interpretación e aplicación.-O tribunal queda facultado para adopta-las medidas pertinentes e axeitadas para o mellor cumprimento de tódalas normas desta convocatoria. Así mesmo resolverá as dúbidas que se susciten e salvará as lagoas que se presenten na aplicación destas bases, utilizando como normas integradoras a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da administración do Estado, do 19 de decembro de 1984, e demais normas concordantes de xeral aplicación.

11. Recursos.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven delas e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma previstos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO I

1.-A Constitución española de 1978. Principios xerais. Os poderes do Estado.

2.-A organización territorial do Estado. O estado das autonomías e a súa regulación na Constitución. O Estatuto de autonomía de Galicia.

3.-Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Principios básicos.

4.-O procedemento administrativo. Principios e fases.

5.-Os actos administrativos. Requisitos e eficacia. Nulidade e anulabilidade.

6.-A revisión dos actos en vía administrativa. Os recursos administrativos.

7.-Administración local. Tipos de entidades locais. O concello: elementos e competencias.

8.-Organización municipal: os órganos de goberno; o seu funcionamento.

9.-A contratación administrativa nas entidades locais. Orzamentos do procedemento e preparación do contrato. Sistemas de adxudicación.

10.-A formación ocupacional. Orixes. Evolución e situación actual. A formación ocupacional como instrumento de emprego.

11.-Planificación e programación de formación ocupacional no marco do plan FIP.

12.-Xestión da formación ocupacional. Subvencións, bolsas, seguros de alumnos. Módulos económicos.

13.-Alumnos de cursos de formación ocupacional. Selección. Dereitos e obrigas. Servicios de orientación e inserción profesional.

14.-Traspaso de funcións e servicios de xestión da formación ocupacional á Comunidade Autónoma. Normativa reguladora. Funcións que asume a Xunta de Galicia e funcións que se reserva a Administración do Estado.

15.-Os centros colaboradores. Requisitos. Obrigas. Subvencións e perda da condición de centros colaboradores no marco do plan FIP.

16.-Os centros colaboradores na Xunta de Galicia. Normativa reguladora. Requisitos. Obrigas e perda da condición de centro colaborador.

17.-Liñas de actuación e estímulo á formación ocupacional na Comunidade autónoma de Galicia.

18.-Programas de escolas-taller. Definición. Etapas. Axudas. Duración.

19.-Programa de casas de oficios. Definición. Etapas. Axudas. Duración.

20.-Servicios que presta o INEM a demandantes empresarios. A orientación profesional. A selección e cualificación profesional.

21.-Posibilidades de emprego dos alumnos que finalizan cursos de formación profesional ocupacional. O autoemprego. O traballo por conta allea.

22.-Convenios de colaboración do INEM coa Administración local. Características. Convenios de colaboración do INEM con outros organismos. Obxectivos. Principios informadores.

23.-As iniciativas locais de emprego.

24.-Técnicas de busca de emprego.