Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 1995 Páx. 1.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de febreiro de 1995 pola que se establecen axudas para o ano 1995 para a instalación de equipos de comunicación e salvamento en embarcacións pesqueiras da flota artesanal galega.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co fin de contribuír á seguridade da flota pesqueira, establece a presente liña de axudas que ten por obxecto incentiva-la instalación de equipos de salvamento e comunicación que melloren as condicións de seguridade das embarcacións pesqueiras da flota artesanal con base en Galicia, de acordo coas normas complementarias de seguridade marítima para as embarcacións de pesca. A súa regulación estará contida na presente orde, na que se lles dá un tratamento preferencial ós investimentos destinados á instalación de equipos de comunicación e ós de emisión de radiosinais de emerxencia, coñecidos como radiobalizas de socorro.

Considerando todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1.-Acción obxecto da axuda:

A adquisición de equipos de comunicación, localización e salvamento en embarcacións pesqueiras constitúen o obxecto da axuda, segundo o previsto nesta orde.

Serán consideradas preferentes as accións, enmarcadas dentro das normas complementarias da seguridade, destinadas á compra e instalación de:

-Transmisores de radiosinais de emerxencia (radiobalizas de socorro) con sistema de liberación hidrostática.

-Equipos de radiocomunicación VHF bidireccionais, banda mariña, excluíndo os que incorporen calquera dispositivo de secrofonía.

-Balsas de salvamento homologadas ou aprobadas.

-Aros salvavidas con luz de acendido automático e rabiza de 27,5 metros de lonxitude homologados ou aprobados.

-Chalecos salvavidas homologados ou aprobados.

-Sinais de socorro pirotécnicos (sinais de socorro con paracaídas, bengalas de mar e sinais fumíxeos).

Os investimentos terán que realizarse no exercicio económico de 1995.

As axudas realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.770.00 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1995.

Artigo 2.-Beneficiarios.

Poderán ser destinatarios destas axudas os propietarios ou armadores de embarcacións da terceira lista con base en portos da Comunidade Autónoma galega, dedicados á pesca artesanal, e que estean incluídas no censo de buques de Galicia.

Así mesmo tamén poderán ser destinatarios das axudas os profesionais da pesca, os percebeiros e mariscadores desde embarcacións para a adquisición de elementos persoais de seguridade.

Enténdese por pesca artesanal aquelas embarcacións de pesca de eslora total inferior a 16 metros e cun rexistro inferior a 20 TRB

Artigo 3.-Contía da axuda.

O importe das axudas poderán acada-lo 75% do investimento, sempre tendo en conta a variedade de equipamentos e prezos existentes no mercado, cos seguintes límites:

-Radiobalizas de socorro: 125.000 ptas.

-Equipos de radiocomunicación: 115.000 ptas.

-Balsas de salvamento (dependendo do número de prazas): 375.000 ptas.

-Aros salvavidas: 5.000 ptas.

-Chalecos salvavidas: 14.000 ptas.

-Sinais de socorro pirotécnicos e fumíxeos: 10.000 ptas.

Se o investimento que efectivamente se leve a cabo fose inferior ó previsto na solicitude, reducirase a contía da axuda na mesma proporción. No caso dun aumento do investimento, a axuda concedida permanecerá invariable.

Artigo 4.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda dirixidas ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, no modelo que como anexo I se publica coa presente orde, xunto coa seguinte documentación, en exemplar duplicado:

a) Xustificación suficiente de ser propietario ou armador da embarcación pesqueira (certificación do Rexistro Mercantil ou fotocopia da folla de inscrición marítima debidamente compulsada).

b) Xustificante de ser profesional da pesca (fotocopia da libreta de navegación), ou mariscador desde embarcación ou percebeiro (permiso de explotación en ámbolos casos).

c) Factura pro forma ou orzamento dos equipos que se van instalar, no caso de non ter feito o investimento.

d) No caso de ter realizado o investimento no momento de presenta-la solicitude, xuntarase o xustificante conforme o investimento se realizou no ano 1995 (xuntaranse as facturas que especificarán fabricante, modelo e número de serie dos equipamentos e no caso dos sinais pirotécnicos e fumíxeos lote e data de caducidade).

e) Certificación da entidade bancaria na que conste o código dela, o da sucursal e o número de conta na que o solicitante desexa que se lle transfira o importe da axuda, xunto coa fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

f) Declaración responsable conforme o anexo II de non ter recibido nin solicitado ningunha outra axuda de ningunha Administración pública para o mesmo concepto co compromiso de non facelo.

2.-As delegacións territoriais da consellería comprobarán que á solicitude se xunta a documentación mencionada.

No caso de ter realizado o investimento os servicios técnicos das delegacións ou os funcionarios designados polo delegado correspondente verificarán a instalación dos equipos obxecto da axuda e expedirán o certificado correspondente.

Artigo 5.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós sesenta días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 6.-Procedemento.

1.-Si unha vez presentada a documentación a que se refire o artigo 4 da presente orde, esta non reúne os requisitos esixidos, as delegacións territoriais requirirán do interesado a reparación do defecto de forma ou a presentación da documentación preceptiva. A documentación que reúna os requisitos establecidos seralle remitida polas delegacións territoriais á Dirección Xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras que lle elevará proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura quen resolverá motivadamente. Tal resolución porá fin á vía administrativa.

2.-A non resolución expresa no prazo de tres meses contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes determinará a súa denegación presunta, quedando expedita á vía contencioso-administrativa.

Artigo 7.-Percepción da axuda.

Unha vez resolta a axuda, esta seralle transferida á conta sinalada polo solicitante, logo da comprobación da instalación dos equipos e a xustificación do investimento no caso de non o ter feito con anterioridade tal e como se indica no artigo 4, punto d) desta orde.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das axudas terán que acreditar que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 8.-Inspección e control.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas ás finalidades para as que se concederon. En consecuencia, poderanse facer visitas e inspeccións incluso previamente á concesión das axudas, para comproba-la adecuación á normativa vixente.

Disposición transitoria

As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 17 de febreiro de 1994 pola que se establecían axudas para a instalación de equipos de comunicación e salvamento en embarcacións pesqueiras da flota artesanal galega ás que non lles foi concedida a subvención peticionada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras para dicta-las instruccións que cumpran para o mellor desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura