Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 20 de febreiro de 1995 Páx. 1.426

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO CATRO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (503/1992).

Rosa del Carmen Collazo Lugo, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número catro de Santiago de Compostela e o seu partido xudicial, fai saber que neste xulgado se seguen autos de xuízo declarativo ordinario de menor contía co número 503/1992 por instancia de José Manuel Servia Gómez, representado polo procurador Sr. Cuns Núñez, contra outros, e José Manuel Louzao Souto, Mª del Carmen Brandón Banzas e herdeiros de Manuel Louzao García, todos eles en situación procesual de rebeldía, téndose dictado con data do 1 de setembro último pasado sentencia que no encabezamento e parte dispositiva (aclarada por auto do 28 de setembro de 1994) literalmente di:

«Sentencia. En Santiago de Compostela, o un de setembro de mil novecentos noventa e catro.

Vistos por Rosa del Carmen Collazo Lugo, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número catro dos deste partido, os presentes autos de xuízo declarativo de menor contía número 503/1992, sobre declaración de dereitos, promovidos polo procurador Sr. Cuns Núñez, en nome e representación de José Manuel Servia Gómez, maior de idade, baixo a dirección letrada de Jacinto García Quintas; sendo parte demandada Florentina Soto Souto, maior de idade, baixo a representación procesual da procuradora Esperanza Álvarez, e baixo a defensa letrada de José Domínguez Noya, demandados así mesmo José Manuel Louzao Soto, María del Carmen Brandón Banzas e os herdeiros ignorados de Manuel Louzao García, todos eles en rebeldía.

Decido que, estimando en parte a demanda interposta por José Manuel Servia Gómez, contra José Manuel Louzao Soto, debo declarar e declaro:

a) A validez e eficacia do contrato privado do 10 de xuño de 1988 en escritura pública do 7 de novembro de 1991, unidos á demanda, outorgados entre o demandante e o demandado José Manuel Louzao Soto, estando liberado o demandante de toda responsabilidade desde o día 10 de xuño de 1988, en relación coa entidade Comercial Fernández S.C.

b) Que os créditos e avales ante o Banco Pastor, subscritos polo demandante e a súa esposa, serán aboados e liquidados unicamente polo referido demandado José Manuel Louzao Soto.

c) Que as sumas pendentes de aboamento por todo concepto desde o día 10 de xuño de 1988 e relacionadas coa entidade Comercial Fernández, S.C. serán aboadas polo referido demandado José Manuel Louzao Soto.

d) Que o mesmo demandado José Manuel Louzao Soto lle aboará ó demandante a cantidade de 400.000 ptas., resto do prezo sen satisfacer derivado dos contratos do 10 de xuño de 1988 e do 7 de novembro de 1991, condenando ó referido demandado a estar e pasar polas declaracións e condenas anteriores.

Así mesmo, debo absolver e absolvo desta demanda o resto dos demandados María del Carmen Brandón Banzas, Florentina Soto Souto e os herdeiros ignorados de Manuel Louzao García.

Respecto ás custas procesuais causadas nesta instancia, estas deberán ser aboadas pola parte demandada.

Contra esta sentencia cabe recurso de apelación, que se presentará neste xulgado, nun prazo de cinco días para ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Así, por esta miña sentencia, pronúncioo, mándoo e asínoo. Segue sinatura da maxistrada».

Por auto do 28 de setembro de 1994, aclárase a parte dispositiva da sentencia, que se transcribe a seguir e di literalmente:

Dispoño: aclárase a parte dispositiva da sentencia dictada nos presentes autos no sentido de que as custas procesuais causadas nesta instancia deberán ser aboadas polo codemandado José Manuel Louzao Soto. Así, por este auto, dispóñoo e asínoo eu, Rosa del Carmen Collazo Lugo, maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número catro de Santiago de Compostela e o seu partido xudicial. Segue sinatura».

E para que sirva de notificación en forma ós codemandados rebeldes e se publique no DOG, expido o presente edicto en Santiago de Compostela o catorce de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

A maxistrada

Rubricado

O secretario

Rubricado