Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 1995 Páx. 1.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 1995 pola que se anuncia a convocatoria dunha bolsa de investigación para o estudio de códices latino-galegos.

O Consello da Cultura Galega, considerando o interese que para o estudio da nosa historia ten o coñecemento das fontes paleográficas, acordou a realización da recompilación actualizada dos códices latino-galegos.

O obxectivo será a busca sistemática, descrición e estudio de fragmentos de manuscritos anteriores ó século XIII que se conserven en arquivos, bibliotecas ou centros de investigación de Galicia. Con este fin, convócase unha bolsa, dotada cunha contía mensual de 90.000 ptas. e cunha duración máxima de 8 meses durante o ano 1995.

1. Orzamento.

Para atender ó gasto que supón a bolsa, existe crédito suficiente na aplicación 03.01.111D.480 do orzamento vixente.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta bolsa tódolos españois maiores de idade, con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser licenciados/as en xeografía e historia, preferentemente en historia, arte ou xeografía de Galicia.

-Acreditar experiencia investigadora no campo da paleografía latina, en período de formación, con especial atención á paleografía galega.

-Non ser traballador por conta propia ou allea, nin recibir remuneración de ningún tipo.

-Non ter sido separado do servicio de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

3. Solicitudes.

As solicitudes entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2ª planta, de Santiago de Compostela, dentro do prazo de 10 días contados a partir do seguinte á publicación da presente convocatoria no DOG, acompañada da documentación seguinte:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Fotocopia do título universitario ou certificación de realiza-lo depósito correspondente para a súa obtención.

-Certificación expedida por entidade competente acreditativa da experiencia investigadora na materia indicada.

-Documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non desempeñar ningún traballo por conta propia ou allea, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

4. Méritos.

Para a selección dos solicitantes, consideraranse méritos e valoraranse de acordo co seguinte baremo:

-Experiencia investigadora en temas paleográficos: ata 5 puntos.

-Publicacións sobre paleografía: ata 5 puntos.

-Coñecementos prácticos sobre a materia: ata 5 puntos.

Os aspirantes someteranse a unha proba que proporá o tribunal.

5. Tribunal.

O tribunal estará formado por un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, o coordinador da Ponencia de Patrimonio Histórico e mailo director do proxecto de investigación, Manuel C. Díaz y Díaz.

6. Nomeamento.

O bolseiro/a será nomeado polo presidente do Consello da Cultura Galega por proposta do tribunal. O tribunal seleccionará un solicitante que, de acordo cos méritos, quedará como suplente. O bolseiro/a nomeado deberá presentarse na sede do Consello dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección, co obxecto de recolle-la súa credencial acreditativa e comeza-la súa actividade.

7. Desenvolvemento da investigación.

O bolseiro/a desenvolverá a súa actividade baixo a dirección do profesor Manuel C. Díaz y Díaz, quen sinalará o tempo de dedicación, o modo de realiza-lo traballo e dictará tódalas directrices necesarias para cumpri-lo proxecto. Neste sentido, poderá establecer un horario fixo máximo de traballo que, en ningún caso, poderá exceder das 50 horas semanais. O bolseiro/a realizará mensualmente un informe da súa actividade, que co aval do director da investigación, servirá de base para xustifica-lo pagamento da bolsa.

8. Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase en oito mensualidades, logo de informe do director da investigación, conforme os traballos se desenvolven con normalidade e de acordo coas prescricións técnicas establecidas.

9. Incidencias.

No caso de incumprimento continuado das tarefas obxecto da bolsa, o director da investigación enviará un informe ó presidente do Consello, quen, despois de audiencia do interesado, adoptará a decisión que corresponda.

-A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

-A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1995.

María Xosé Rodríguez Galdo

Secretaria do Consello da Cultura Galega