Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 1995 Páx. 1.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de xaneiro de 1995 de axudas a medidas forestais na agricultura.

O Regulamento CEE nº 2.080/1992, do Consello, do 30 de xuño, establece un réxime de axudas ás medidas forestais na agricultura.

Para a súa aplicación e tras publicarse o R.D. 378/1993, do 12 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia e a Secretaría Xeral de Estructuras Agrarias do MAPA subscribiron un convenio destinado ó financiamento de medidas para o fomento de investimentos forestais en explotacións agrarias.

Na súa virtude, a Xunta de Galicia por medio do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, aprobou o Programa rexional de axudas a medidas forestais na agricultura, habilitando no artigo 14 a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para dicta-las normas de tramitación das solicitudes que se presenten ó abeiro deste programa.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 205/1991, do 15 de marzo, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1.-OBXECTO DAS AXUDAS

Constitúe o obxecto da presente orde o referido no artigo 1 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o Programa rexional de axudas a medidas forestais na agricultura.

Artigo 2.- BENEFICIARIOS

Serán beneficiarios os referidos no artigo 6 do anexo I do mesmo decreto citado.

Así mesmo, os beneficiarios deberán reunir necesariamente algunha das seguintes condicións:

1) Ser propietarios dos predios.

2) Ser arrendatario por período superior a 20 anos ou quenda que posibilite o proxecto de repoboación.

3) Ser titular doutros dereitos compatibles coa plantación.

Artigo 3.-IMPORTE E DURACIÓN DAS AXUDAS

1) Gastos de repoboación forestal.

O importe desta axuda virá determinado polo orzamento aprobado da actuación, sen que poida exceder dos máximos en pesetas por hectárea establecidos no artigo 8 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

Para os efectos da presente orde, consideraranse especies de crecemento rápido as aproveitadas en quendas menores de 20 anos.

Para estas plantacións o importe máximo destas axudas será de 120.000 pts./ha, sen que poidan aprobarse primas de mantemento nin de compensación de rendas, e soamente serán aplicables a agricultores a título principal (ATP).

Cando as referidas especies sexan aproveitadas a quenda maior de 20 anos, consideraranse como pertencentes ó anexo 11 do Decreto 250/1993.

2) Prima de mantemento

Aplicaranse os valores máximos establecidos no artigo 9 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

As primas anuais de mantemento poderanse agrupar en pagos graduais, nos anos 1º, 3º e 5º seguintes ó da plantación.

A criterio da Dirección Xeral de Montes e M.A.N segundo as características da repoboación forestal, o importe dos gastos desta poderá distribuírse en tres pagos. O primeiro, que non poderá ser inferior ó 70% do total, unha vez certificada a plantación. Os dous seguintes no 3º e 5º anos, sumados ós correspondentes pagos da prima de mantemento, co fin de garanti-lo debido coidado e protección das masas forestais. No momento de aprobación da subvención estableceranse as porcentaxes nas que se fraccionan os gastos da repoboación forestal e a prima de mantemento.

3) Prima compensatoria.

Ás cantidades máximas establecidas no artigo 10 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, aplicaránselle-las porcentaxes seguintes:

TIPO DE SUPERFICIE AGRARIA

1.-Cultivos herbáceos e praderías artificiais

(terras arables)100%

2.-Barbeitos e outras terras non ocupadas-

3.-Hortas familiares100%

4.-Cultivos leñosos100%

5.-Prados naturais50%

6.-Pastos20%

7.-Sobreirais-

8.-Monte aberto e pastureiros a pastoreo

con menos do 20% de cobertura arbórea10%

9.-Ermo a pastos20%

A prima compensatoria de cada beneficiario será a correspondente ós predios nos que a plantación dea dereito á mesma, de acordo con artigo 3, punto 3 do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

4) Mellora de bosques de sobreiras e outras superficies forestais.

Aplicaranse os valores máximos establecidos no artigo 11 do anexo I do Decreto 250/1993, desagregados nos prezos máximos de unidades de obra, reflectidos no anexo IV da presente orde.

A concesión destas axudas de melloras gardará en todo caso os principios e obxectivos xerais expostos no citado Decreto 250/1993 da Xunta de Galicia.

Preferentemente estas axudas dirixiranse ás seguintes accións:

-Pistas forestais, devasas, puntos de auga.

-Tratamentos fitosanitarios.

-Traballos de restauración de bosques de frondosas.

-Tratamentos selvícolas que melloren a calidade futura da masa.

-Outras melloras.

As axudas para a realización de tratamentos selvícolas non poderán concederse durante o quinquenio de aplicación da prima de mantemento.

Artigo 4.-CONDICIÓNS TÉCNICAS DOS INVESTIMENTOS.

1) A concesión de axudas está condicionada, cando o orzamento de investimento sexa superior a 1.000.000 de pesetas, á presentación dun proxecto técnico asinado por técnico forestal competente e visado polo correspondente colexio oficial. Cando o orzamento do investimento sexa inferior a 1.00.000 de pesetas será necesaria a presentación dunha memoria, técnica, onde se definirán as accións obxecto da axuda co rigor necesario para garanti-la adecuada metodoloxía das accións, especificándose polo menos:

-Titularidade da superficie e número de parcelas.

-Extensión, límites de actuación e localización.

-Método de repoboación, de melloras e descrición dos traballos.

-Densidade de plantación e tipo de planta que se vai utilizar.

-Garantía de orixe da planta forestal.

-Accións complementarias en cada caso para acada-los fins propostos.

-Cartografía adecuada.

2) Será necesario, ademais, incluír obrigatoriamente en tódalas memorias presentadas os seguintes

apartados: medio físico, vexetación actual, descrición dos traballos, método de roza (en caso de ser necesario), preparación do terreo e outros puntos que fagan comprensible tódalas accións obxecto da petición.

3) Para orzamentos aprobados de execución superior a 5.000.000 de pesetas será necesaria dirección de obras e certificación final por técnico forestal competente.

4) Os proxectos de repoboación que afecten a unha superficie contigua igual ou superior a 10 ha, deberán incluír un plan de infraestructuras viarias e de defensa contra o lume que garanta a persistencia da masa creada.

5) Os honorarios dos proxectos e as memorias técnicas asinadas por técnico forestal competente poderán ser incluíbles nos gastos de forestación e mellora.

6) Tódolos proxectos incluirán como cartografía planos oficiais a escala 1:10.000 ou escala superior, con indicación da folla, para situa-los lindeiros dos predios, sen prexuízo da utilización de escalas maiores máis axeitadas para a descrición dos traballos, en forma de planos, municipais, catastrais ou calquera outro que consiga identificar de forma certa a situación, acceso e superficie da parcela obxecto da actuación.

7) Para a avaliación e control das repercusións sobre o medio ambiente aplicarase o establecido polo artigo 13 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

8) Nas memorias ou proxectos realizados para agrupacións forestais informais deberán constar de forma individualizada os traballos e orzamentos para cada un dos asociados.

Artigo 5.-OUTRAS CONDICIÓNS TÉCNICAS

1) As densidades mínimas de plantación salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica deberán se-los seguintes:

a) Coníferas: 800 plantas/ha.

b) Chopo híbrido: 200 plantas/ha.

c) Castiñeiro e nogueira: 200 plantas/ha.

d) Resto frondosas: 500 plantas/ha.

2) Coidados culturais mínimos:

Durante a vixencia da prima de mantemento realizarase obrigatoriamente como mínimo:

a) Eliminación da vexetación de competencia.

b) Reposición de marras.

c) Podas de formación no caso de frondosas.

d) Fertilizado cando o estado da planta o demande.

Tódolos labores de fertilizado en repoboacións realizaranse para os efectos da presente orde con fertilizantes de aplicación localizada e liberación gradual, adaptados ás características edafolóxicas da zona de plantación, co fin de evita-la contaminación dos acuíferos, e adecua-lo labor ás necesidades forestais, salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica.

3) Especies que se utilizarán:

En cada zona forestal establecida no anexo V do

Decreto 250/1993, do 24 de setembro, poderán ser obxecto de axuda as plantacións coas especies-índice e series alternativas sinaladas no anexo VI do citado decreto.

4) Características da planta que se utilice.

Deberán observa-las normas de calidade exterior dos materiais forestais de reproducción, regulamentadas na Orde do 21 de xaneiro de 1989 do MAPA, así como a Orde do 3 de agosto de 1994 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. En calquera caso cumprirán os seguintes puntos:

a) Non será admisible a utilización de plantas con feridas non cicatrizadas, en mal estado fitosanitario, parcialmente desecadas, talo con varias guías ou insuficientemente lignificado, sistema radical enrolado ou deteriorado.

b) As coníferas e eucalipto deberán ter unha altura superior a 15 cm con 1-2 saibas. As frondosas terán polo menos 30 cm de altura e 1-2 saibas (salvo xustificación en proxecto ou memoria técnica).

c) Os viveiros e empresas comercializadoras deberán estar dados de alta no Rexistro Oficial de Productores, Comerciantes e Importadores de productos e vexetais forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, debendo figura-lo seu número nas facturas correspondentes así como a orixe da semente.

5) As pistas forestais deben ter un largo mínimo de plataforma de 3 metros cun máximo de 5 metros e estaren dotadas de canles de desaugamento e foxos. A densidade máxima de pista que se acadará con estas axudas será de 40 metros por hectárea, salvo xustificación en proxecto.

6) Os puntos de auga a instalar en superficies forestais non incluíbles en proxectos de repoboación para superficies superiores a 10 ha deberá xustificarse a súa necesidade e conveniencia mediante o correspondente informe favorable de viabilidade do Servicio Provincial de Defensa Contra Incendios Forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

7) Os tratamentos fitosanitarios en masas forestais, afectadas por pragas e outras patoloxías, deberán acadar unha superficie mínima de 25 ha formando masa continua ou rodais menores se estivesen suficientemente illados doutras masas arbóreas. Serán tramitadas axudas para patoloxías concretas que requiran un tratamento específico de pés individuais e con sinalamento previo, sen límite de superficie.

Artigo 6.-PRIORIDADES

Aplicarase o criterio establecido no artigo 7º do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

Artigo 7.-SUPERFICIES AGRARIAS EXCLUÍDAS

1) A superficie mínima de actuación para os efectos da presente orde será de 1 ha en couto redondo, con independencia da superficie total da petición.

Poderá admitirse a solicitude conxunta de dous ou máis propietarios que teñan predios colindantes, sempre que entre estes teñan unha superficie igual ou superior a unha hectárea e realicen os traballos cun mesmo criterio. Cando se trate de repoboacións,

o compromiso de xestión conxunta durará polo menos seis anos.

Excepcionalmente poderán admitirse superficies maiores de 5.000 m cando as condicións estacionais do solo, clima, orientación e demais parámetros do medio físico aconsellen realizar plantacións con castiñeiro, nogueira, cerdeira e outras especies de madeira de calidade, explotadas a quendas medias ou longas.

Igualmente poderán admitirse solicitudes para realizar traballos en varios predios, maiores de 5.000 m cada un, non colindantes, sempre que pertenzan ó mesmo propietario, estean situados na mesma parroquia, o conxunto deles sexa superior a tres hectáreas e sexan colindantes con masa forestal xa creada.

2) En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as axudas solicitadas para repoboación forestal cando o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

3) Os terreos cun proceso de expropiación iniciado non poderán beneficiarse das presente axudas.

4) Están excluídas da aplicación da presente orde as superficies agrarias que non tiveran algún aproveitamento agrario regular antes do 31 de xullo de 1992.

Artigo 8.-COMPROMISOS

Será de aplicación o establecido no artigo 15 do anexo I do Decreto 250/1993, do 24 de setembro, e demais normativa concorrente.

Artigo 9.-SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

1.-As solicitudes das axudas deberán ser feitas nos modelos formalizados para o efecto, segundo consta no anexo V adxunto, facilitados polos órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. As ditas solicitudes presentaranse nas oficinas da mesma, nas súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

2.-As carátulas debidamente cubertas deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

2.1.-En todo caso e para todo tipo de beneficiarios:

a) Documentos acreditativos da condición de beneficiario reflectidos no artigo 2º da orde:

a.1.-No caso de ser propietario dos terreos: fotocopia do título de propiedade ou declaración xurada de se-lo titular da propiedade. Na dita declaración farase constar: nome, apelidos e DNI do propietario, nome dos predios, superficie, lindeiros e localización deles.

No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios:

-Fotocopia dos títulos de propiedade ou declaración xurada de ser titular do terreo de cada copropietario e documento privado no que se acredite o consentimento asinado de tódolos condonos e a representatividade do solicitante para realiza-la acción obxecto da subvención.

-No caso de que os terreos pertenzan a unha sociedade de gananciais: documento privado no que cons

te o consentimento de ámbolos dos cónxuxes para realiza-la acción obxecto da subvención.

a.2.-No caso de ser arrendatario: fotocopia compulsada do documento acreditativo do arrendamento. Se se tratara dunha repoboación, esta debería permitir tal actividade e ser por un período igual ou superior ó da quenda de corta da especie ou especies obxecto da repoboación.

a.3.-No caso de ser titular doutros dereitos compatibles coa plantación ou melloras. Documentación acreditativa:

-Documento notarial de cesión do uso e desfrute a favor do solicitante dos terreos a repoboar. Deberá consta-la duración da cesión e o obxecto dela.

b) Fotocopia do DNI, NIF ou CIF.

c) Memoria técnica con prezos unitarios e orzamento, ou proxecto, según as condicións reflectidas no artigo 12 do Decreto 250/1993 da Xunta de Galicia e no artigo 4.1 e 4.2 da presente orde.

d) Croquis ou cartografía de situación dos predios, con indicación dos seus accesos e lindeiros. Superficie, total e superficies obxecto dos traballos.

e) Plano das superficies a traballar cunha escala mínima 1:10.000.

f) Certificación bancaria na que figuren os datos da conta a nome do beneficiario; no caso de agrupacións informais a dita certificación bancaria será a correspondente á agrupación e onde teña sinatura recoñecida o representante dela.

g) Declaración xurada do peticionario na que declare que o terreo obxecto da subvención tivo algún aproveitamento agrario regular antes do 31 de xullo de 1992.

2.2.-Documentación complementaria segundo a natureza do beneficiario.

a) Persoa física ou xurídica que sexa agricultor a título principal (ATP).

a.1.-Fotocopia da cartilla da Seguridade Social agraria ou solicitude de alta.

a.2.-Declaración xurada ou xustificación fiscal relativa a que a porcentaxe da renda declarada procedente da agricultura supón polo menos o 50% do total.

Para efectos de prioridade nos casos enmarcados no artigo 7, puntos a), b) e c) do Decreto 250/93 da Xunta de Galicia presentarase segundo os casos:

a.3.-Declaración xurada do responsable de estar acollido ó cesamento anticipado da actividade agraria.

a.4.-Certificación das direccións provinciais do MAPA do abandono definitivo da producción leiteira ou certificación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de terse acollido a arrinca-las vides durante algún dos dous últimos anos.

a.5.-Nos casos de persoa xurídica presentarase ademais certificación do presidente da dita entidade acreditativa de que a maioría dos seus socios ou compoñentes teñen a condición de ATP.

b) Comunidades de montes veciñais en man común

e outras entidades con personalidade xurídica (SAT, SA, SL, UTM, etc.)

b.1.-Certificado do secretario da Xunta de Montes de te-los estatutos da comunidade en regra, figurando a composición da xunta rectora actualizada.

b.2.-Certificado de que os terreos nos que se vaian realiza-los traballos non son obxecto de consorcio ou convenio coa administración forestal.

b.3.-Certificado do acordo tomado en asemblea xeral conforme autorizan á xunta rectora a solicita-las axudas á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a execución das accións obxecto da solicitude.

Para os efectos de prioridade presentarase: certificación do presidente da xunta rectora acreditativa do carácter da entidade xurídica, co que terán a consideración prevista nos artigos 6 e 7.h do Decreto 250/1993 da Xunta de Galicia.

c) Agrupacións forestais sen entidade xurídica.

c.1.-Acordo constitutivo da agrupación forestal informal, con mención expresa dos fins da dita agrupación, asinado por tódolos compoñentes, no que se designe o representante e se faculte para exerce-la dita representación.

2.3.-Outros documentos:

a) No caso de solicitude de agricultores ou as súas agrupacións para melloras de superficies forestadas:

-Declaración xurada de que polo menos o 50% da súa renda total procede da actividade agraria exercida na súa explotación.

b) No caso de solicitantes que teñan dereito á prima compensatoria será necesario que estes presenten:

-Certificación do organismo competente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do aproveitamento agrario actual dos predios obxecto da repoboación.

-Declaración xurada de non estar acollido ó cesamento anticipado da actividade agraria.

c) No caso de solicitudes de repoboación con especies de crecemento rápido, explotadas en quendas maiores de vinte anos: declaración xurada na que se faga consta-lo compromiso do mantemento da masa nesa quenda.

3.-Soamente poderá presentarse unha solicitude por beneficiario ou por distintos membros dunha mesma explotación e ano para os terreos que se atopen nun mesmo concello. Deberá empregarse un impreso de solicitude para cada petición realizada sobre diferentes concellos.

4.-No caso de agrupacións forestais sen entidade xurídica, a responsabilidade do cumprimento dos compromisos establecidos no Decreto 250/1993, do 24 de setembro, será individual para cada membro.

5.-O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación no DOG da presente orde e rematará o 31 de decembro de 1995, establecéndose tres prazos de tramitación en función

dos períodos forestais: ata o 15 de marzo, desta data ó 31 de xullo e do 1 de agosto ó 31 de decembro.

Artigo 10.-TRAMITACIÓN

1) O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes resolverá sobre a aprobación das axudas solicitadas, logo de proposta da Dirección Xera1 de Montes e MAN, de acordo cos termos da presente orde.

2) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes comunicará nun máximo de 90 días a partir do remate dos prazos a aprobación e contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no citado prazo entenderase desestimatoria da petición de axuda, esgotando a vía administrativa e contra a que poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3) O cambio de destino do investimento ou a súa modificación deberá ser xustificada e esixirá autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4) Nos proxectos e memorias técnicas que, unha vez revisados polo persoal facultativo da Dirección Xeral de Montes e MAN, conteñan prezos de unidades de obra superiores ós habituais, ou non se correspondan co nivel de dificultade real, ou non estean debidamente xustificados, realizarase a correspondente inspección previa, para a que será citado o técnico asinante da memoria ou proxecto. En caso de que non queden fidedignamente demostradas as devanditas alteracións, serán devoltos ó solicitante, para a súa modificación nun prazo non superior a dez días hábiles. No caso de non modificarse nese prazo, procederase ó arquivo do expediente.

5) Unha vez aprobado un proxecto, se a súa execución é plurianual, nas peticións en anos sucesivos de axudas para accións contempladas nel, bastará con que fagan referencia ó citado proxecto aprobado.

6) A axuda definitiva será a resultante da certificación final por parte do persoal da Dirección Xeral de Montes e MAN.

Coa certificación poderase modificar á baixa a cantidade aprobada inicialmente, en caso de que os traballos non se axusten ós previstos en natureza ou intensidade, ou ás normas dictadas pola Dirección Xeral de Montes e MAN.

Artigo 11.-COMPROBACIÓNS

1) Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, podendo tamén ser calculados mediante a valoración do número de unidades de obra realizadas e os precios unitarios aprobados.

2) En todo caso presentaranse facturas detalladas da planta utilizada e dos fertilizantes empregados. Así mesmo, serán necesarias facturas desagregadas en caso de axudas para a construcción ou mellora de devasas e construcción de pistas forestais e puntos de auga.

3) As accións propostas na solicitude non poderán realizarse ata despois da aprobación da axuda.

A solicitude non implica ningún dereito para o peticionario, mentres non exista resolución favorable á petición.

4) Os traballos xa iniciados con anterioridade á inspección previa do terreo, serán excluídos da proposta de aprobación.

5) O beneficiario comprométese en todo momento a facilita-las tarefas de inspección ó persoal da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes en materia relacionada coa presente orde.

Artigo 12.-PRÓRROGAS E ANULACIÓNS

1) O prazo máximo de execución dos traballos será de seis meses a partir da data de aprobación. En casos xustificados e previa petición por escrito do interesado nos trinta días anteriores á finalización do prazo, poderase conceder unha prórroga non superior a dous meses, sempre que a normativa orzamentaria o permita.

2) A axuda poderá anularse se se dá algún dos seguintes supostos:

a) Execución de menos do 40% das accións previstas, sen autorización previa ou causa xustificada de forza maior.

b) Prazo de execución superior a 6 meses desde a aprobación da axuda, sen prexuízo do expresado no apartado 1).

c) Modificacións graves das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos do Decreto 250/1993, do 24 de setembro.

d) Por incumprimento das disposicións legais de aplicación, ocultar ou falsear datos ou destina-las axudas a fins distintos ós sinalados na solicitude.

Nestes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas, sen prexuízo das responsabilidades a que houbese lugar.

3) Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e a orde establecida.

Artigo 13.-FINANCIAMENTO

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.0 por un importe máximo de 604 millóns de pesetas que se desagregan da seguinte forma:

277 millóns; fondos propios, aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.00; 277 millóns: finalista, aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.05, e 50 millóns: FEOGA, aplicación orzamentaria 09.04.614C.770.03; os créditos FEOGA e finalista incorporaranse a medida que se xere crédito en virtude do convenio mencionado no preámbulo da presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas na presente orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades.

Segunda.-As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 16 de maio de 1994 ás que non lles foi concedida a subvención solicitada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta na presente convocatoria, sempre que así o faga consta-lo interesado.

Terceira.-As subvencións someteranse en tódolos seus extremos ó previsto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Cuarta.-No suposto de que as accións previstas na presente orde non precisen para ser cubertas na súa totalidade o importe total máximo consignado inicialmente para elas, os remanentes de crédito poderán ser utilizados en atender solicitudes presentadas para os efectos establecidos na orde de axudas a accións de desenvolvemento dos bosques nas zonas rurais.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes