Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 1995 Páx. 1.346

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de febreiro de 1995 pola que se modifica a do 3 de xaneiro de 1995 na que se establecen as normas para a concesión de axudas para a renovación e modernización da flota pesqueira.

Dada a existencia de sectores da flota que faenan en augas distantes da Comunidade Autónoma de Galicia, sen regresar con carácter periódico, nin durante longos períodos de tempo, ó seu porto base, é preciso preve-la forma de realización das certificacións de non inicio e fin de obra nos expedientes de modernización que afectan a estes supostos excepcionais.

Polo que, e tendo en conta que a disposición derradeira primeira do Decreto 278/1994 faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento,

DISPOÑO.

Artigo 1º

Engádeselle á Orde do 3 de xaneiro de 1995 o seguinte texto:

«Disposición adicional única:

Naqueles expedientes de modernización que afecten as embarcacións pesqueiras que faenen habitualmente en mares afastados de Galicia e que non regresen durante longos períodos de tempo ó seu porto base, os interesados poderán solicitarlle ó director xeral de Pesca e Industrias Pesqueiras que os certificados de non inicio e fin de obra, ós que se refire o artigo 9, non sexan expedidos en portos de Galicia, o que poderá ser autorizado, se ben os ditos certificados deberán ser expedidos coa intervención das autoridades consulares españolas na zona de actividades do buque.»

Artigo 2º

A disposición transitoria única da Orde do 3 de xaneiro de 1995 pasa a ser disposición transitoria primeira.

Artigo 3º

Engádeselle á Orde do 3 de xaneiro de 1995 o seguinte texto, como disposición transitoria segunda:

«O prazo de presentación de solicitudes no exercicio de 1995, ó que se refire o parágrafo primeiro do artigo 12 da orde que se modifica, entenderase de quince días hábiles contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira:

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura