Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 16 de febreiro de 1995 Páx. 1.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 2 de xaneiro de 1995 pola que se convoca o Premio das Letras e das Artes de Galicia.

A través do Decreto 288/1994 creouse o Premio das Letras e das Artes de Galicia. Este premio ten como finalidade a de recoñecer e recompensa-lo labor daquelas persoas que co seu traballo creador contribuíron á conservación, á expansión e ó engrandecemento da cultura galega en calquera campo dela.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Convócase o Premio das Letras e das Artes de Galicia co fin de recoñecer e recompensa-los méritos daquelas persoas que dedicaron gran parte da súa actividade ás letras e ás artes en calquera das súas múltiples manifestacións, con resultado de engrandecemento e afirmación dos valores culturais de Galicia.

Artigo 2º.-O premio está dotado con cinco millóns (5.000.000) de pesetas, podendo concederse, así mesmo, dous accésits de un millón (1.000.000) de pesetas cada un con cargo á partida orzamentaria 10.02.353B.640.10 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 3º

1. O premio e os posibles accésits serán indivisibles, e non poderán concederse a título póstumo.

2. O premio pode ser declarado deserto.

Artigo 4º

1. A presentación dos candidatos poderá realizala calquera institución, fundación, academia, federación, asociación ou centro cultural ou de investigación, mediante escrito dirixido ó conselleiro de Cultura ó que se lle xuntará o currículum do candidato.

2. O escrito e o currículum ó que se fai referencia no parágrafo anterior serán presentados no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes do 15 de marzo do presente ano.

Artigo 5º

1. A resolución ou elección do premio terá lugar o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, nun acto institucional.

2. O xurado convocará para este acto os cinco posibles finalistas, seleccionados anteriormente, entre os que se poderán conceder dous accésits de un millón (1.000.000) de pesetas.

Artigo 6º

Tódalas decisións do xurado serán inapelables.

Artigo 7º

As institucións, fundacións, academias, federacións, asociacións, centros culturais ou de investigación que propuxesen candidatos e non resultasen premiados, poderán retira-la documentación presentada no prazo de trinta (30) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se produza a resolución do premio. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura