Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1995 pola que se convocan 50 cursos básicos de protección civil, dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade, en colaboración coa Secretaría Xeral para a Protección Civil, ten previsto realizar no ano 1995, conforme as funcións que ten encomendadas pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de protección civil, anúnciase a celebración de 50 cursos de protección civil, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que ten encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o 17 de marzo de 1995.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n, Polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela.

Contido.

Os cursos básicos de protección civil están divididos en varios módulos, cada un dos cales abrangue os seguintes contidos:

Módulo I: a protección civil.

Módulo II: os riscos e accidentes.

Módulo III: comunicacións.

Módulo IV: primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos celebraranse ó longo do ano 1995, e terán unha duración de 20 horas lectivas.

As súas datas serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 4 de abril de 1995 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Secretaría Xeral para a Protección Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos (981) 56 34 00 ou ben (981) 54 60 00.

Lugar.

Será determinado en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a estes, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade