Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.250

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 18 de xaneiro de 1995 pola que se convocan subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais.

A Consellería de Cultura, que ten como unha das súas misións máis importantes promove-las actividades culturais, creou o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, polo Decreto 334/1994, do 8 de setembro, coa finalidade de acoller tódalas propostas de carácter cultural que lle formulen os particulares, asociacións e institucións de carácter cultural, consciente do labor que as asociacións e institucións culturais veñen desenvolvendo desde antigo a través de actividades culturais de gran riqueza e interese e dirixidas ós seus asociados e, nos máis dos casos, ó público en xeral. Estas actividades abranguen os máis diversos campos da cultura como o cine, o teatro afeccionado, a música, a danza e en xeral

as diversas expresións artísticas do ser humano, e mantiveron aceso durante moitos anos o facho da nosa identidade como pobo e aínda o seguen a manter na actualidade. Por outra parte, as máis das asociacións e institucións culturais carecen doutros ingresos como non sexan as escasas aportacións dos seus membros e as axudas que poidan conseguir de administracións públicas, empresas privadas e mesmo de particulares. A Consellería de Cultura quere contribuír ó desenvolvemento das actividades culturais estimulando o asociacionismo cultural, instrumento idóneo da dinamización sociocultural.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. En virtude do disposto no artigo 6º do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, con

vócanse subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais de Galicia, destinadas á realización daqueles proxectos que resulten preseleccionados pola Consellería de Cultura nos campos de promoción e cooperación cultural, audiovisuais e fotografía, difusión e animación sociocultural, teatro afeccionado, música e danza, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.B.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 5.000.000 (cinco millóns) de pesetas.

Artigo 3.

3.1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, asociacións e institucións culturais legalmente constituídas, sen ánimo de lucro e que realicen a súa actividade en Galicia.

3.2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 4. Os solicitantes presentarán o seu proxecto segundo o establecido no artigo 2º.3 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura segundo o modelo que figura no anexo desta orde, acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar indicando o ámbito territorial e social delas, así como a forma de executalas, ben directamente, ben en colaboración coa Administración autonómica, asociacións ou institucións.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Breve memoria das actividades realizadas ata o ano 1994 polo solicitante.

Artigo 5. Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, inscribiranse no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, e serán analizadas pola Comisión de Programación e Coordinación de Iniciativas Culturais quen elevará proposta ó conselleiro de Cultura que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6. Na valoración de solicitudes, de acordo co previsto no artigo 42 do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, teranse en conta os seguintes aspectos:

A) Importancia e interese cultural da correspondente proposta.

B) Novidade ou antecedentes dela.

C) Ámbito territorial e social da proposta, e posible repercusión na imaxe interior e exterior de Galicia ou da súa cultura.

D) Valoración económica da proposta.

E) Conveniencia de asumi-la proposta, con indicación do sistema máis adecuado para desenvolvela,

ben directamente pola Administración ou ben polos propios autores da iniciativa, con ou sen colaboración doutros axentes culturais (asociacións e institucións).

Artigo 7.

7.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos, debendo comunicar á Dirección Xeral de Cultura o lugar, día e hora da actividade subvencionada, así como comunicar calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

7.2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

7.3. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, no prazo dos quince días naturais posteriores á realización das actividades e en todo caso antes do 1 de novembro do ano 1995, mediante a aportación, por duplicado, de xustificantes acreditativos de que a actividade foi realizada.

7.4. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Cultura, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 8. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9. A falta de resolución expresa por parte da Administración producirá efectos desestimatorios transcorridos seis meses desde a presentación no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, podendo o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nun prazo de 30 días naturais. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámites.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura