Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.246

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 42/1995, do 3 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación das liñas eléctricas aéreas a 15/20 kV ó C.T de Sisto, no concello de Carballo, e ó C.T de Fortesende, no concello de Arteixo, ámbolos dous na provincia da Coruña. (Expedientes números 52.653 e 52.654 respectivamente).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución dos proxectos de construcción das liñas eléctricas aéreas seguintes: a) liña a 15/20 kV de 365 m de lonxitude, apoios de formigón e torres metálicas, en conductor LA-56, con orixe na liña existente (expte. 7.767) e remate no C.T. de Sisto, no termo municipal de Carballo (A Coruña), expediente número 52.653 e b) liña a 15/20 kV de 266 m de lonxitude, conductor LA-56, apoios de formigón e torres metálicas, con orixe na liña ó C.T. de Tis e final no C.T. de Fortesende, no termo municipal de Arteixo (A Coruña), expediente número 52.654.

As ditas instalacións autorizáronse, declaráronse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, a primeira por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 26-7-93, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 22-9-93, no BOP da Coruña do 1-10-93, e no BOE do 6-9-93; e a segunda, por resolución da mesma delegación provincial do 29-4-93, a cal se publicou no DOG do 22-6-93; no BOP do 2-6-93 e no BOE do 21-5-93.

As solicitudes de urxente ocupación fixéronse conforme o disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función destas peticións, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 15-2-94, no BOP da Coruña do 8-3-94, no xornal La Voz de Galicia do 10-3-94, e a simple referencia no BOE do 14-4-94; 6 mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, e durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se rexistrou incidente de ningún tipo.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo os trazados aprobados para a instalación destas liñas,

púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa, que con estas liñas preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-las instalacións proxectadas e propostas por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., das liñas eléctricas aéreas ó C.T. de Sixto e ó C.T. de Fortesende.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Carballo (A Coruña), expediente número 52.653, e Arteixo (A Coruña), expediente número 52.654, e son tódolos que figuran nas relacións presentadas pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que constan nos expedientes, os cales se someteron a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio