Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.246

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 43/1995, do 3 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 15/20 kV ó C.T. de Covelo, no concello de Salvaterra de Miño, provincia de Pontevedra. (Expediente número 89/1989 A.T.)

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº

2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 406 m de lonxitude, conductor LA-30, e apoios de formigón e torres metálicas, con orixe no apoio nº 7 da L.M.T. ó C.T. de Carqueixa e remate no C.T. que se proxecta en Covelo-Nogueiró de Meder, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), expediente nº 89/1989 A.T.

A dita instalación autorizouse, declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 13-11-89, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 9-3-90, no BOP de Pontevedra do 16-2-90 e no BOE do 29-11-89.

A solicitude de urxente ocupación fíxose conforme o disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal diario Faro de Vigo do 22-7-93, no BOP de Pontevedra do 12-8-93, no DOG do 3-3-94 e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Salvaterra de Miño e nos da delegación provincial referida; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública recibiuse unha alegación presentada por determinados veciños de Nogueiró de Meder, pola que solicitan o cambio de lugar do C.T. onde remata a L.M.T. citada, e outra no mesmo sentido subscrita polo presidente da Asociación de Veciños de San Adrián de Meder; desestímanse ó non estaren incluídas dentro das prohibicións que establece o art. 25 do sinalado decreto ou limitacións que enuncia o 26.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2.619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo

mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2.619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea a 15/20 kV ó C.T. de Covelo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Salvaterra de Miño (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que constan no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio