Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 1995 pola que se conceden axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos dentro da Acción IV do Programa Lingua.

Por orde do Ministerio de Educación e Ciencia do 21 de abril de 1994 (BOE do 10 de maio) foron convocadas axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos dentro da Acción IV do Programa Lingua.

De conformidade co disposto nos apartados noveno e décimo da citada orde, correspóndelle a esta Comunidade Autónoma a resolución desta convocatoria no ámbito das súas competencias.

Na súa virtude, vista a proposta de adxudicación feita pola comisión de avaliación, esta secretaría xeral,

RESOLVE:

Primeiro: adxudicarlles axudas para a realización de intercambios escolares e para visitas preparatorias pola contía indicada ós centros que figuran relacionados no anexo I.

Segundo: por non teren obtido suficiente puntuación, os centros que aparecen relacionados no anexo II quedan en reserva ante as posibles renuncias dos centros seleccionados. Nesta circunstancia, adxudicarase a axuda seguindo a orde de centros establecidos no devandito anexo.

Terceiro: o libramento das axudas ós centros realizarase a traves das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa seguinte distribución:

a) O 70% do total das axudas correspondente a cada centro beneficiario librarase despois da publicación no DOG da presente resolución.

b) O 30% restante, unha vez recibida a memoria á que se refire o apartado décimo segundo 3.1 da dita Orde do 21 de abril.

Cuarto: de acordo ca normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a:

1º-Comunicar, se é o caso, a obtención de subvenicións ou axudas para a mesma finalidade de calquera das administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2º-Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectua-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Administración do Estado e facilitar canta información lles fose requirida polo Tribunal de Contas.

3º-Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da seguinte documentación:

3.1.-Memorias.

3.1.1.-Visitas preparatorias: os centros beneficiarios deste tipo de axuda enviarán unha breve memoria (orixinal e copia) das actividades levadas a cabo durante a estadía co profesorado do centro asociado, indicando os futuros proxectos de colaboración acordados.

3.1.2.-Intercambios e encontros: os centros beneficiados enviarán orixinal e copia da memoria descritiva da viaxe e estancia realizados, cunha extensión máxima de 25 folios.

A devandita memoria reflectirá o grao de cumprimento dos obxectivos programados, o número de alumnos participantes e a avaliación das actividades desenvolvidas, incluíndo elementos de análise por parte dos alumnos. Poderase xuntar material audiovisual.

Xunto con esta memoria deberán presenta-lo cuestionario cuberto por cada alumno español participante, que lles foi remitido por esta consellería.

3.1.3.-A documentación a que se refiren os apartados 3.1.1 e 3.1.2 deberá ser remitida antes do 15 de xullo de 1995, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, edificio San Lázaro nº 107, 15007 Santiago de Compostela, precisando «Programa Lingua».

3.2.-Certificado da dirección do centro que exprese que se cumpriu a finalidade que motivou a concesión da axuda concedida.

3.3.-Carpeta-índice que inclúa tódolos orixinais de nóminas, recibos, facturas e calquera outro xustificante de gasto realizado que, legalmente admitido, sexa imputable á axuda concedida.

Unicamente cando os beneficiarios destas axudas sexan alumnos de centros públicos, a documentación esixida no apartado 3.3 poderá ser substituída por unha certificación do consello escolar sobre a aplicación dada á axuda recibida, que substituirá os xustificantes orixinais contidos na carpeta-índice. Estes xustificantes orixinais quedarán en poder dos centros á disposición do Tribunal de Contas e da Intervención Xeral da Administración do Estado para a realización das comprobacións oportunas no ámbito das súas respectivas competencias.

3.4.-A documentación a que se refiren os apartados 3.2 e 3.3 terá que ser remitida antes do 15 de novembro de 1995 á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, antes citada.

Quinto: a non xustificación da axuda percibida de acordo co disposto nestas bases levará ó reintegro das cantidades non xustificadas e ás esixencias dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas nas que poida incorrer de acordo cos artigos 81 e 82 da vixente Lei xeral orzamentaria.

Sexto: calquera alteración das condicións tidas en conta contra a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Sétimo: a presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Oitavo: contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer, no prazo de un mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1995.

Juan José Bértolo Cadenas

Secretario xeral da Consellería de Educación e

Ordenación Universitaria