Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xaneiro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas para accións de promoción da lingua galega.

A Xunta de Galicia promove o uso do galego como lingua propia de Galicia e recoñece así mesmo que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso do idioma galego.

Segundo o exposto, a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística de Galicia anima ás empresas para que promovan o emprego da lingua galega, introducíndoa no ámbito económico e mercantil.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten o obxectivo de fomenta-lo uso da lingua galega nas actividades mercantís, comerciais e publicitarias, co fin de dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, polo que cre conveniente arbitra-las medidas e procedementos económicos administrativos necesarios para concederlles subvencións a aquelas empresas privadas legalmente constituídas, que realicen actividades de promoción da lingua galega.

Na súa virtude, de acordo coa vixente normativa en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria e para tal fin,

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, poderá conceder subvencións ás empresas privadas para accións de promoción da lingua galega, con cargo á aplicación orzamentaria 07.06.353F.470, destinándose para isto unha cantidade total máxima de cen millóns de pesetas (100.000.000 de pesetas), correspondente ós orzamentos anuais da Comunidade Autónoma para o ano 1995.

Segundo.-As subvencións, solicitadas polo presidente ou director de cada empresa, empregando como modelo o que se sinala como anexo I a esta orde, concederanse para os seguintes sectores de actividades por orde de prioridade:

a) Constitución dun servicio de normalización lingüística, que terá as funcións de asesoramento lingüístico da empresa e de promoción do uso do galego entre os seus membros.

b) Rotulación externa e interna de carácter permanente das empresas.

c) Utilización da lingua galega na documentación e información ó público nas empresas.

Para o apartado b) enténdese xa subvencionadas e polo tanto sen dereito a unha nova subvención para o mesmo fin aquelas empresas que resultaron perceptores da subvención en anos anteriores.

Terceiro.-As subvencións para constituír servicios de normalización, lingüística, que contarán cun licenciado en filoloxía galega ou equivalente ou cun profesor especialista en lingua e literatura galegas contratado pola empresa solicitante, concederanse a aquelas empresas que teñan un número de empre

gados suficiente ou unha actividade que así o xustifique e que presenten un proxecto de potenciación do uso do galego que sexa relevante.

Cuarto.-Xunto coa petición engadirase a seguinte documentación:

a) Anexo I debidamente cuberta.

b) Acreditación da súa personalidade, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución e poder notarial do asinante da solicitude, no caso de non ser empresa individual, ámbolos dous inscritos no Rexistro Mercantil.

As empresas individuais presentarán fotocopia legalizada do DNI do titular.

c) Memoria descritiva do proxecto para o que se solicita a subvención, na que consten tódolos datos referidas a ela.

d) Orzamento de gastos, total e desagregado por capítulos.

e) Aquelas empresas que soliciten a constitución dun servicio de normalización lingüística especificarán o tipo de contratación que pretenden realizar, con expresión, no orzamento de gastos, da cantidade mensual, anual ou por servicios prestados de asesoramento.

Textos ás que fai referencia o artigo 6 desta orde.

g) Declaración xurada de que non gozan para a mesma actividade de ningunha axuda económica doutras entidades ou institucións. No caso de que se lle conceda unha subvención a posteriori para este mesmo fin, o beneficiario terá a obriga de comunicarllo á Administración e será de aplicación o disposto no art. 78.3 da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

h) Certificación bancaria orixinal da conta corrente na que desexen que se lle ingrese o importe da subvención, ó nome da empresa solicitante.

i) Fotocopia do CIF.

Quinto.-

1.-O prazo de presentación de solicitudes e da devandita documentación será de 15 días, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2.-As peticións entregaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificios administrativos de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), e será de aplicación o previsto no art. 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.-Os erros que figuren na solicitude seranlles notificados ós interesados e daráselles un prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ó da recepción da notificación para que os emenden así como para que engadan a documentación preceptiva, se é o caso. Se transcorrido o devandito prazo non se producise a mencionada reparación a petición será arquivada sen máis trámite.

Sexto.-Xunto coa solicitude de subvención deberán ser presentados os textos que se vaian empregar na rotulación e documentación da empresa, apartados b) e c) do art. 2º desta orde.

Estes textos, unha vez corrixidos, serán devoltos ós interesados para a súa correcta aplicación no proxecto que se vai subvencionar.

Sétimo.-As solicitudes serán estudiadas por unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística (ou persoa na que delegue) e composta polos seguintes membros:

Vocais: unha persoa proposta pola Real Academia Galega e nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino en Lingua Galega.

-A xefa da Sección de Xestión e Coordinación Lingüística.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará con voz e sen voto.

A citada comisión aplicará os criterios e prioridades contidos na orde e redactará un informe-proposta de concesión, denegación e exclusión, se é o caso, das subvencións, tendo especialmente en conta a incidencia que no proceso de normalización lingüística teñan os textos propostos.

A concesión e denegación das subvencións será determinada por resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-

1.-As empresas que resulten seleccionadas deberán comunicar por escrito a aceptación da subvención á Dirección Xeral de Política Lingüística no prazo máximo de dez días contados a partir da recepción da comunicación da concesión da subvención.

2.-Para percibi-la subvención concedida, as empresas seleccionadas deberán enviarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística), antes do 15 de setembro de 1995 (agás para aquelas empresas que expresasen na súa petición unha data posterior para a realización do seu proxecto que terán como prazo máximo o 1 de novembro), xustificantes orixinais ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados, conforme co proxecto subvencionado e que representen, como mínimo, o dobre da subvención outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada dos xustificantes que se envíen.

Tódolos xustificantes terán data de 1995.

3.-Deberán rermitirlle, tamén, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística) mostras ou exemplares que respondan ás actividades subvencionadas, se é o caso.

4.-Con independencia da contía da subvención e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios terán que acredita-lo seguinte:

a) Estar ó día nas súas obrigas tributarias mediante certificado expedido polas delegacións ou axencias do Ministerio de Economía e Facenda.

b) Estar ó día nas súas obrigas sociais, mediante certificado expedido pola Tesourería da Seguridade Social.

c) Non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda ou calquera das súas delegacións.

5.-Segundo o establecido na Lei 6/1994, do 29 de decembro, para aquelas subvencións que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo do pagamento de ata o 80%, librándose o 20% restante no momento da completa xustificación, por parte do beneficiario, do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.

Nos demais casos poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos e a conta da liquidación ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

Noveno.-En todo o material informativo ou divulgativo, e só neste material, que as empresas efectúen coa subvención ourtorgada ó abeiro desta orde farán consta-lo patrocinio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística), empregando para isto os logotipos aprobados pola normativa da Imaxe Corporativa da Xunta de Galicia.

Décimo.-O incumprimento de calquera das condicións contidas na presente orde dará lugar á revogación da subvención concedida, logo de audiencia do interesado.

Décimo primeiro.-A aquelas empresas que recibisen subvencións no exercicio económico pasado e non as xustificasen conforme o establecido na Orde do 1-11-94, arquivaráselle-lo seu expediente sen máis trámite.

Décimo segundo.-Se no prazo máximo de 3 meses non recaese solución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Secretario Xeral. Sr. Director Xeral de Política

Lingüística. Sres. Delegados Provinciais da

Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria