Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 1995 Páx. 1.238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xaneiro de 1995 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións e institucións sen fins de lucro para a realización de actividades de promoción da lingua galega.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de lle dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, de normalización lingüística, e de acordo coas indicacións presentadas pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, poderá concederlles subvencións ás asociacións e institucións sen fins de lucro (agás entidades da Administración local) legalmente constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela que, aténdose ás condicións da presente orde, realicen actividades de promoción da lingua galega, desenvolvan proxectos ou organicen actuacións como congresos ou simposios co mesmo fin.

Terán prioridade aqueles proxectos que lle dean permanencia á presencia da lingua galega e as actividades de asesoramento lingüístico permanente.

Na súa virtude, de acordo coa vixente normativa en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria e para tal fin,

DISPOÑO:

Primeiro.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, poderá concederlles subvencións ás asociacións e institucións sen fins de lucro (agás entidades da Administración local), legalmente constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela. As subvencións serán por un importe máximo total de cen millóns de pesetas (100.000.000 de pesetas) con cargo á aplicación orzamentaria 07.06.353F.481, e por un importe máximo total de vinteseis millóns de pesetas (26.000.000 de pesetas) con cargo á aplicación orzamentaria 07.06.353F.482, correspondentes ámbalas dúas ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995.

Segundo.-As peticións formularanse empregando o modelo que se xunta como anexo I e a elas engadiráselles:

a) Anexo I debidamente cuberto.

b) Acreditación legal da súa personalidade (agás para aqueles solicitantes que cumpran co requisito do apartado «h» desta relación) e apoderamento suficiente do asinante da petición.

c) Breve memoria descritiva das actividades, proxectos ou actuacións para as que se solicita a subvención, especificando os autores, colaboradores, participantes (no caso de congresos ou simposios), lugar de realización e outros aspectos que se consideren de interese para coñecemento e valoración da petición.

d) Orzamento de gastos detallado, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

e) Declaración xurada do solicitante de se, para a mesma actividade, goza ou non dalgunha subvención máis doutro organismo. No caso de que se lle conceda unha subvención para este mesmo fin, o beneficiario terá a obriga de comunicarllo á Administración sendo de aplicación o disposto no art. 78.3 da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

f) Certificación bancaria orixinal da conta corrente na que desexen que se lles ingrese o importe da subvención, a nome da asociación solicitante.

g) Fotocopia do CIF.

h) Certificado expedido pola Consellería de Cultura (orixinal ou fotocopia) conforme a entidade solicitante consta no censo de entidades culturais de Galicia (Orde do 29 de outubro de 1986, DOG nº 221/1986). Este requisito só será necesario no caso de que a entidade solicitante sexa unha asociación cultural.

Terceiro.-

1.-O prazo de presentación de solicitudes e da devandita documentación será de 15 días, a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2.-As peticións entregaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificios administrativos de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), sendo de aplicación o previsto no art. 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.-Calquera defecto na solicitude seralles notificado ós interesados e daráselles un prazo de 10 días para emendar erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se produciu a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Cuarto.-As publicacións, escritos, comunicacións, relatorios, informacións e publicidade das distintas actividades, proxectos ou actuacións deberán facerse en galego, ó abeiro da lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional e Decreto 173/1982, do 17 de novembro) e neles os adxudicatarios das subvencións que se concedan farán constar, mediante os anagramas establecidos pola normativa da Imaxe Corporativa da Xunta de Galicia, que están subvencionados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Política Lingüística).

Quinto.-Estudiará as solicitudes unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística (ou persoa na que delegue), e composta polos seguintes membros:

Vocais:

-Un representante proposto pola Real Academia Galega e nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino na Lingua Galega.

-A xefa de Sección de Xestión e Coordinación Lingüística.

-Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará con voz e sen voto.

A citada comisión aplicará os criterios e prioridades contidos na orde e redactará un informe-proposta de concesión, denegación e exclusión, se é o caso, das subvencións.

A concesión e denegación das subvencións será determinada por resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.-

1.-As entidades que resulten seleccionadas deberán comunicar por escrito a aceptación da subvención á Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) no prazo máximo de 10 días contados a partir da comunicación da recepción desta.

Posteriormente deberán remitir á Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria), antes do 1 de setembro de 1995 (agás aquelas entidades que expresasen na súa petición unha data posterior da realización do seu proxecto que será como máximo o 1 de novembro do mesmo ano), xustificantes (orixinais ou fotocopias compulsadas) dos gastos realizados, que representen, como mínimo, unha cantidade igual á axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada e numerada dos xustificantes que se envíen.

2.-Tódolos xustificantes terán data de 1995.

3.-Admitiranse xustificantes unicamente polos seguintes conceptos:

a) Gastos de material e servicios:

Gastos de material funxible e servicios necesarios para a consecución da actividade subvencionada e que así se expresa na memoria descritiva e proxecto de orzamento que se presenta na petición.

b) Gastos de persoal:

Colaboradores, contratos de persoal (deberán ser licenciados en filoloxía galega ou equivalente, ou profesores especialistas en lingua e literatura galega, para casos de asesoramento lingüístico), directores, coordinadores de proxecto, etc.

4.-Deberán remitirlle á Dirección Xeral de Política Lingüística mostras que respondan ás actividades subvencionadas, se é o caso.

5.-Segundo o establecido na Lei 6/1994, do 29 de decembro, para aquelas subvencións que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, poderá acordarse no momento da concesión un anticipo do pagamento de ata un 80%, librándose o 20% restante no momento da completa xustificación, por parte do beneficiario, do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, e a conta da liquidación ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

Sétimo.-Aquelas entidades que recibisen subvencións no exercicio económico pasado e non as xustificasen, conforme o estipulado nos artigos 6º e 7º da Orde do 4 de febreiro de 1994, arquivaráselle-lo seu expediente de solicitude sen máis trámite.

Oitavo.-O incumprimento de calquera das normas contidas na presente orde dará lugar á revogación da subvención concedida, logo de audiencia do interesado.

Noveno.-Se no prazo máximo de 3 meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Secretario Xeral. Sr. Director Xeral de Política

Lingüística. Sres. Delegados Provinciais da

Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria