Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 1995 Páx. 1.211

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 18 de xaneiro de 1995 pola que se regulan as subvencións á producción audiovisual en lingua galega.

O mundo audiovisual galego, en constante evolución, está alcanzando un importante nivel nas súas produccións tanto en soporte cinematográfico como videográfico obtendo o recoñecemento tanto en Galicia coma no exterior. A Consellería de Cultura quere contribuír a un decisivo impulso e desenvolvemento do noso sector audiovisual, e é por isto polo que considera necesario realiza-la convocatoria de axudas que facilite a posibilidade de levar a bo fin proxectos que, polo seu interese, calidade e posibilidades sexan merecedores do apoio desta consellería co fin de contribuír á consolidación do sector.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º. Convócanse axudas de fomento á producción audiovisual en lingua galega para a realización de proxectos de curtametraxe, longametraxe, vídeo-creación e programas piloto de series de televisión con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353C.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2º. Naqueles proxectos que a productora solicitante considere que teñen o carácter plurianual, a Consellería de Cultura poderá comprometer outras fases de realización do proxecto, ó abeiro do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 3º. Para efectos de clasificación dos proxectos, terán a consideración de curtametraxes as produccións cinematográficas de duración inferior a 60 (sesenta) minutos, longametraxes as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a 60 (sesenta) minutos, vídeo-creación os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal, e programas piloto de series de televisión os que tendan a amosar, mediante a producción dun capítulo, a virtualidade dun proxecto destinado a enriquece-la oferta televisiva.

Quedan excluídos os proxectos encargados por terceiras persoas, así como as produccións didácticas ou publicitarias.

Artigo 4º. Poderán optar a estas subvencións as productoras legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia e que figuren inscritas no rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

Quedan excluídas as que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento.

Artígo 5º. Á cantidade adxudicada a cada proxecto engadiráselle a que lle poida corresponder pola venda de dereitos de comunicación pública, reproducción e distribución por televisión a Televisión de Galicia. TVG decidirá por si mesma sobre que produccións de entre as subvencionadas adquirirán os dereitos de comunicación pública, reproducción e distribución por televisión. O ámbito territorial, prezo e demais condicións do contrato de adquisición dos dereitos antes mencionados será pactado libremente entre Televisión de Galicia e a productora correspondente.

Artigo 6º. As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura e nos rexistros das súas delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta e cinco días naturais contados a partir do día seguinte ó da públicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Achegarase a documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI do representante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora e do seu domicilio legal en Galicia.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

-Documentación acreditativa da inscrición no Rexistro de Empresas do Instituto da Cinematografía e Artes Audiovisuais.

-Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

-No caso de a productora ser unha sociedade, fotocopia compulsada da inscrición no Rexistro Mercantil.

-Acreditación de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

Xuntarase, así mesmo, a seguinte documentación por sextuplicado:

-Historial do solicitante ou da productora.

-Memoria explicativa e sinopse do proxecto.

-Guión definitivo da producción en lingua galega.

-Equipo técnico e artístico que realizará o proxecto, con presentación de acordos ou contratos.

-Plan de producción con declaración sobre as previsións de inicio e remate e orzamento total dela desagregado por conceptos.

-Plan de financiamento con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións, se os houber, documentalmente acreditado.

-Calendario dos investimentos que se van desenvolver para a execución do traballo indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano -no caso de proxectos plurianuais- debendo figurar nel a contía da axuda solicitada para a súa realización.

Artigo 7º. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión presidida polo director xeral de Cultura ou, persoa en quen delegue. Serán vocais da comisión seis persoas nomeadas polo conselleiro de Cultura, a proposta do director xeral de Cultura, dúas das cales serán designadas por Televisión de Galicia, unha polas asociacións profesionais do audiovisual galego, que en ningún caso poderá ser solicitante nin ter vinculación cos solicitantes, o director do Centro Galego de Artes da Imaxe, dúas de recoñecida competencia no mundo audiovisual. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Cultura. A comisión poderá reunirse cantas veces o considere necesario o seu presidente; o director xeral elevará proposta ó conselleiro de Cultura que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8º. A comisión avaliadora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá, para a súa valoración, ós seguintes aspectos:

-Calidade do proxecto.

-Rodaxe de exteriores, emprego de persoal artístico e técnico e servicios radicados en Galicia.

-Uso da lingua galega, de acordo coa lexislación vixente, na versión orixinal das produccións.

-Uso de formatos profesionais no caso de produccións videográficas e de 35 mm para as produccións cinematográficas.

-Axuste entre o proxecto e o orzamento da producción así como a viabilidade do seu financiamento.

Artigo 9º. A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

9.1. Proxectos de longametraxe: o 40% como máximo do custo total que se vai empregar na producción.

9.2. Proxectos de curtametraxe: o 60% como máximo do custo total que se vai empregar na producción.

9.3. Proxectos de vídeo-creación: o 60% como máximo do custo total que se vai empregar na producción.

9.4. Proxectos de programas piloto de series de televisión: o 50% como máximo do custo que se vai empregar na producción.

Artigo 10º. Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de 10 días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 11º.

11.1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberalle ser notificada á Consellería de Cultura, que decidirá o que proceda logo de consulta á comisión establecida no artigo 7º da presente orde.

11.2. As productoras subvencionadas deberanlle comunicar á Consellería de Cultura a data de inicio e finalización da rodaxe da producción subvencionada.

11.3. Así mesmo, as productoras adxudicatarias de subvencións incorporarán en réxime de prácticas e por especialidades a alumnos da Escola de Imaxe e Son de Galicia ou outros estudiantes, galegos ou residentes en Galicia, de audiovisuais, contribuíndo así á súa formación na súa futura actividade profesional, debendo xustificalo co correspondente certificado expedido pola escola a que corresponda o alumno, e que deberá ser entregado coa copia da producción rematada.

A Consellería de Cultura poderá realiza-las comprobacións que xulgue oportunas para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto, podendo encargar unha auditoría sobre a producción.

Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Cultura, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 12º. O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presenta-la xustificación dos investimentos correspondentes a cada exercicio económico antes do 1 de novembro do exercicio de que se trate, entregándolle á Consellería de Cultura xustificación do investimento efectuado pola cantidade que corresponda; no último ano, ademais da xustificación correspondente entregaranlle dúas copias no caso de produccións cinematográficas e unha copia nos demais supostos en lingua galega á Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Cultura, así como un resumo do investimento realizado.

Para proceder a calquera pagamento, a productora beneficiaria deberá presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e

sociais e de que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 13º. As copias entregadas á Consellería de Cultura quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe para a súa conservación e uso con fins culturais non lucrativos. Con tal fin a Consellería de Cultura poderá realizar cantas copias considere precisas, especialmente en actividades de promoción do audiovisual galego.

Artigo 14º. O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura para instruír expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 15º. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo, se non o fai arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións considere precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1995.

Vícior Manuel Vázquez Portormeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura