Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 1995 Páx. 1.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 1994 pola que se convocan axudas para o estudio de varios idiomas comunitarios.

Para contribuír ó fomento da preparación e adestramento do persoal das administracións públicas da Comunidade Autónoma galega no uso das linguas comunitarias, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca 50 axudas para asistencia a cursos de idiomas conforme as seguintes,

BASES

I.-Solicitantes.

1. Para solicitar estas axudas será necesario reuni-los seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servicio activo e ser funcionario de carreira ou contratado laboral fixo da Xunta de Galicia que desenvolva en tódolos casos funcións administrativas. Tamén poderán solicitalas os funcionarios de carreira e contratados laborais fixos, das administracións local, universitaria e parlamentaria de Galicia.

b) Estar matriculado en calquera centro especializado en ensino de idiomas ou poder estalo ata o remate do prazo de presentación de instancias nalgunha das seguintes linguas: inglés, francés, alemán, italiano ou portugués.

c) Que as clases teñan lugar fóra do horario de traballo do solicitante.

II.-Prazo.

2. O prazo de presentación de instancias será de dez días naturais a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

III.-Número e contía das axudas.

3. O número máximo de axudas fíxase en 50, distribuídas da seguinte forma: 32 de inglés, 12 de francés, 2 de italiano e 2 de portugués. En caso de que non existan candidatos ou non reúnan os méritos suficientes para un idioma, poderán acumularse a outros.

4. A contía máxima de cada axuda ascenderá a 10.000 ptas., para gastos de matrícula e libros de textos ou de consulta.

IV.-Formalización da solicitude.

5. Utilizarase como modelo da solicitude o que se inclúe ó final desta convocatoria e irá dirixida ó director da EGAP, polígono das Fontinas, s/n, 15703 Santiago de Compostela (A Coruña).

6. As solicitudes presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

1º Copia compulsada do DNI ou NIF.

2º Certificación ou resgardo que acredite estar matriculado nun dos centros citados.

3º Comprobante de ter efectuados os pagamentos da matrícula e dos libros. Acreditaranse por separado os gastos de matrícula e os de libros sen supera-la contía máxima.

4º Certificación académica das cualificacións anteriores no idioma para o que se solicita a axuda. Se non fose obxecto de valoración anterior, presentarase certificación académica dos estudios realizados.

5º Currículum vitae.

V.-Proceso de selección.

7. A EGAP aterase ós seguintes criterios de selección:

1º Daráselles preferencia ós solicitantes de cada idioma que máis o utilicen no seu traballo. A relación co posto de traballo acreditarase documentalmente mediante certificación do responsable da unidade directiva de dependencia.

2º Terá preferencia o persoal da Xunta de Galicia sobre o doutras administracións.

3º Teranse en conta as notas obtidas no idioma respectivo en anteriores cursos e o currículum do solicitante.

VI.-Obrigas dos solicitantes.

8. Quedan obrigados a aporta-la dita documentación, así como aqueles datos que a Administración lles pida para as comprobacións que se consideren pertinentes.

VII.-Obrigas dos beneficiarios.

9. A escola poderá esixi-la devolución da axuda recibida nos supostos de inasistencia regular ás clases ou de non presentarse ás probas establecidas polo centro.

10. Só se poderá ser beneficiario dunha axuda.

11. O desfrute desta axuda é incompatible con calquera outro tipo de axuda financiada con fondos públicos para a mesma finalidade.

12. Tampouco poderá desfrutar destas axudas o persoal que sexa seleccionado para asistir a cursos de idiomas organizados pola EGAP.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 1994.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración

Pública