Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 1995 pola que se convocan catro cursos sobre dereito penal básico dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de catro cursos sobre dereito penal básico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo inicia-la policía no estudio do dereito penal e clarifica-la actuación do policía en temas de dereito penal e nas súas relacións cos que delinquen.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará nas seguintes datas:

-Verín: 16 de marzo.

-Pontevedra: 23 de marzo.

-A Coruña: 11 de abril.

-Sarria: 20 de abril.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) O dereito penal como sistema normativo de control social. b) A xurisdicción penal. c) Eximentes, atenuantes e agravantes. d) Límites constitucionais ó contido e á aplicación das leis penais.

Datas.

O curso celebrarase nas seguintes datas:

-Verín: do 27 ó 31 de marzo.

-Pontevedra: do 3 ó 7 de abril.

-A Coruña: do 24 ó 28 de abril.

-Sarria: do 8 ó 12 de maio.

O horario será de 16 a 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase os días:

-Verín: 21 de marzo.

-Pontevedra: 28 de marzo.

-A Coruña: 18 de abril.

-Sarria: 26 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó telefono (981) 56 34 00.

Lugar.

Os cursos desenvolveranse nos seguintes lugares:

-Verín: Aula de Cultura do Concello.

-Pontevedra: Salón de Actos de Caja Madrid.

-A Coruña: Sede da Policía Local.

-Sarria: Casa do Concello.

Certificado de participación.

Ó final de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó mesmo, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade