Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 1995 pola que se convoca un curso sobre dereito procesual básico dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre dereito procesual básico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal dota-lo policía dun coñecemento teórico-práctico nos temas de dereito procesual, que lle poida ser eficaz no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de marzo de 1995.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas.

a) O proceso penal e o dereito procesual penal.

b) A xurisdicción penal.

c) Acción penal e acción civil.

d) Actos do proceso penal.

e) Actuacións sumariais.

f) A sentencia e a cousa xulgada penal.

g) Os recursos.

h) O proceso penal abreviado. O xuízo de faltas.

i) O procedemento de habeas corpus.

j) A execución penal.

Datas.

O curso celebrarase do 20 ó 24 de marzo de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 13 de marzo de 1995 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó telefono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso celebrarase na cidade de Lugo, no salón de actos do Parque da Milagrosa (Servicio Municipal de Vías e Obras).

Certificado de participación e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada ó mesmo, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade