Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 10 de febreiro de 1995 Páx. 1.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 1995, da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, pola que se incoa expediente para a delimitación do contorno da igrexa de San Facundo, en Ribas de Miño, concello de Paradela (Lugo).

Polo Real decreto do 4 de xuño de 1982, Boletín Oficial del Estado do 30 de xullo, foi declarado ben de interese cultural con categoría de monumento histórico artístico a igrexa de San Facundo, en Ribas de Miño, concello de Paradela (Lugo).

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e órganos consultivos, favorables á incoación do expediente para a delimitación do contorno da igrexa de San Facundo, en Ribas de Miño, no concello de Paradela (Lugo), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro-Ter por incoado expediente para a delimitación do contorno da igrexa de San Facundo, en Ribas de Miño, concello de Paradela (Lugo).

Protexer este monumento e a zona afectada pola incoación, sendo a súa delimitación a seguinte:

«Comeza a liña no punto 1 situado ó pé do río Miño e inicia o seu percorrido pola estrema que separa as parcelas catastrais 1.273a e 1.274a das 1.305 e 1.306, continuando ata o punto 2 situado no eixe do camiño paralelo ó río que procede da igrexa.

Atravesa o camiño no punto 2 continuando o seu traxecto pola estrema norte das parcelas 1.266 e 1.279, rodeando esta última ata o punto 3.

No punto 3, situado no cruzamento das estremas das parcelas 1.279, 1.278 e 1.282, a liña inicia un percorrido que coincide coas estremas norte e nordeste das parcelas adxacentes que se relacionan a continuación, todas elas incluídas na delimitación: 1.278, 1.276, 1.275, 1.153, 1.154, 1.152, 1.151, 1.150b, 1.157a, 1.158a, 1.159a, 1.160a, 1.16la, 1.161b e 1.163, ata o punto 4 que se sitúa no eixe de camiño que bordea as parcelas 648, 645 e 643.

A partir do punto 4 da liña sigue o citado camiño que entronca coa pista do río Miño, onde está situado o punto 5, situado no eixe deste último.

Desde o punto 5 continúa baixando en dirección noroeste ata o punto 6, coincidente coa intersección da aresta do camiño e a estrerna da parcela 70 e continúa, incluíndo o núcleo de Lombao e deixando fóra as parcelas 69, 68 e 67, ata o punto 7 colocado no cruzamento das estremas das parcelas 67 e 19.

A partir do punto 7 a liña segue un percorrido continuo coincidindo coa estrema sur das parcelas 17, 17d, 18a, 29, 30, 30a, 43, 42, 71 e 78 ata chegar ó río Miño, onde está situado o punto 8».

Segundo.-Segui-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Terceiro.-Dar traslado da resolución ó alcalde do concello de Paradela (Lugo) e notificarlle que o outorgamento das novas licencias de obras e a execución das xa concedidas antes de incoarse o expediente precisarán resolución favorable da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental.

Cuarto.-Notifica-la presente resolución ó arcebispo de Lugo, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Cultura, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Quinto.-Que a presente resolución sexa publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 1995.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral do Patrimonio Histórico e

Documental