Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 09 de febreiro de 1995 Páx. 1.122

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

DECRETO 40/1995, do 27 de xaneiro, polo que se regulan as feiras culturais en Galicia.

En razón da súa competencia exclusiva en materia de fomento da cultura, segundo o artigo 27.19 do Estatuto de autonomía para Galicia, e en razón do artigo 32 do mesmo estatuto, que lle atribúe tamén a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, a Comunidade Autónoma de Galicia ten asumido desde hai tempo a súa responsabilidade en materia de organización e regulación de feiras de carácter cultural, na conciencia da súa importancia e no convencemento da súa idoneidade como método de achegamento da cultura á poboación galega.

Nese sentido redactou no seu momento o Decreto 466/1990, do 27 de setembro, polo que se regulaban as feiras do libro en Galicia e que foi a base sobre a que se asentaron multitude de actividades feirais por toda Galicia durante estes últimos anos. Desde hai algún tempo, sen embargo, vénse procurando aumenta-la oferta destas feiras, sumando ás actividades dedicadas ó libro, novas xornadas que poidan cubrir outras áreas, como o debuxo, o gravado, a música ou calquera tipo de oferta cultural que deba interesar ó público galego. Trátase en calquera caso de alternativas que non pretenden substituír nin competir coas vías habituais de comercialización, senón, polo contrario, promocionalas, dándolles novas posibilidades de achegamento, á poboación e promovendo o interese polas diversas expresións culturais.

Faise pois necesario estructurar unha nova regulamentación que recolla as novas alternativas feirais e a experiencia acumulada nestes anos de funcionamento de diversos tipos de feiras, e á vez que se axuste á actual normativa no referente ás iniciativas culturais xurdidas trala publicación do Decreto 334/1994, do 8 de setembro, polo que se crea o Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais.

Por iso, por proposta do conselleiro de Cultura, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A promoción e difusión dos diferentes vehículos culturais, xa sexan libros, discos, cintas, debuxos, gravados, ou calquera expresión cultural susceptible de comunicación a través da súa venda ou exposición pública, pode, fóra do ámbito dos circuítos habituais e establecidos de comercialización, intentar achegarse ó público mediante a celebración de feiras temporais.

Artigo 2º

Nas feiras culturais desenvólvese unha actividade non só cultural e de difusión, senón tamén comercial froito da venda dos productos expostos. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente

autorizadas, deberá realizarse seguindo a lexislación existente de carácter xeral e a específica para cada tipo de materiais.

Artigo 3º

A Consellería de Cultura determinará o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade, e as condicións para a participación en cada unha delas.

Artigo 4º

1. A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia realizará e organizará as súas propias feiras culturais, debendo publica-lo calendario de feiras que realizarán os seus servicios dentro do primeiro trimestre de cada ano.

2. Os particulares, asociacións ou institucións que desexen organizar feiras de carácter cultural deberán solicitalo de acordo coas normas que para cada caso sexan publicadas pola Consellería de Cultura. Poderán, así mesmo inscribi-las súas propostas no Rexistro Xeral de Iniciativas Culturais, segundo o estipulado no Decreto 334/1994, do 8 de setembro, polo que se crea o citado organismo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 466/1990, do 27 de setembro, polo que se regulaban as feiras do libro en Galicia, así como tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Cultura para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xaneiro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura