Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 08 de febreiro de 1995 Páx. 1.103

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 25 de xaneiro de 1995 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas para a creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica de instalacións de acuicultura.

A modificación da política comunitaria de estructuras pesqueiras, consumada pola publicación do Regulamento (CE) nº 2.080/1993, que define as funcións específicas das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura, e a transformación e comercialización dos seus productos, e que derroga a normativa anterior, motivou a modificación da normativa da Xunta de Galicia nesta materia, para adaptala á nova realidade. Como consecuencia disto, promulgouse o Decreto 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos.

O Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura, a comercialización, transformación e promoción dos seus productos, supón a norma básica do Estado que adopta a normativa comunitaria nesta materia ó noso ordenamento xurídico.

Esta norma establece que a xestión das axudas recollidas nos orzamentos xerais do Estado e no Instrumento Financeiro de Pesca (IFOP) para o desenvolvemento da acuicultura, corresponderá ás comunidades autónomas. Dáse contido así ó reparto competencial previsto no Estatuto de autonomía de Galicia, posibilitándose unha notable simplificación nos trámites administrativos, de xeito que os beneficiarios terán que tramitar un único expediente de solicitude de axudas para cada proxecto ante a Xunta de Galicia, obtendo así o financiamento con cargo ás tres Administracións, comunitaria, central e autonómica.

Por todo o expresado anteriormente, e tendo en conta que a disposición derradeira do Decreto 278/1994 faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto

O obxecto da presente orde é regula-la concesión de axudas para a creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica das instalacións de acuicultura, con cargo ós créditos que en cada exercicio orzamentario se prevexan para este fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os previstos nos orzamentos xerais do Estado e no IFOP.

Para o ano 1995 as axudas concederanse con cargo a aplicacións orzamentarias 12.02.614B.771.00 e

12.02.614B.771.07, de desenvolvemento da acuicultura e dos cultivos mariños, fondos propios e IFOP, respectivamente.

Nos vindeiros exercicios, as axudas outorgaranse con cargo ás partidas orzamentarias que determine a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de cada ano, referente á creación, modernización, ampliación e innovación tecnolóxica de instalacións de acuicultura.

En calquera caso o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Calquera que sexa a finalidade das axudas poderán ser beneficiarios delas as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños e auxiliares de cultivos mariños, con finalidade productiva enclavados na Comunidade Autónoma de Galicia e que estean en posesión da preceptiva habilitación administrativa.

Artigo 3º.-Limitacións.

Os investimentos subvencionables serán os previstos para este fin no capítulo II, sección terceira, do Decreto 278/1994. En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) A adquisición de terreos.

b) A adquisición, construcción ou acondicionamento de locais ou equipamentos non necesarios para os fins productivos.

c) A adquisición de material de ocasión, reparacións e alugueiro de instalacións ou equipos.

d) Os gastos correntes de mantemento e conservación dos bens e equipos, así como gastos de constitución, explotación e custos administrativos.

e) Os investimentos cunha xustificación que non permita unha verificación do custo.

Artigo 4º.-Accións preferentes.

1.-Terán preferencia no outorgamento destas axudas os investimentos destinados a:

a) A utilización de novas tecnoloxías.

b) A mellora de calidade dos individuos explotados.

c) A adaptación e desenvolveinento de especies novas ou infrautilizadas.

d) A mellora das condicións hixiénico-sanitarias no manexo das explotacións.

e) A mellora das condicións de seguridade e hixiene no traballo.

f) O aforro enerxético.

g) A mellora da comercialización.

h) As accións que contribúan a unha maior rendibilidade desas instalacións.

i) As accións que contribúan a reduci-los danos no medio ambiente.

2.-Complementariamente ó anterior, teranse en conta aqueles investimentos que respondan a:

a) Favorece-la producción de individuos crías de especies autóctonas.

b) Reformas por cambios obrigados polas administracións públicas no exercicio das súas facultades legais.

c) Creación e mantemento de emprego.

d) Beneficio ou participación dos traballadores na empresa ou de calquera tipo de asociación de productores do sector extractivo.

Artigo 5º.-Solicitude e prazo.

O prazo límite de presentación das axudas será para o ano 1995, desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG ata o día 31 de marzo de 1995.

En anos sucesivos o prazo de presentación abarcará desde o 1 de decembro do ano anterior ata o 1 de febreiro do ano que corresponda.

Os modelos de solicitude son os que figuran como anexo I da presente orde e dirixiranse ó delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que corresponda. Presentaranse no Rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos das súas delegacións territoriais e comarcais ou de calquera das maneiras previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Documentación.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación, presentada por cuadruplicado exemplar:

1.-Estudio técnico dos investimentos, que deberá contar como mínimo con:

a) Localización do investimento e a súa xustificación.

b) Relación detallada dos investimentos polo que respecta ó acondicionamento e urbanización de terreos, construcción de edificios, adquisición de maquinaria, instalacións, equipamentos e elementos de transporte interior e exterior especiais, así como os elementos auxiliares necesarios para a explotación.

c) Orzamento detallado do investimento.

d) Cando se trate de novas construccións ou ampliacións das existentes, deberá presentarse proxecto sinalado polo técnico competente. No caso de barcos auxiliares presentaranse os planos correspondentes.

e) Calendario dos investimentos e plan de financiamento por anos.

f) Declaración na que se faga consta-lo número de postos de traballo con que se conta antes do investimento e despois del, indicando se son fixos ou temporais e a súa cualificación.

g) Amais daqueles datos que o solicitante considere convenientes para o mellor conecemento do proxecto, deberá facer consta-las necesidades de

enerxía e auga, medidas anticontaminantes respecto ó medio natural e medidas de hixiene e seguridade no traballo.

2.-No caso de empresas xa establecidas, deberán indicarse pormenorizadamente os activos xa existentes, e sinalar cales serán obxecto de renovación, modernización ou innovación, se se trata de investimentos destinados para estes fins.

3.-Acreditación de que o solicitante está en posesión ou tramitación das autorizacións necesarias para a realización do proxecto. En calquera caso, antes de finaliza-lo período que establece a presente orde para a aceptación da subvención concedida, os interesados deberán estar en posesión das autorizacións pertinentes para a realización do proxecto.

4.-Certificación de non iniciación do investimento para o que se solicita axuda, expedida polos servicios correspondentes desta consellería, segundo o disposto no artigo 34.1. do Decreto 278/1994, do 8 de setembro.

5.-Cando se trate de investimentos que supoñan un incremento das produccións que se van comercializar, será imprescindible a presentación dun estudio de mercado. Estas produccións deberán axustarse ós obxectivos de producción establecidos polo programa de orientación plurianual para a acuicultura (U.E. decisión da Comisión do 20-12-1991).

6.-Declaración sobre calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida, ou que se pretenda solicitar a calquera outra administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

7.-Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta de que é titular o solicitante, para os efectos de pagamento da subvención.

8.-Acreditación dos datos rexistrais de empresa (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas), se é o caso.

9.-Declaración de estar ó día nas obrigas fiscais e sociais e de non ter débedas contraídas coa Administración da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Avaliación.

Presentada a solicitude e a documentación que debe acompañala e reparadas as posibles deficiencias observadas, procederase á avaliación dos proxectos presentados por parte do persoal técnico das delegacións territoriais da consellería. Os delegados territoriais remitirán no prazo máximo de dous meses proposta de resolución á Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, acompañándoa de dous exemplares de cada un dos expedientes presentados, co fin de elevar proposta definitiva de resolución ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, unha vez axustadas as propostas ás dispoñibilidades orzamentarias tanto da consellería como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e IFOP.

Artigo 8º.-Resolución e notificación.

1.-A resolución do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será motivada e definitiva en vía administrativa.

2.-A non notificación da resolución no prazo de 3 meses desde a data límite da presentación de solicitudes para a convocatoria de que se trate determinará a súa denegación presunta, quedando aberta a vía contencioso-administrativa.

3.-A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura denegará as solicitudes referentes a proxectos que considere que carecen de interese ou non se dirixan especificamente ós obxectivos establecidos nesta orde; así mesmo poderá excluír do cómputo do investimento obxecto das axudas as partidas que non se correspondan co sinalado nesta orde.

Artigo 9º.-Contía máxima obxecto de subvención.

As axudas concedidas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, ós do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do IFOP terán os límites que se establecen no artigo 28º do Decreto 278/1994, do 8 de setembro, con independencia do previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 278/1994, do 8 de setembro, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 10º.- Fin do expediente.

Poñerán fin ó expediente:

a) A resolución, expresa ou presunta.

b) O desistimento ou renuncia expresa do solicitante ou do seu representante.

c) A declaración de caducidade nos termos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) O incumprimento dos prazos previstos para a realización dos investimentos.

Artigo 11º.-Aceptacíón.

Unha vez que as delegacións territoriais, comuniquen ós beneficiarios a subvención concedida, estes deberán remitir escrito de aceptación nun prazo máximo de 15 (quince) días naturais; noutro caso, entenderase que se desligan do compromiso coa Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e que renuncian, polo tanto, á subvención concedida.

Artigo 12º.-Execución dos investimentos.

Os investimentos correspondentes a cada exercicio económico deberán estar realizados antes do día 15 de outubro do exercicio correspondente.

Artigo 13º.-Xustificación do proxecto.

Finalizado o investimento de que se trate, os interesados deberán presentar antes do día 1 de novembro, na delegación territorial ou comarcal correspondente, a seguinte documentación:

1.-Xustificantes do investirnento e do pagamento por cuadruplicado:

a) Tratándose de adquisición de edificacións: documentación que dea fe da operación de compra.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalacións, equipos, elementos de transporte, elementos auxiliares necesarios para a explotación e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor e certificación de efectiva realización do pagamento expedida pola entidade financeira a través da que se realizou aquel. Para os efectos desta certificación aportaranse copias dos extractos de contas, ordes de transferencia, cheques ou similares.

c) Cando o investimento consista na construcción de edificios e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto, na que fará consta-lo valor das obras realizadas durante o período de que se trate ou facturas que acrediten o valor da obra realizada.

d) Cando se trate de activos adquiridos fóra do Estado español: presentación da correspondente autorización da Dirección Xeral de Transaccións Exteriores. En todo caso o beneficiario acreditará de maneira fidedigna o investimento realizado.

2.-Declaración xurada con achega documental doutras subvencións concedidas ou solicitadas.

Artigo 14º.-Pagamento.

1.-A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de realización e xustificación do investimento, ordenará o pagamento, segundo as disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

2.-A petición do interesado e logo de xustificación documental dos investimentos realizados, o pagamento poderá efectuarse da seguinte maneira:

a) O 50% da subvención despois de realiza-lo 50% do investimento correspondente ó exercicio de que se trata, debendo presentar aval polo importe total da subvención.

b) O 50% restante, unha vez realizada a totalidade do investimento correspondente ó exercicio de que se trate.

Os investimentos superiores ó primeiro 50% que foron obxecto de subvención acumularanse ós previstos para o pagamento do segundo 50% de subvención.

Artigo 15º.-Investimentos plurianuais.

No caso de tratarse de investimentos plurianuais suxeitos ós termos da lexislación financeira e orzamentaria de aplicación, subscribirase o oportuno contrato-programa de carácter plurianual, no que se recollerán os dereitos e obrigas recíprocas que se deban desenvolver por parte das entidades beneficiarias e pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 16º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

En todo caso, e con anterioridade a calquera pagamento total ou parcial, o beneficiario deberá achegar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Seguimento, avaliación e control.

O seguimento e avaliación será realizada pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, de acordo co previsto no capítulo VII do Regulamento (CEE) 2.082/1993, do 20 de xullo do Consello, e o artigo 95 do Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro.

En todo caso, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera intre inspeccionar e controlar que as axudas concedidas son destinadas ás finalidades previstas. En consecuencia, poderá facer visitas e inspeccións nos centros e servicios dos beneficiarios, incluso previamente á concesión das axudas para comproba-la súa adecuación á normativa vixente. Do mesmo xeito, poderase requirir dos beneficiarios a achega de documentación que complemente o disposto nesta orde, así como os cuestionarios e informes previstos para dar cumprimento ó disposto no regulamento (CEE) 2.082/1993, do 20 de xullo, e Real decreto 2.112/1994, do 28 de outubro.

Artigo 18º.-Posible anulación da subvención concedida.

O incumprimento dalgunha das condicións ou obrigas impostas no Decreto 278/1994, do 8 de setembro, e na presente orde, ou previstas no contrato-programa, determinará a perda das axudas pendentes de percibir, sen prexuízo da devolución das axudas xa percibidas se fosen indebidas, así como das sancións administrativas recollidas nos artigos 6.22º e 7.11º da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros ou penais a que se refire o artigo 350 do Código penal.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes presentadas ó amparo da Orde do 26 de setembro de 1994, e que non puideron ser atendidas con cargo 6 exercicio orzamentario de 1994, poderán ser atendidas ó amparo da presente orde. Do mesmo xeito poderán acollerse ó disposto nesta orde, polo que respecta á axuda nacional e

do IFOP, aqueles expedientes que obtiveron financiamento autonómico ó abeiro do previsto na Orde do 26 de setembro de 1994, así como os demais supostos previstos no apartado primeiro da disposición transitoria primeira do real Decreto 2.112/1994, do 28 de outubro.

Segunda.-No caso de que as circunstancias obriguen a acometer investimento con posterioridade á data límite de presentación de solicitudes sen que se formulase esta dentro do prazo sinalado no artigo 5º, poderá, excepcionalmente, solicita-la axuda en calquera momento do ano, existindo a posibilidade de que este investimento fose subvencionado dentro da convocatoria inmediatamente posterior.

Así mesmo, aquelas solicitudes de axuda que non puidesen ser atendidas na convocatoria anual correspondente poderán ser retomadas con cargo á convocatoria inmediatamente posterior, aínda que estas solicitudes non terán a consideración de preferentes con respecto a aquelas que sexan presentadas por vez primeira.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura